0 Gardados para despois

As denuncias por violencia de xénero regresan ao nivel previo á crise económica

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este venres coñecéronse as estatísticas anuais de violencia machista, facilitadas polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. Os datos de denuncias recolleron un notable incremento en 2016 con respecto a 2015 (un 9%). Porén, observando as cifras en perspectiva, compróbase que o número de denuncias segue por debaixo dos niveis previos á crise económica e ao inicio dos recortes, un factor que ten sido sinalado en moitas ocasións como determinante á hora de facer pública unha situación de malos tratos. En 2009 presentáronse 6.067 denuncias, que descenderon nos tres anos seguintes, ata as 4.788 de 2012. Dende entón, as cifras veñen ascendendo, ata case rozar de novo as seis mil en 2016 (5.683).

Se observamos a tendencia trazada por outros indicadores, coma o número de chamadas realizadas ao 016 -o servizo telefónico de información e de asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero-, vemos que a evolución é semellante. Tamén se produciu un descenso a partir do ano 2011, se xeito que o número de chamadas foi notablemente inferior en 2012, 2013 e 2014. Só en 2015 se recuperou o nivel previo aos efectos da crise, acadándose unha cifra máxima en 2016.

O incremento débese, sobre todo, ao maior número de chamadas realizadas por familiares ou persoas achegadas ás vítimas. As chamadas realizadas polas mulleres vítimas de violencia non crecen demasiado dende o 2008 (pasan de 2.628 a 2.801) pero sei o fan as efectuadas polas persoas da súa contorna persoal (pasan de 558 a 1.130). 

Finalmente, o número de ordes de protección incoadas e admitidas manteñen unha relativa estabilidade nos últimos anos, con incrementos e descensos en anos alternos, pero seguindo unha evolución distinta á das denuncias e á da propia crise económica. No 2016, por exemplo, reducíronse con respecto a 2015, manténdose en niveis moi semellantes aos rexistrados antes de 2009: 872 ordes adoptadas, fronte ás 815 de hai sete anos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.