Este 8 de marzo non se traballa (cando menos na Coruña)

Cartel das actividades programadas na Coruña neste mes de marzo © Concello da Coruña

O pasado mes de setembro o Concello da Coruña declarou como festivos locais para este ano 2017 o habitual Martes de Entroido e, ademais, o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Isto foi posible pola coincidencia en sábado de San Xoán (24 de xuño) e do Día do Rosario (7 de outubro). Nos anos anteriores fora crecendo o debate sobre cal destes dous días debe ser festivo local, sendo o Rosario a festividade escollida tradicionalmente, pero o San Xoán a que goza de máis participación social e de máis transcendencia a nivel turístico. 

A Coruña será este 8 de marzo o único de toda España que sinale deste xeito a importancia do Día Internacional da Muller

Coa designación do 8 de marzo, o Concello da Coruña buscaba "recoñecer o papel decisivo que as mulleres levaron e levan a cabo na formación, desenvolvemento e progreso desta cidade, así como a necesidade de conformar unha sociedade máis xusta, baseada na igualdade de dereitos e oportunidades, tanto para homes como para mulleres". A Coruña será este 8 de marzo o único lugar de toda España que sinale deste xeito a importancia do Día Internacional da Muller (nas pequenas localidades de Arellano e Villatuerta, en Navarra, este mércores tamén é festivo, en honor de San Veremundo). No 2018 San Xoán e Rosario volverán coincidir en fin de semana (domingo), o que facilitará de novo a escolla do 8 de marzo. No 2019, cando as dúas datas caen en luns, regresará o debate sobre cal das dúas debe ser escollida como festivo local.

Este mércores inauguraranse as prazas Oito de Marzo e Elvira Bao Maceiras, militante republicana e das Irmandades da Fala, e que foi apartada da súa profesión de mestra pola súa actividade política

A Coruña programou un amplo abano de actividades ao longo de todo o mes de marzo, que terán o seu centro esta semana. Este mércores inauguraranse as prazas Oito de Marzo e Elvira Bao Maceiras, "como unha forma de reivindicar as mulleres no rueiro da cidade, onde historicamente existen grandes desigualdades”, segundo sinalou a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga. Elvira Bao Maceiras militou nas Irmandades da Fala da Coruña, sendo Secretaria da súa Xunta Directiva en 1918, e na Agrupación Republicana Femenina, da que foi en 1933 presidenta da primeira Xunta Directiva. Como consecuencia do seu activismo político, logo da sublevación do 18 de xullo de 1936 pasou uns meses no cárcere e foi separada definitivamente do ensino público. En 1945 puxo unha escola privada na súa casa do barrio coruñés de San Roque de Fóra.

Desta nova Praza Elvira Bao partirá ás 11.30 horas un roteiro titulado Traficando con peixe e cigarros: mulleres, traballos e saberes da cidade, e no que se irá analizando a actividade laboral histórica de distintos colectivos de mulleres da cidade: farmacéuticas, comerciantas, ferreiras, lavandeiras, pescantinas, redeiras, cigarreiras e sindicalistas a través da Cubela, A Gaiteira, o Parque Europa e o Río Monelos, a Praza da Palloza e a Fábrica de Tabacos. Ademais deste roteiro, a praza da Fábrica de Tabacos acollerá de 12 a 20 horas acollerá unha Feira de Creadoras e Artesás na que, ademais, actuará o grupo de folk de mulleres Habelas Hainas. Ás 20.30 horas no Teatro Rosalía de Castro, Teatro do Atlántico porá en Escena a obra Helena, xuízo a una lurpia. Así mesmo, ás 20 horas a Marcha Mundial das Mulleres convoca unha concentración no Obelisco co lema Frente ao machismo e capitalismo, sempre feminismo.

Ademais, durante todo o mes de marzo centros cívicos e espazos municipais da cidade acollerán encontros abertos coa cidadanía de cara ao desenvolvemento do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas, co obxectivo de definir de forma colectiva o concepto de violencias machistas, “que van máis alá da violencia de xénero". Prevese que en maio se publique un primeiro documento con liñas de actuación. Finalmente, os días 24 e 25 de marzo a Domus será escenario das xornadas Municipios cara á igualdade: políticas transformativas para a igualdade de xénero, na que participarán representantes municipais de Barcelona, Madrid, Fuenlabrada, Valencia, Iruña, Santiago de Compostela, Vitoria-Gasteiz e Castellón, ademais da Universidade da Coruña.

 

Paro Internacional de Mulleres

Este 8 de marzo está convocado, ademais, un Paro Internacional de Mulleres

Este 8 de marzo está convocado, ademais, un Paro Internacional de Mulleres, que dende Arxentina e outros países de América Latina se foi estendendo a todo o planeta, chegando a máis de 30 países. En España a Confederación Intersindical convocou paros parciais de 12 a 14 horas, de 18 a 20 horas e de 21 a 23 horas, dando cobertura legal ás persoas que queiran facer folga. O sindicato sinala que "os paros simbólicos non levan a ningures se non hai perda económica para as empresas". En moitos lugares convocouse un paro simbólico de 12 a 12.30, momento no que se anima a homes e mulleres a abandonar as súas ocupacións e a concentrarse fronte aos seus lugares de traballo.

 

Cartel das actividades programadas na Coruña neste mes de marzo © Concello da Coruña
Elvira Bao Maceiras © Nomes e Voces

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.