"Nos anos sesenta a xente dicía aquilo de queremos sexo, drogas e rock and roll. Parece mentira que a estas alturas teñamos que estar reclamando pan, traballo e teito". Así abría o mestre e narrador oral Lois Pérez Díaz -condutor do acto- as intervencións que serviron de peche á manifestación das Marchas da Dignidade, que este sábado reuniron nas rúas da Coruña unha notable participación en defensa das pensións e dos servizos públicos.
Dividida en dúas columnas (unha que partiu do Pazo da Ópera e outra dende o Campo da Leña) que se uniron na Praza de Ourense para marchar xuntas ata os Xardíns de Méndez Núñez, foi unha manifestación festiva, entroideira , con moita música e animación (da man de Fanfarria Taquikardia), con faixas e bandeiras moi diversas e, así mesmo, unha gran mestura xeracional. Viuse a moita xente nova pero, igualmente, destacou a numerosa participación de xubilados e xubiladas, moi especialmente dos convocados e convocadas polo Movemento galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen), polos colectivos de emigrantes retornados e por grupos de afectados pola estafa das preferentes.
A marcha chegou algo despois das 13.30 horas aos Cantóns, onde se leu o manifesto da convocatoria, nun acto no que cantaron Antón Valcarce, Manolo Bacallau e Lucía Aldao.
"Fóra mafia do noso país", "Coas nosas pensións non se negocia", "Non é unha crise, é unha estafa", "Coa nosa saúde non se negocia", "Reforma laboral para a Familia Real", "Rajoy carota a pensión non se toca" ou "Liorta liorta liorta contra a troika" foron algúns dos berros que se puideron escoitar. Ademais, moitas críticas a PP e PSOE, sobre todo aos populares ao pasar por diante da súa sede local na cidade herculina. No ambiente estaba moi presente a decisión de conxelar os incrementos das pensións que xa este ano está a provocar unha perda do poder adquisitivo para os xubilados e xubiladas; tamén o progresivo incremento da idade de xubilación e da cantidade de anos cotizados necesarios para o cobro da pensión completa; e, igualmente, da continuada redución do fondo de reserva das pensións.
Tamén houbo numerosas apelacións á necesidade de entender as pensións como un dereito gañado ao longo dunha vida de traballo ("Os pensionistas son traballadores, as pensionistas son traballadoras" escoitouse) e a unha toma de conciencia das xeracións máis novas ("futuros/as pensionistas, unídevos" líase nun dos carteis de Modepen). “É necesario cotizar por un período de 38 anos e 6 meses. Nun país cun paro xuvenil que rolda o 50%, onde o acceso ao primeiro emprego é cada vez máis difícil e a mocidade ten que emigrar, o futuro pinta moi negro se non remediamos a situación”, destacouse. O acto pechouse cunha defensa do sistema público de pensións fronte a un denunciado fomento dos plans privados, cunha reivindicación da mellora das pensións máis baixas e cun berro colectivo de "Con dignidade, estamos na rúa, polas pensións, a loita continúa", que se uniu ao xa clásico "pan, traballo e teito"
"Todo isto é un gran timo. O verdadeiro problema das pensións é que o Goberno quere converter un dereito básico nun negocio para as entidades financeiras que ofrecen plans de pensións privados", denunciou a convocatoria. "Non é certo que o sistema de pensións públicas sexa insostible, non é certo que gastemos moito en pensións, non é certo que o déficit da Seguridade Social sexa polas pensións, é pola merma que produciron na clase traballadora as sucesivas reformas laborais, que provocaron traballo precario con salarios de supervivencia", engadiron as organizacións convocantes.