"A axuda ao desenvolvemento percibiuse como unha política necesaria, pero secundaria"

Nova Xunta Directiva: Patricia Iglesias, Ángel Bañobre, María Paz, Patxi Hurtado, Laura Casal, Maika Beltrán, Lorena Seijo, Gema Filgueira e Alejandro Quiñoá © CONGD

O pasado sábado Alejandro Quiñoá (Lugo, 1980) foi elixido novo presidente da Coordinadora Galega de ONGD, en substitución de Gema Filgueira, despois de seis anos como máxima representante da organización. Quiñoá, delegado en Galicia da ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz, está acompañado por oito persoas nunha Xunta Directiva que case non varía con respecto á precedente. Na Asemblea Xeral da Coordinadora tamén foi aprobada a entrada de dúas novas organizacións: ONG AIDA e Semilla para el Cambio. Coa súa incorporación, son 45 as ONGD integradas actualmente na Coordinadora.

Entre os retos das entidades galegas de cooperación e axuda ao desenvolvemento están a loita contra as desigualdades, a crise de persoas refuxiadas e migrantes e a auxe dos discursos xenófobos en occidente, pero -destacan- nun contexto de crecemento do apoio da cidadanía ao traballo das ONGD e de maior reivindicación de xustiza social. De xeito inmediato, a Coordinadora deberá tratar a elaboración do IV Plan Director de Cooperación Galega 2018-2021 da Xunta. O anterior Plan, actualmente en marcha, recibiu por primeira vez o voto en contra da entidade, polo que o obxectivo é incorporar as demandas das ONGD no documento que marcará a liña estratéxica da cooperación galega os vindeiros catro anos. Outro dos grandes retos da Coordinadora é o impulso da política de cooperación local en Galicia, practicamente inexistente ata o ano 2015 e aínda moi feble na actualidade.

"Actualmente a Xunta destina a cooperación 4,6 millóns, que equivale a 1,7 euros anuais por cada habitante de Galicia, o que custa tomar unha caña"

Cal é o principal reto que ten a Coordinadora nos vindeiros anos? As entidades aínda vos estades recuperando do longo período de recortes?

A cooperación para o desenvolvemento foi unha das políticas públicas máis prexudicadas durante a crise, dende o 2008. En todo o Estado sufrimos un recorte do 73%, e en Galicia chegou ao 65%. Temos que traballar no marco do Plan Director da Cooperación Galega que, por vez primeira, non se aprobou por consenso, xa que a Coordinadora se opuxo a varias das cuestións que nel se introducían, considerando ademais que o compromiso orzamentario da Xunta era moi pequeno. Actualmente a Xunta destina a cooperación 4,6 millóns, que equivale a 1,7 euros anuais por cada habitante de Galicia, o que custa tomar unha caña. Tentamos reconducir esta situación co Goberno galego, e máis ou menos fomos facéndoo, pero o esforzo segue sendo pequeno e ten que medrar. E non só ten que medrar o esforzo económico, senón que ten que incrementarse o consenso sobre a importancia das políticas de cooperación. O primeiro gran reto sería emendar o que sucedeu no anterior plan director e cremos que a disposición da Xunta é agora mellor.

O traballo conxunto con concellos e outras administracións locais é tamén unha das tarefas pendentes?

Temos que reforzar a nosa capacidade de interlocución con todas as administracións e coa sociedade en xeral. E neste senso temos xa deseñadas e aprobadas unha serie de actuacións como Coordinadora e a nivel das distintas entidades e imos poñelas en marcha nos tres vindeiros anos. Galicia ten un déficit coa cooperación para o desenvolvemento. Dende o ano 1994 houbo unha demanda por parte dun amplo sector da sociedade para que todas as administracións públicas atendesen o chamamento da ONU e achegasen o 0,7% do PIB para axuda ao desenvolvemento. E así se fixo en distintos lugares do Estado, pero non en Galicia. Ata o ano 2015, entre as Deputacións e concellos, só a cidade de Lugo tiña unha política pública de cooperación, cunha convocatoria aberta. Tamén estaba o Fondo Galego de Cooperación, que agrupa varias entidades locais, pero que non é unha entidade pública. Afortunadamente, nos dous últimos anos puxéronse en marcha políticas de cooperación dende a Deputación da Coruña e os concellos da Coruña e Santiago.

"A cooperación e a axuda ao desenvolvemento non é unha responsabilidade exclusiva da cidadanía; as administracións públicas teñen que responder, na medida en que a cidadanía tamén está respondendo"

Hai moito espazo para a mellora, polo tanto...

O obxectivo é que nos vindeiros anos poidamos consolidar isto e incorporar a máis concellos e deputacións, de xeito que as maiores cidades galegas teñan, como sucede no resto do Estado, partidas e políticas propias de cooperación. A cooperación e a axuda ao desenvolvemento non é unha responsabilidade exclusiva da cidadanía; as administracións públicas teñen que responder, na medida en que a cidadanía tamén está respondendo: En Galicia hai 41 mil persoas que colaboran coas ONGDs integradas na Coordinadora. Está habendo cambios graduais, e son importantes. Sabemos que non se pode pasar de 0 a 100 en pouco tempo.

