0 Gardados para despois

"Intentar galeguizar o país só coa literatura foi un fracaso; pensar que o ensino era a salvación, tamén"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A piques de cumprir 67 anos, Xosé González (Teis, Vigo, 1950) afronta os seus últimos días como funcionario público. Xubílase o 7 de abril non sen antes recibir unha homenaxe o vindeiro 31 de marzo no Castelo de Soutomaior. Será o recoñecemento a un home que se define como "un simple cidadán preocupado por restaurar a identidade cultural e lingüística do país". A iso dedicou toda a súa vida. De inicio conformando o primeiro Servizo de Normalización Lingüística nun Concello, o de Redondela, hai máis de 35 anos e onde traballaría dúas décadas, para logo ampliar o seu labor á mancomunidade da área intermunicipal de Vigo. Mentres, fóra da Administración, fundou e impulsou moreas de asociacións como a de Funcionarios para a Normalización Lingüística, a de Xuristas en Galego, a Irmandade Xurídica Galega, a Asociación de Amigos do Couto Mixto ou o Foro Enrique Peinador, entre outras. Todas unidas nun colectivo -Galeguizar Galicia- e compartindo un obxectivo que foi e será sempre o de Pepe de Redondela: dinamizar a cultura galega e normalizar o uso da lingua en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa do país. Asesor literario, tradutor de literatura xurídica e colaborador nos medios, marcha "satisfeito" e "optimista", pero non escapa da crítica. 

Como se sente a poucos días do retiro?

Cunha satisfacción moi grande. Fago un balance do meu labor moi positivo. Son 38 anos de labor pola lingua e a cultura galega dentro da Administración pero tamén fóra dela, argallando alternativas para distintos sectores sociais. 

Implantar un servizo de normalización en Redondela naquel 1981 debeu ser todo un desafío...

Redondela foi o primeiro Concello que creou unha unidade administrativa para levar a cabo unha política lingüística, un Servizo de Normalización. Estaba todo por facer. As forzas que saían da clandestinidade e que se organizaran nas candidaturas municipais tiñan un gran reto porque había moito ideoloxismo, moito voluntarismo pero a todo aquel discurso florido faltáballe concreción. Teñamos en conta que chegan a uns concellos con funcionarios herdados do franquismo. 

Que era o primordial?

Tiven a sorte de entrar en 1979, logo das primeiras eleccións democráticas tras o franquismo, e trasladaille ao alcalde un proxecto. O goberno era de Unidade Galega e estaban moi lonxe da concreción do que se quería facer; estaban na abstración e nos bos desexos, pero había que poñer alguén a traballar e facer un labor serio, lonxe da retórica, cunha planificación política en todos os ámbitos. 

"En política lingüística volvemos ao pasado; os servizos de normalización fan actividades de pouca incidencia"

Que foi o máis difícil?

O máis complicado era facer política lingüística de verdade, non como agora, que parece que estamos regresando ao pasado. Hoxe faime graza ver como os servizos de normalización lingüística dedícanse a actividades que son de pouca incidencia, como contacontos, presentación de libros ou concursos literarios... Iso está moi ben, pero a política lingüística transformadora é a que se destina ao conxunto da sociedade para crear autoestima e operar grandes transformacións no uso da lingua galega, máis aló dos usos literarios. 

"A política lingüística transformadora debe ir dirixida a toda a sociedade, crear autoestima e operar grandes transformacións no uso do idioma"

Non era tan importante a literatura, logo?

Calquera país que se prece de ser unha nación ten que ter unha literatura de seu, pero esta non é transformadora, senón un complemento. A política lingüística ten que buscar aliados na sociedade, nos sectores económicos, nos estratéxicos. Iso foi o que fixemos e foi o que me ilusionou: abrir novos camiños, porque os camiños xa trillados pola cultura e a literatura non me preocupaban moito. O gran reto era a maneira de implicar a sociedade na defensa da cultura galega e nos usos e nos ámbitos sociais correspondentes. Cando non podía facer iso no Concello, porque se extralimitaba das nosas competencias, busquei fóra das lindes municipais da miña actividade como funcionario outros espazos para ir organizando.

"Son un simple cidadán preocupado por restaurar a identidade cultural e lingüística do país"

Abofé que o fixo.

