O xuíz confirma o arquivo da causa que investiga o asasinato de Jimmy

Pantalla de Riazor no partido de Copa ante o Betis © Fed. Peñas Deportivo

Arquivada de vez a causa que investiga o asasinato de Jimmy. O titular do xulgado de instrución número 20 de Madrid vén de confirmar ese arquivo ao insistir en que é imposible identificar os presuntos autores materiais da morte do afeccionado deportivista Francisco Javier Romero Taboada, mallado a paus en Madrid por ultras do Frente Atlético. Desestima así os recursos de reforma presentados pola Fiscalía, a Liga de Fútbol Profesional (LFP) e polo outro seareiro branquiazul lanzado ao río Manzanares contra o sobresemento provisional e arquivo da causa que investigaba posibles delitos de homicidio e de lesións, polo que tan só mantén aberta a peza que investiga a rifa tumultuaria.

O xuíz ratifica o polémico arquivo decretado en decembro ao rexeitar os recursos de Fiscalía, LFP e o outro deportivista lanzado ao río

O maxistrado Pedro Merchante Somalo ratifica así a polémica decisión que tomara o pasado decembro e eleva os recursos de apelación presentados subsidiariamente para que sexa a Audiencia Provincial de Madrid a que resolva sobre a reapertura ou non da causa. Para o xuíz -o cuarto que leva o caso-, os argumentos dos recorrentes non desvirtúan a fundamentación daquel auto do arquivo, no que xustifica o peche do caso malia as peticións da Fiscalía, as detalladas investigacións policiais que sinalaron -e polos que se encarceraron- varios ultras neonazis e a pesar da declaración dunha testemuña protexida que corroboraba os feitos. Nin deu por feitas as identificacións dos presuntos autores feitas polos axentes nin as que realizou a devandita testemuña, logo ameazada polo Frente Atlético. 

O maxistrado rexeitou a petición do fiscal de imputar catro ultras e negou a versión policial e a dunha testemuña protexida

Segundo aclara a axencia EFE, o maxistrado rexeita noutro auto os recursos da Liga e da Fiscalía contra un segundo auto de decembro no que desestima as peticións de probas solicitadas polo fiscal e as acusacións, entre elas a petición para que declarase esta testemuña protexida, tamén imputado na causa. Segundo di, "a declaración da testemuña protexida non serviu para identificar a ninguén no procedemento de menores" e engade que a Audiencia Provincial advertira que as súas palabras non constituíron "proba ningunha que permita a identificación dos autores" senón que destacou "a falta de credibilidade da mal chamada testemuña protexida". 

Será agora a Audiencia de Madrid quen decida sobre a conveniencia de citar ou non a testemuña protexida tras elevar tamén o xuíz os recursos de apelación subsidiarios. A causa principal, no entanto, segue adiante. Nela o maxistrado procesou 102 persoas por un delito de rifa tumultuaria tras a pelexa daquel 30 de novembro ao pé do estadio Vicente Calderón. Neste caso, o xuíz xa deu traslado á Fiscalía e as acusacións para que cualifiquen os feitos que lles imputan. 

 

Identificados, encarcerados e logo liberados

O resultado -á espera do que decida a Audiencia Provincial- é que o asasinato a golpes dun afeccionado queda impune logo dun caso cheo de dúbidas, reproches xurídicos e sospeitas. Os antecedentes facían temer o peor, xa que o pasado outubro o xuíz rexeitaba a petición do fiscal de citar como investigados por homicidio e tentativa de homicidio os catro ultras do Frente Atlético detidos pola policía, encarcerados por un xuíz anterior e excarcerados logo por este último por "falta de probas".

A policía achegou vídeos, conversas telefónicas e xeolocalizacións para sinalar un grupo de ultras que acabou detido e logo liberado

Non lle pareceran suficientes as detalladas investigacións da Brigada de Información da Policía, nas que se achegaron vídeos, intervencións telefónicas, mensaxes e xeolocalizacións para sinalar un grupo reducido de ultras de extrema dereita que acabou detido e logo liberado. Nel había destacadas figuras do Frente Atlético. Foran eles, segundo as declaracións nos xulgados dos propios axentes, os mesmos que cunha diferenza de apenas segundos mallaran noutro deportivista, que logrou saír a nada do río con vida.

A defensa usou esa confusión -un ataque que non se correspondía co realizado sobre Jimmy senón co que sufriu o outro afeccionado- para excarcerar os ultras ante a indignación da policía, que se mostrara "estupefacta" e amosara o seu desacordo. Dando por certa a confusión pero ratificadas as agresións, Ibarrondo preguntábase "como é posible que non os citen a declarar para, polo menos, investigar unha posible tentativa de homicidio". Mallar nel e tiralo ao río non supuxo nada daquela e non o supón agora. A causa que investigaba estas lesións tamén foi arquivada.

A policía amosárase "estupefacta" pola decisión do xuíz de liberar os ultras que as súas investigacións sinalaran

Pero hai algo que sorprende aínda maís. O xuíz tampouco tivo en conta a versión dunha testemuña protexida. Ante o xuíz de menores, identificou dous dos mesmos presuntos autores que sinalara a policía, corroborou aquela versión e apuntou outro menor, Álvaro C.G., do que se filtraron mensaxes que intercambiara coa súa noiva: "Lo reventamos, sin porra me quedé". Outras conversas a través do whatsapp deitaban bastante luz sobre a brutalidade exercida polos ultras atléticos e implicaban outros menores.

O pasado mes de xullo, no entanto, a Audiencia Provincial absolveu este menor, que fora condenado por homicidio e afrontaba seis anos de internamento e dous de liberdade vixiada. Aludiu á falta de credibilidade do que denominou "coimputado" por estar investigado tamén por rifa tumultuaria.

O testemuño do menor agora protexido fora realizado nunha causa no xulgado de menores -que si lle dera veracidade- e non no de instrución. G303, así se lle chama no proceso para preservar a súa intimidade, acabou por ser descuberto e ameazado por dous líderes do Frente Atlético que foron condenados por iso.

Mentres, na Coruña, Concello, afección deportivista, directiva do club e cidadanía en xeral clama por que se faga xustiza. E xusto no día no que o Atlético de Madrid visita Riazor, recibe a nova do arquivo definitivo da causa que investiga un asasinato que camiña cara á impunidade. 

Captura de imaxe dunha gravación dos altercados © TVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.