"Un chamamento para que ninguén sexa cómplice" das violencias machistas, "para que todas as mulleres poidan ser donas da súa vida". Os actos reivindicativos ligados ao 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, botaron a andar este domingo en Galicia cunha reivindicación do feminismo como "movemento amplo e diverso" que cómpre reforzar para "avanzar" cara á igualdade real. Baixo a chuvia compostelá milleiros de persoas responderon á convocatoria de sete colectivos feministas para "pular pola dignidade das nosas vidas, polo noso lugar no mundo", subliña o manifesto da mobilización.
Apoiadas por representantes das tres forzas da oposición parlamentaria e mais de colectivos sociais e sindicais como a CIG ou o Sindicato Labrego Galego esta mobilización pretendeu lanzar un chamado "urxente", en verbas de Pilar Estévez, voceira das orgnizacións convocantes. "Se nos despistamos, perderemos dereitos; non nos van regalar nada", advirte. Ben ao contrario, lamenta, "estamos loitando para non perder o que conseguimos" e, ao tempo, para facer ver "á sociedade" que "non pode permitir ningunha agresión máis sobre calquera de nós".
Neste contexto os diferentes movementos feministas presentes na mobilización subliñan a súa pluralidade e, dentro desta, os seus obxectivos comúns. "Temos claro que dende a diversidade somos capaces de estar xuntas nunha mesma loita que precisa de cada unha de nós", subliña Estévez, quen lembra que neste 8 de marzo o feminismo galego pon o acento na loita contra a violencia machista, pero tamén "no empoderamento" feminino. "Son dúas cousas que van á par, non podemos tolerar ningunha discriminación, abuso nin agresión en ningún eido: político, sindical ou social", resalta.
Mobilizacións coma esta, na que se sucederon consignas como "menos discursos, máis recursos" dirixidas ás Administracións públicas, son para as organizadoras mostra de que "as mulleres temos a capacidade de reaxirmos" sen "que nos vitimicen". Neste sentido, resalta Pilar Estévez, as reivindicacións do 8 de marzo pasan tamén pola "educación e a concienciación" como ferramentas para loitar contra as agresións de xénero. "Non perdemos a esperanza, porque temos dereito a vivir nun mundo en igualdade", conclúe.
"Temos claro que dende a diversidade somos capaces de estar xuntas nunha mesma loita que precisa de cada unha de nós"
No medio dunha forte presenza policial transcorreu unha mobilización que concluíu na Praza da Quintana coa lectura do manifesto da mobilización nas voces de Nélida Pisco, Ángeles Fuertes e Pura Seoane, mulleres que nos seus ámbitos laborais sufriron "a discriminación machista". Esta manifestación e todos os actos do 8 de marzo, explicaron, chegan nun conteto de "cifras estremecedoras" de asasinatos machistas, se ben "o feminicidio é a punta do iceberg", xa que "baixo este feito extremo se agochan toda unha serie de violencias e discriminacións".
Os "mal chamados micromachismos", a "cousificación dos nosos corpos, a desigualdade social e económica, a relegación ao traballo non remunerado dos coidados" ou a precariedade e o acoso son, salientan, motivos dabondo para "tercer redes de apoio mutuo" nesta loita polos dereitos, unha "gran rede de sororidade" que "non parte de cero", pero para a que "non é pouco o traballo por facer". "O feminismo xa acadou moito, no noso país e no mundo", pero "o futuro e as nosas vidas dependen de que continúe superando barreiras para todas". "As diferenzas que nos separan non son nada comparado con todo o que nos une: a alegría de combater con outras, a vontade de achegar voces e a certeza de que sumando, multiplicámonos", concluíron.