A folga xeral no ensino tenta impulsar a fin da LOMCE

Aula baleira nun centro de Primaria, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Un impulso na rúa e nas aulas para a fin da LOMCE. É o que procura a xornada de folga xeral no ensino convocada para este 9 de marzo e que, ao contrario que outras mobilizacións parciais das últimas semanas e meses, atinxe a todos os sectores da escola pública: estudantado de infantil á universidade, profesorado e familias. Como en anteriores ocasións a convocatoria en Galicia é dupla:a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e mais a Plataforma En Defensa do Ensino Público e, dentro delas, as principais organizacións do sector.

Os elementos de rexeitamento son comúns, a grandes trazos, en ambas convocatorias. Estudantes, docentes, nais e pais claman pola "derrogación" da coñecida como Lei Wert despois de que o Goberno de España e o Ministerio de Educación xa accedesen a non aplicala en todos os seus termos e mais polo fin do modelo "3+2" -tres anos de grao, dous de máster- na universidade. Xunto a elas, paira sobre a mobilización a esixencia de convocatoria da oferta pública de emprego que remedie "os recortes" de persoal dos últimos anos e máis garantías de equidade no acceso á educación por vías como o incremento das bolsas.

A "derrogación" da 'lei Wert' e do modelo 3+2 na universidade encabezan as reivindicacións da folga

"A LOMCE deseñouse plenamente de costas á comunidade educativa galega", di a organización estudantil Erguer, e os gobernos galego e español "son conscientes" deste rexeitamento. "Precisamos seguir a exercer esa presión social para derrubala" nun contexto no que, advirten, "non é válido rematar" coa norma "se ao mesmo tempo se nos vende un pacto educativo" para todo o Estado ou se este implica manter a normativa universitaria 3+2. Nesta liña, a Plataforma Galega advirte de que "temos razóns máis que sobradas para denunciar o engano e a farsa que supón o punto de arranque do chamado pacto pola educación, cuxo obxectivo non é outro que consolidar os fundamentos da LOMCE", di a Plataforma Galega, impulsada por organizacións como a CIG-Ensino, que engade á súa táboa reivindicativa a petición dunha lei galega de educación.

As organizacións de estudantes e docentes recean do pacto educativo que se negocia no Congreso

Tamén na Plataforma en Defensa do Ensino Público, apoiada por organizacións como CC.OO. ou a UGT existen receos a respecto do pacto. "O Goberno central afirma e anuncia que está disposto a acadar unha lei educativa de consenso, pero a realidade demostra o contrario" e por iso "a loita debe manterse en todos os niveis e con todos integrantes da comunidade educativa". Neste sentido, o sindicato STEG insta a neutralizar o risco de que "o tan publicitado pacto se convirta nunha LOMCE 2.0, un lavado de cara para a lei máis nefasta". Neste sentido, subliña, cómpre "lembrar a inacción da subcomisión" que se encarga de avanzar nese acordo.

A folga en todos os niveis educativos compleméntase, en todo o Estado e tamén en Galicia, con convocatorias de manifestacións nas principais cidades e vilas, a maioría delas durante a mañá. Estas son as citas:

Localidade Hora Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público Hora Plataforma en Defensa do Ensino Público
A Coruña 11:30 Praza de Vigo 12:00 Praza da Palloza
Ferrol 11:30 Praza de España 12:00 Sede da Xunta
Lugo 11:30 Praza Horta do Seminario 12:00 Sede da Xunta
Ourense 11:30 Subdelegación do Goberno 19:30 Subdelegación do Goberno
Pontevedra 11:30 Praza da Peregrina    
Santiago 11:30 Alameda 12:00 Alameda
Vigo 11:30 Praza de América 12:00 Praza de América
Vilagarcía 11:30 Praza de Galicia    
Ribeira     12:00 IES Número 1

 

Manifestación contra a LOMCE en Vigo CC-BY-SA CIG-Avantarvideos
Manifestación contra a Lomce en Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.