Fun artellando un tecido asociativo que hoxe se engloba no colectivo Galeguizar Galicia, que ten como obxectivo a galeguización no ámbito económico, xurídico, festivo, da morte, das forzas e corpos de seguridade... Todas estas asociacións van aparecendo como unha necesidade, como un bucle. Con esta actividade, xunto á miña como funcionario, fixemos un labor importante da que non teño eu só o mérito, como é natural. Son un simple cidadán preocupado por restaurar a identidade cultural e lingüística do país. 

Que é máis efectivo no ámbito da normalización, o traballo na Administración ou fóra dela?

Non se pode dicir que unha cousa sexa máis importante que a outra. Os dous traballos interactúan e trato de ir trenzando o traballo institucional e o asociativo. Desde o Concello de Redondela, por exemplo, lanzamos o reto de que todas as administracións locais se encamiñasen no que propoñíamos e fómolo logrando. 

"Vincular a dinamización lingüística e cultural a unha ideoloxía sempre pensei que era un gran fracaso"

Como?

Non queríamos que Redondela fose unha illa de galeguismo, así que en 1984 impulsamos a primeira asemblea de concellos galegos pola normalización lingüística. Acudiron máis de 190 concellos de Galicia e supuxo sentar as bases dunha política lingüística que fose máis aló do que estaba representado nos gobernos municipais. Vincular o progreso ou a dinamización lingüística e cultural a unha ideoloxía sempre pensei que sería un gran fracaso e unha escusa para que unhas forzas políticas non se unisen. De feito, a inmensa maioría destes concellos era de dereitas. 

"Que os concellos tivesen o galego como lingua oficial era impensable nos 80, sobre todo cunha dereita que non era nin autonomista"

Cre que se conseguiu iso de non vincular a defensa da lingua a unha ideoloxía ou corrente concreta?

Hoxe en día, o 98% dos concellos teñen como lingua oficial o galego na escrita. Iso era totalmente impensable daquela, sobre todo cunha dereita que non era autonomista, pero que, curiosamente, era monolingüe fronte a unha esquerda que dominaba na franxa atlántica e era bilingüe. Era unha contradición que había que superar. Os bilingües non serían capaces de facer ese labor monolingüe se non contásemos con eses concellos de Becerreá, Ourol ou Calvos de Randín que se tiveron que afacer a que o funcionamento das súas administracións tamén fose en galego, como o era o dos seus veciños. Aquel foi un salto cualititativo que non imaxinaba moita xente. 

Pasados case 40 anos daquela, en que situación ve o galego e a súa normalización? É optimista?

Cada momento histórico ten os seus problemas. Pensemos naquela Galicia do franquismo que era monolingüe e estaba oprimida. As administracións levaban 400 anos expresándose en castelán. Alguén podería imaxinar que se puidese recuperar a dignidade e identidade cultural das institucións? Pois non. O derrotismo da xente daba por sentado que o galego estaba limitado aos espazos coloquiais. Iso foi un avance e a lingua dignificouse. A xente entende que se o galego se utiliza na Administración é unha lingua de prestixio, pero moita desa xente non lía libros nin hoxe le libros. E senón remitámonos á crise editorial galega. É unha mostra palpable do erro daqueles que intentaron galeguizar o país unicamente a través da literatura. Iso foi un fracaso. Tamén dos que pensaron que o ensino era a táboa de salvación. O ensino é necesario e calquera formulación para a normalización ten que prestixiar o galego na escola, pero non se sacou dela o que se tiña que sacar. A xente, a medida que se ía facendo maior, ía abandonando o que aprendera no ensino. Posiblemente, non hai que ter medo a dicir que o fracaso dos nosos profesores de lingua galega nas aulas foi grande: non foron capaces de seducir. 

"Intentar galeguizar o país só coa literatura foi un fracaso; tamén dos que pensaron que o ensino era a táboa de salvación"

Non cre que foron moitos os gobernantes que desde as administracións colaboraron tamén no desprestixio do galego? 

Eu son moi partidario de non botarlles as culpas aos demais das nosas limitacións. Hai que ser autocrítico. O que non se pode ser é vitimista e o movemento nacionalista en Galicia foino e pagouno, por iso está como está. Precisabamos un nacionalismo creativo, de tender pontes e non de levantar cidadelas. Ese sectarismo foi o que provocou a falta de galeguización da sociedade. O problema lingüístico non se pode analizar illadamente, é un problema político. Hai que identificar as dificultades e ver como superalas e logo argallar estratexias, tácticas e didácticas para gañar a cidadanía para esta formulación. Se a política carece de pedagoxía, o resultado é o fracaso. E foi a pedagoxía a que se botou en falta.

