0 Gardados para despois

Manifestación por unha Lei de Identidade de Xénero: "Que non te enganen, a diversidade existe".

Redacción | @prazapublica

Arelas (Asociación de familias de menores trans), Amizando (colectivo trans adulto) e Ultreia LGTBI convocan unha manifestación este sábado en Compostela en demanda dunha Lei galega de Identidade de Xénero e en denuncia dos ataques que reciben as persoas transexuais, sobre todo os e as menores de idade. A marcha partirá ás 19 horas da Praza do Obradoiro e rematará na Praza do Toural.

"Dende hai unhas semanas o colectivo LGTBI e máis nomeadamente o colectivo de menores e persoas trans adultas estamos sendo atacadxs e insultadxs por organizacións e por unha parte da sociedade que non respeta a diversidade", denuncian os colectivos convocantes, que sinalan que "debido ás campañas que incitan o odio e a LGTBIfobia, varias persoas do colectivo foron novamente atacadas e agredidas, coñecimos estes días que a crianzas trans lles baixan os pantalóns nos seus colexios para comprobar o que teñen entre as pernas, dous rapaces homosexuais foron atacados e golpeados en Barcelona...". "Cando vai parar todo isto? Non podemos seguir soportando o acoso, as discriminacións, as agresións, os asesinatos ...Non podemos permitir que se nos trate de silenciar e invisibilizar", salientan.

"Queremos unha sociedade libre de opresión e de violencia. Queremos unha sociedade onde a diferencia e a diversidade sexa un valor a respectar. Queremos e esiximos respecto", subliñan na convocatoria dunha marcha que ten como lema "Que non te enganen, a diversidade existe. Polo dereito a Ser e Existir".

Unanimidade no pleno compostelán en apoio dunha Lei de Identidade de Xénero

Hai unhas semanas a proposta de Lei de Identidade de Xénero iniciou o seu camiño parlamentario, recibindo de inmediato o apoio de En Marea e BNG. Este xoves os catro grupos políticos representados no pleno municipal de Santiago de Compostela (Compostela Aberta, PP, PSdeG-PSOE e BNG) aprobaron unha declaración institucional de apoio á redacción dunha norma legal que regule a identidade de xénero en Galicia.

O texto, que responde á solicitude presentada pola Asociación Ultreia LGTBI, lembra que Galicia "foi unha das primeiras en aprobar, en 2014, unha lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais", unha normativa que se está demostrando "insuficiente para acabar coa discriminación que lle afecta ás persoas transexuais", polo que os colectivos afectados veñen demandando unha lei específica sobre identidade de xénero. O Concello de Santiago insta aos grupos políticos presentes no Parlamento Galego a acordar "na actual lexislatura unha norma legal que lle dea resposta satisfactoria ás demandas das persoas trans, e lograr así a igualdade real e plena no goce dos seus dereitos e liberdades".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.