Sacyr denuncia un membro de Adega por tomar mostras de auga na mina de Lousame

Instalacións da mina de Lousame © Adega

Un membro da asociación ecoloxista Adega vén de ser denunciado por unha empresa do grupo Sacyr por entrar no recinto mineiro que xestiona en Lousame para tomar mostras de auga contaminada. Así o vén de anunciar o colectivo, que coñeceu a noticia a través da Garda Civil e que denuncia que, "ante a falta de argumentos, imponse a estratexia do medo e a de matar o mensaxeiro". 

O denunciado é Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, que tomou mostras de auga contaminada nas minas de San Fins

O afectado é o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, denunciado  por ter entrado "en terreos privados sen permiso" e, como lembra o colectivo, "armado dun medidor de pH e unha garrafa de plástico".

Foi a compañía Tungsten San Finx SL -constituída por Valoriza Minería, filial de Sacyr, para facerse coa mina de wolframio en Lousame e reiniciar a súa actividade- quen denunciou esta persoa logo de que o mes de maio pasado tomase mostras das augas residuais mineiras para ofrecer "datos obxectivos sobre o grao de contaminación dos efluentes da mina". 

Os resultados das mostras confirmaran a "alta carga contaminante" das auga mineiras

"En Adega quixemos contar con datos actualizados sobre o potencial contaminante destes efluentes e achegámonos até a explotación para tomar diversas mostras", explica a asociación ecoloxista, que lembra que os resultados "confirmaron a alta carga contaminante das augas mineiras", polo que integraron o núcleo das alegacións presentadas contra un proxecto polo que moita cidadanía xa amosou a súa inquedanza ante o posible impacto na ría de Noia.

O caso é que a empresa solicitara a Augas de Galicia permiso para verter ao dominio público un millón de metros cúbicos por ano de augas procedentes das galerías inundadas e das entulleiras. Segundo Adega, estas verteduras serían deitadas polo rego de San Fins (ou da Rabaceira) até a ría de Noia, "podendo supoñer un perigo para o ecosistema da ría e a produtividade marisqueira".

No expediente da solicitude, análises da propia Administración apuntaban a alta carga de metais pesados das augas mineiras, mesmo quilómetro e medio río abaixo da explotación. Ante as alegacións masivas por parte de veciñanza, colectivos sociais e políticos e diversas entidades ecoloxistas (tamén as de Adega asinadas polo propio Eirexas), a filial de Sacyr pediu a suspensión do procedemento por tres meses para proceder a "novos estudos de tratabillidade e calculos hídricos e estruturais".

"En lugar de revisar o seu chafalleiro proxecto, Tungsten San Finx SL dedicouse a buscar elementos para amedrentar as entidades que tentamos defender a saúde, o ambiente e o interese público", quéixase Adega, que lembra que a denuncia é por ter accedido ás súas intalacións sen permiso e que unha das mostras tomada, no defunto rego da Rabaceira, presentaban niveis contaminantes que multiplicaban por 28 os máximos legais. 

Adega ve "ridícula" a denuncia e advirte que o terreo onde se tomou a mostra non é propiedade da empresa senón da comunidade de montes

Adega cualifica de "ridícula" a denuncia e pregúntase "dende cando está prohibido achegarse ao Dominio Público Hidráulico" ou "onde están as medidas de contención e seguridade das minas San Fins, un recinto aberto ao que calquera pode acceder". Ademais, asegura que o terreo da mina Buenaventura, no que se tomou a mostra, non é propiedade da empresa, senón que pertence á Comunidade de Montes de Silvarredonda.

"Tungsten San Finx SL é titular dunha concesión mineira, non dos regos nen dos terreos que explota, cunhas medidas de saúde ambiental e seguridade pública ben precarias", remata a entidade ecoloxista, que recomenda á compañía que se "ocupe de responder ás graves deficiencias e riscos do seu proxecto en lugar de denunciar a actividade de Adega en defensa da saúde, do ambiente e do dereito á información da cidadanía". Ademais, pide a Augas de Galicia queu remate xa coas "medidas de graza para coa empresa" e conclúa o expediente "resolvendo a denegación do perigoso proxecto". 

Fins Eirexas © Tesouro de Corcoesto
© Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.