Parece que a cooperación internacional ten boa prensa, pero ao mesmo tempo é a derradeira prioridade para a maior parte das administracións, o primeiro capítulo que se recorta cando hai dificultades. Pensades que non se entendeu aínda o seu valor?

A axuda ao desenvolvemento percibiuse como unha política necesaria, pero secundaria. Algo cuxos resultados non se vían no ámbito máis próximo, algo no que era doado introducir o discurso de 'para que imos axudar os de fóra, cando aquí tamén hai xente que o pasa mal'. É un cálculo egoísta que temos que ser quen de superar, sendo conscientes do contexto no que vivimos, no que os 8 homes máis ricos do mundo teñen a mesma riqueza que a metade máis pobre do planeta, no que o 1% máis rico ten máis riqueza que o 99% restante, no que 69 das 100 entidades máis ricas do mundo son empresas e non Estados. A cooperación é unha política de dereitos humanos. Temos que ser conscientes de que o mundo está interconectado. Na medida en que non sexamos capaces de aplicar políticas de xustiza global, non imos poder superar esta situación de vulneración de dereitos que sufrimos.

"Temos que ser conscientes de que o mundo está interconectado. Na medida en que non sexamos capaces de aplicar políticas de xustiza global, non imos poder superar esta situación de vulneración de dereitos que sufrimos"

As voces críticas coa actividade das ONGs repiten dende hai décadas unha serie de tópicos sobre estas entidades, tanto sobre a necesidade de que existan como sobre a súa eficacia e mesmo sobre o seu funcionamento interno. Credes que se van diluíndo ou aínda manteñen a súa popularidade?

Podemos repasar un a un eses tópicos. “Por que axudar aos de fóra?”. A pesar de que aquí hai xente que vive na pobreza, o ingreso medio por fogar en Galicia sitúanos entre as zonas máis ricas do planeta e en función diso temos que ter un compromiso ético cos demais. Sobre “a eficacia da axuda”, o mundo da cooperación ao desenvolvemento é un mundo moi profesionalizado e ademais está moi auditado, na medida en que recibimos financiamento público temos unha responsabilidade e os mecanismos de rendición de contas son moi estritos; temos que xustificar factura por factura e xustificante de pago por xustificante de pago. Fronte a unha certa visión das ONGs como entidades pouco transparentes, dende a Coordinadora estatal de ONGDs desenvolvemos unha ferramenta de transparencia e bo goberno, un selo a través do que realizamos unha auditoría valorando un gran número de ítems.

"O mundo da cooperación ao desenvolvemento é un mundo moi profesionalizado e ademais está moi auditado"

Hoxe preguntábanme se 45 ONGDs en Galicia non eramos moitas; non se pode ver o movemento das ONGDs como algo que xurdiu onte, senón que somos o resultado dunha evolución histórica, un movemento amplo e plural con entidades relixiosas e laicas, políticas e apolíticas, un reflexo dunha sociedade diversa. Tamén hai quen nos critica que nos chamemos 'non gobernamentais' cando recibimos fondos públicos; somos organizacións privadas, sen vínculo coa administración, e recibimos financiamento público como hai empresas que reciben financiamento do Estado para levar a cabo unha obra pública ou un servizo. Nese sentido, non dependemos dos Gobernos pero somos corresponsables na asunción dun compromiso ético que a nosa sociedade ten cos países menos desenvolvidos. E facémolo apoiando as sociedades civís destes países en vías de desenvolvemento.

"Se seguimos existindo neste contexto de recortes continuados é porque segue habendo unha sociedade que nos apoia, que considera que o traballo que facemos é necesario"

A pesar das dificultades dos últimos anos, a Coordinadora non deixou de crecer, con 45 entidades e máis de 40 mil socios e socias en conxunto. A saúde é boa, polo tanto?

Esa é a nosa fortaleza. Se seguimos existindo neste contexto de recortes continuados é porque segue habendo unha sociedade que nos apoia, que considera que o traballo que facemos é necesario. Grazas a iso puidemos afrontar estes anos que foron tempos de resistencia, que foron anos duros por ter que combater discursos de odio e discursos contra a cooperación internacional. En Galicia hai 41 mil persoas implicadas directamente, pero as persoas beneficiadas directamente polas nosas accións noutros países quintuplican esa cifra. O traballo que facemos ten un impacto evidente. Galicia máis que ningún outro lugar sabe da necesidades e da importancia da solidariedade internacional. Falar da nosa historia como pobo emigrante e das redes de colaboración que se teceron contribúe a situar a cooperación internacional como algo non só necesario senón tamén útil para o desenvolvemento dos pobos.

 

Alejandro Quiñoá, novo presidente da Coordinadora © CONGD

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.