O Festival da Semente Trasancos conmemorará este domingo o centenario da Irmandade da Fala de Ferrol. A partir das 17.30 horas no auditorio de Narón, a terceira edición deste certame destinará todos os beneficios que recade a financiar o proxecto do espazo de ensino galego da comarca e que funciona nesta viila desde hai dous anos, tendo como usuarios cativos e cativas de toda a comarca.
A terceira edición do Festival da Semente Trasancos destinará os seus beneficios a financiar o espazo de ensino en galego da comarca
No festival proxectarase unha curta sobre a lingua creada pola propia Semente Trasancos sobre o seu espazo educativo e haberá actuacións de diferentes artistas con orixe en Ferrolterra. Así, sairán ao escenario o cantautor fenés Roger de Flor, o grupo infantil Quinindiole e a narradora de Mugardos Vero Rilo. A entrada custa 8 euros pero é de balde para os menores de 8 anos.
"A idea é promover a comarca a través de artistas con orixe en Ferrolterra, recuperar a memoria histórica lembrando que hai cen anos que se creara a Irmandade da Fala en Ferrol e que os beneficios recadados vallan para financiar o proxecto do espazo de ensino galego", explican os organizadores.
Cinco escolas e dúas en camiño
Semente Trasancos é un centro onde nenas e nenos de idades comprendidas entre 2 e 6 anos "conviven nun ambiente amable, inclusivo, en contacto coa natureza e coa súa contorna máis próxima, respectando os ritmos de cada quen e onde o galego é a lingua propia na que se desenvolven en comunidade".
En Semente Trasancos, pequenos de entre 2 e 6 anos conviven nun "espazo de inmersión lingüística" en galego
O espazo creouse a partir da asociación cultural do mesmo nome e onde todas as decisións fanse de maneira asemblearia. Contan con máis de cincuenta persoas socias que financian o proxecto e realizan actividades coma o festival solidario deste domingo para poder pagar salarios (teñen a dúas educadoras fixas a traballar) e asumir outros gastos de funcionamento.
Semente Trasancos nace asociada a outras sementes que existen no país e que nacen pola "necesidade de moitas familias de queren transmitir a lingua propia ás súas fillas e fillos nun espazo de inmersión lingüística e onde se respecten os seus ritmos xa que, a día de hoxe, os poderes públicos non ofrecen esa posibilidade". En todo o país son xa cinco escolas de ensino galego que están a funcionar en Narón, Compostela, Vigo e Lugo e dúas máis que comeza a creación do proxecto na Coruña e en Ourense.