0 Gardados para despois

99 anos da 'Revolta das Pedradas' en Narón

Redacción | @prazapublica

O 13 de marzo de 2018 será o centenario da chamada Revolta de Sedes ou Revolta das Pedradas, un movemento de protesta social que comezou uns días antes en Xuvia (Narón) e que desde alí se estendeu a varios concellos da comarca de Ferrolterra e outras zonas limítrofes e que nesa data acabou con 6 labregos mortos a mans da Garda Civil. Este domingo constituíuse na parroquia naronesa de Sedes a comisión organizadora dos actos do centenario. Na primeira xuntanza representantes dunha decena de entidades da comarca, así como persoas que acudiron a título individual, expresaron o seu apoio a esta iniciativa, co compromiso de traballar ao longo dos próximos meses na concreción dun programa de actos contra aquelas datas. Nunha moción, que será debatida no pleno municipal ordinario deste mes de marzo, o BNG solicita que o Concello e todos os grupos políticos se sumen á comisión.

Segundo explica a agrupación local do BNG, os motivos do inicio das protestas, ao redor do 8 de marzo, foron varios, "mais os abusos que naquela altura se cometían sobre os labregos da zona, unidos á escaseza de trigo e á desproporcionada carestía de vida, provocaron que a lapa prendese rapidamente". A revolta labrega foi en aumento, con accións de boicot á entrada de mercadorías a Ferrol e co o corte do tráfico ferroviario; a ela sumáronse tamén folgas obreiras, nomeadamente nos estaleiros, e manifestacións de traballadores e traballadoras de varias fábricas da comarca. Entre elas, destacou a decidida actuación das traballadoras da fábrica téxtil de Xuvia, que protestaban pola perigosidade do seu labor, as malas condicións laborais e os seus baixos salarios.

Destacou a decidida actuación das traballadoras da fábrica téxtil de Xuvia, que protestaban pola perigosidade do seu labor, as malas condicións laborais e os seus baixos salarios

Era o 13 de marzo, día de Santa Lucía, data na que na Feira do Trece, en Sedes, se celebraba o meirande encontro anual de tratantes de gando da comarca. Segundo destaca o Concello de Narón na súa web, "a publicación polo Concello das listas de reparticións da contribución dos consumos provocaron protestas pola súa arbitrariedade. Esta era tal que se permitía que un adiñeirado concelleiro, José Pazos Freire, comerciante de ultramarinos e estanco pagase ese ano 1,92 pesetas de contribución mentres que un humilde campesiño, Ramón López Pita pagase polo mesmo concepto 110 pesetas".

A protesta comezou nunha tenda propiedade dun concelleiro. As balas da Garda Civil mataron a seis campesiños, sendo detidos moitos. Os traballadores do estaleiro de Ferrol convocaron unha gran manifestación que se dirixiu dende a cidade naval ata Sedes. A Revista Nós recolleu e denunciou os feitos no seu momento. As autoridades decidiron o envío de tropas e a súa distribución polas prazas. As protestas continuaron varios días, ata o 16 de marzo.

"Estes acontecementos, que deixaron unha fonda pegada nas xentes da zona, non son hoxe todo o coñecidos que deberan"

Na súa moción, o BNG de Narón salienta que "estes acontecementos, que deixaron unha fonda pegada nas xentes da zona, non son hoxe todo o coñecidos e recoñecidos que deberan. En ningunha outra zona do país se manifestaron con tanta crueza os conflitos sociais dunha época convulsa nun contexto de Guerra Mundial". "Cremos que estes sucesos deben de ter o mesmo recoñecemento que os ocorridos en Sofán, Oseira ou Nebra no principio do século XX, dos que xa se teñen feito multitude de estudos e que gozan dun recoñecemento como capítulos sobranceiros da nosa Historia", sinalan, concluíndo que "a recuperación deste capítulo da nosa historia e a homenaxe ás vítimas que perderon a vida naqueles sucesos teñen que concitar non só o apoio social, senón tamén a implicación institucional necesaria para que a memoria histórica do pobo naronés non caia no esquecemento e as xeracións presentes e futuras deste concello coñezan os episodios máis importantes da terra que habitan".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.