"Precisabamos un nacionalismo creativo, de tender pontes e non de levantar cidadelas" 

A que se refire?

Un exemplo: o sindicato nacionalista disque ten 50.000 afiliados, 50.000 consumidores... Todos consomen produtos culturais galegos, incluídos libros? Seguramente, non. Pois iso é un fracaso. Este sindicalismo promoveu grandes mobilizacións polas políticas negativas e nefastas contra o agro galego. Os militantes das cidades preferiron produtos galegos aos foráneos? Preferiron produtos etiquetados en galego aos que están en castelán? Pois outro erro. Non se fixo pedagoxía seria. A insolidariedade territorial desfai a conexión social e se non hai conexión social non hai pobo. Eu creo que o pobo, para selo, debe ter cultura, valores e esa idea de globalidade. Optouse por ritualizar tratando de facerlle ver á xente que temos tanta forza que somos quen de facer o que están a facer os cataláns. E iso é mentira, é enganar a xente. Aquí faltou pedagoxía. Un militante político ten que facer maxisterio na casa e no traballo. É clave. 

"No nacionalismo faltou pedagoxía; un militante político ten que facer maxisterio na casa e no traballo. É clave"

Pasa o mesmo coa transmisión do galego?

Claro que pasa. Ese é o problema. Vivo en Vigo, nunha zona onde case todo o mundo é orixinario de Ourense. Paseo polas rúas e vexo os avós falando galego cos fillos, pero en castelán cos netos. E non serán todos de dereita, verdade que non? Dígoche máis: en Galicia morren, segundo as estatísticas, unhas 32.000 persoas cada ano. Non serán todos castelánfalantes, nin españolistas... Haberá de todo, tamén nacionalistas. Pois alguén reparou en que só o 2% das esquelas publicadas na prensa están en galego? E que só unha de cada 1.000 lápidas nos cemiterios está en galego?

"Non se xerou conciencia de galeguidade entre a sociedade, non se fixo un labor cotián"

E isto só é debido á falta de conciencia?

Non se xerou conciencia de galeguidade. Non se fixo un labor cotián. Por exemplo, o movemento cultural en Vigo está desaparecido. Os partidos anularon as plataformas culturais. A pouco que despuntaba alguén, acababa nunha lista electoral, queimábase na política e cando finalizaba o mandato, non regresaba a aquela plataforma. En Galicia, hoxe o movemento cultural non ten pulso, algo que si ten Catalunya. Usurpóuselle á sociedade civil a súa voz e iso fixérono os partidos políticos e os sindicatos, que quixeron ter o monopolio da voz. 

Daquela, é optimista ou non co futuro da lingua galega?

Se explico todo isto é para aclarar que son optimista, si. No País Vasco, o éuscaro falábase pouco e recuperouse; e en Catalunya o catalán falábase moi pouco se o comparamos co galego e tamén se recuperou. 

"Son optimista co futuro do galego porque creo que hai ciclos; a crise vén de desenmascarar as forzas do sistema e outras terán que construír un novo discurso"

Pero en Galicia as estatísticas insisten en que o galego non só non se dá recuperado senón que retrocede...

Si, pero ollo, eu non son pesimista porque creo que hai ciclos. Aquí houbo un ciclo perverso durante tres décadas de inmobilismo total, nas que non se fixo nada. Pero veu a crise económica, desatou todas as forzas do sistema, desenmascarounas e apareceron novas forzas políticas que terán que construír un novo discurso. A historia vai sempre cara adiante, non cara atrás, e unhas veces as cousas fanse por propia vontade das políticas e outras son as contradicións da propia sociedade as que poñen os partidos no seu sitio e lles din: "Vostedes non fixeron nada e carecen de autoridade". Estamos nun momento de certo respiro e optimismo, igual que vivimos outros de pesimismo ou de optimismo como durante a República. Todo depende das vontades. Por iso dicía ao principio que eu estaba satisfeito, porque se eu fun capaz de facer tantas cousas, por que outros non as poden facer? Eu non son ningún Mesías. 

Pode que non haxa moitos dispostos a facer todo o que fixo vostede.

Ben... Non o dou entendido. De cando en vez aparece xente e, aínda que sexa desde o voluntarismo, sempre hai quen faga. Nós fixemos cousas extraordinarias. E non fixo falta revolución ningunha, senón buscar o momento, a persoa e saber actuar. Para facer política cultural hai que buscar o fío, a circunstancia. Se o fixo un chaíñas coma min...

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.