Moaña pon a base para unha rede galega contra a eucaliptización

Plantación de eucaliptos nun monte galego Dominio Público Martin253

Un total de 18 colectivos representados. Asociacións ecoloxistas, comuneiros e propietarios de montes, colectivos culturais ou sindicatos agrarios e de defensa do patrimonio. Todos reuníronse este sábado na I Asemblea contra a Eucaliptización celebrada en Moaña, baseada esta na realidade do suroeste galego pero coa intención de ser o impulso para a creación dunha rede contra a masificación e expansión de eucaliptos no país

Un total de 18 colectivos de diferentes ámbitos reuníronse na primeira Asemblea contra a Eucaliptización en Moaña

Organizado por Luita Verde e Erva, e co lema Contra a eucaliptización do país, a primeira das xuntanzas serviu, entre outras cousas, para asentar o obxectivo de crear unha rede de colectivos a nivel galego que poña en valor os montes, que defenda a súa xestión racional e biodiversidade e que artelle unha resposta común contra a implantanción do eucalipto no país. 

"Animamos á celebración de novas asembleas noutras comarcas do país para a elaboración de propostas reivindicativas concretas"

"Animamos á celebración de novas asembleas noutras comarcas do país, á espera de avanzar no debate de ideas e argumentos para a elaboración de propostas reivindicativas concretas", explican nas conclusións desta Asemblea, na que houbo "consenso" en "valorar moi negativamente a situación dos nosos montes, tras 25 anos de vixencia do Plan Forestal aprobado en 1992". Así, todos os colectivos coincidiron en sinalar que o proceso de expansión e ocupación territorial do eucalipto "superou amplamente as expectativas deste plan" e alertouse tamén da "enorme desconfianza que produce a pretendida reforma do mesmo por parte do goberno autonómico".

A Asemblea coincide en que a expansión do eucalipto "superou amplamente as expectativas" do Plan Forestal

"O momento actual é crucial para mobilizar a sociedade galega, co obxectivo de tratar de involucrala na defensa dunha visión alternativa dos nosos montes, do seu aproveitamento e da súa conservación", explica a Asemblea, que aprobou varias ideas claves e postulados sobre as que se pretende construír unha rede galega contra a eucaliptización. 

Así, recoñécese a "importancia e transcendencia da propriedade e titularidade do monte, nomeadamente a do monte veciñal en man común" e a "ineliduble" necesidade de elaborar "instrumentos de ordenación precisos que necesariamente inclúan restricións e planificacións de usos". Ademais, desde a Asembleea apostan pola "divulgación e socialización das alternativas existentes para un desenvolvemento diferente dos montes" e unha valoración deste "que integre os aspectos ecolóxicos, paisaxísticos, culturais e de identidade, ao mesmo tempo que os económicos e produtivos".

A Asemblea cre "fundamental" impulsar o debate sobre "a necesidade de abordar modelos alternativos de monte que respecten a súa multifuncionalidade"

Alén disto, consideran "fundamental" impulsar o debate na sociedade sobre "a necesidade de abordar modelos alternativos de monte que respecten a súa multifuncionalidade" e "prioritario" incidir na esfera administrativa e institucional para "mudar as políticas con respecto ao monte, de xeito que se dea cobertura ás mudanzas precisas". Do mesmo xeito, apostan por recoñecer a importancia dos espazos naturais, "impulsando unha xestión efectiva que integre os mecanismos necesarios para lograr a súa protección, considerando prioritaria a ampliación da súa superfície territorial".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.