Un total de 5.683 denuncias por violencia de xénero durante o pasado ano. Ese foi o número que recibiron os xulgados galegos, o que supón unha media de 474 ao mes, 109 á semana e 15 ao día. A cifra supón tamén un incremento do 9% respecto ao 2015, cando se presentaran 5.210 denuncias, 473 menos. Con todo, no informe do pasado exercicio publicado este venres polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, Galicia é a terceira autonomía cun menor ratio de vítimas de maltrato machista por cada 10.000 mulleres (36,2), só superior á taxa de Castilla y Léon (34,8) e La Rioja (27,7).
Os xulgados galegos recibiron un total de 5.683 denuncias por violencia de xénero en 2016, un 9% máis que o ano anterior
No conxunto do Estado, as 142.893 denuncias presentadas en 2016 supoñen un aumento do 10% con respecto ao ano anterior e o maior número no que vai de década. Tamén en Galicia, xa que a anterior cifra maior haina que atopar en 2009, con máis de 6.000 demandas.
En Galicia, oito de cada dez denuncias foron presentadas pola vítima, aínda que a maioría delas lévase a cabo cando xa se ten levantado un atestado policial. Así ocorreu en maís de 4.300 dos casos, fronte ás 426 que presentaron a demanda por propia iniciativa ou máis de 340 nas que foron os axentes de policía os que denunciaron o maltratador. Pola contra, segue a haber moi poucos casos de familiares que se deciden a denunciar a situación e tan só oito acudiron a un xulgado e un cento fíxoo logo do atestado das forzas de seguridade.
O ratio de maltratadas en Galicia é aínda moito menor á media estatal
O informe do CXPX determina ademais o número de mulleres que se consideran vítimas de maltrato logo de acadar probas que así o confirmen. O número total -5.104- sitúa o país como unha das comunidades con menor ratio de maltratadas por número de habitantes, un 36,2, aínda moi por debaixo da media estatal (56,7 por cada 10.000 mulleres) ou de autonomías con cifras moito maiores como Balears (93), Canarias (81) ou Murcia (80).
Por outra banda, en Galicia incoáronse en 2016 1.396 ordes de protección, das que se adoptaron 872 e se denegaron 510, estando á comunidade entre os primeiros postos en cato a este tipo de medidas de protección. Alén disto, houbo un total de 39 menores de idade galegos que obtiveron unha orde de prtección dos seus maltratadores, ademais de rexistrarse 13 procedementos no xulgado de menores.