A Coruña: 10 distritos e máis de 300 'barrios' identificados pola veciñanza

O proceso participativo, no que interviron máis de mil persoas, identificou máis de 300 espazos na cidade (clica para ampliar) © Concello da Coruña

O Petón, A Gramela, Casanova de Eirís, Agramonte, O Birloque, Laranxeiro, Mariñeiros, San Roque de Fóra, As Xubias, Barrio das Flores, A Cubela, Gurugú, Grupo de Vivendas Pardo de Santayana (Corea)... O concello da Coruña conta con máis de 300 barrios ou lugares, espazos de recoñecemento colectivo identificados pola veciñanza nos dous últimos anos a través dun proceso participativo no que interviron máis de mil persoas. O Goberno municipal presentou esta semana o Mapa de Distritos da Coruña, unha proposta que organiza a cidade en dez distritos mais un "distrito do común", formado fundamentalmente pola franxa litoral e o porto.

O mapa busca ser unha “ferramenta de traballo para a redistribución dunha forma máis equitativa dos recursos municipais, á fin de rematar cos desequilibrios históricos que se dan en relación co territorio, e garantir así o dereitos da veciñanza de acceder aos mesmos servizos básicos en igualdade de condicións”, destacou a concelleira Claudia Delso. “Esta proposta permitirá baixar á terra as políticas que promove este Goberno e redistribuír os recursos no termo municipal da forma máis equitativa posible para rematar co antagonismo centro-periferia no investimento”, sinalou o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela.

"Cal é o teu barrio?", "Cal é o centro ou espazo de referencia do teu barrio?", "Cales son os barrios limítrofes cos que máis te relacionas?" foron algunhas das cuestións que os veciños e veciñas debateron

Con todo, o máis interesante do proceso foi o seu carácter participado, con 37 encontros que tiveron lugar en todos os barrios dende setembro de 2015 nos que tomaron parte máis de mil 1.000 persoas, que achegaron a súa experiencia e visión sobre a forma en que o territorio está organizado e o uso que del fan para desenvolver a súa actividade cotiá. "Cal é o teu barrio?", "Cal é o centro ou espazo de referencia do teu barrio?", "Cales son os barrios limítrofes cos que máis te relacionas na túa vida diaria?" ou "Cales son os límites do teu barrio?" foron algunhas das cuestións que os veciños e veciñas contestaron e debateron. Deste xeito identificáronse 132 barrios na cidade e sinaláronse un total de 279 centros de referencia que nuclean a vida barrial, sobre todo prazas (8 dos 10 casos máis mencionados), algunha rúa peonil (coma a Rúa Barcelona), algún mercado (coma o de Elviña) e algún parque. Tamén se identificaron as relacións entre os distintos espazos, máis ou menos equilibradas ou descompensadas, pois déronse casos de barrios cuxos habitantes desenvolven unha parte moi importante da súa vida diaria (compras, traballo, uso de servizos...) nun barrio anexo.

Este traballo de análise e debate foi a base para a delimitación final dos dez distritos deseñados, que tamén foron discutidos nos encontros coa veciñanza, que achegou un total de 323 propostas. Os e as participantes foron preguntados sobre os usos que debían ter estes distritos, respondendo maioritariamente "para que o concello recolla demandas da veciñanza" e "para que a veciñanza decida sobre os asuntos e investimentos que lles afectan".

Os veciños e veciñas participantes achegaron unha información moi detallada sobre 20 barrios: Monte Alto, Os Mallos, O Birloque, Os Rosais, Agra do Orzán, Monelos, Castrillón, Os Castros, Palavea, Cidade Vella, Feáns, O Ventorrillo, Polígono de Elviña 2ª Fase, Sagrada Familia, Catro Camiños, Elviña, Peixaría, Ensanche, Novo Mesoiro e Peruleiro. Pero neses encontros foron nomeados tamén máis de 300 espazos, urbanos ou rurais, barrios ou "ámbitos de identidade e recoñecemento colectivo". Un rico mapa de nomes, topónimos e microtopónimos que debuxa un concello moito máis diverso do que ás veces poder parecer e que permite documentar e nalgúns casos recuperar a memoria da cidade herculina.

Neses encontros foron nomeados tamén máis de 300 espazos, urbanos ou rurais, barrios ou "ámbitos de identidade e recoñecemento colectivo"

O informe do proceso participativo recolle estes máis de 300 topónimos (ver pdf) e nalgúns casos amosa distintas variantes e escollas para un mesmo lugar, alén dos castelanismos incorporados no último século. Aí atopamos a Falperra/Gurugú, A Silva de Abaixo/Abenela, As Bouzas/Louzas, Caveiro/Currecos, Orillamar/Beiramar, Polígono de Someso/O Penedo, O Portiño/Seavella, Porto de San Pedro/Peirao de San Pedro de Visma, Peirao do Portiño ou Ensanche de Riazor/Mestre Mateo/Hortas de Riazor. Tamén aparecen as denominacións populares de Corea e Katanga para dous importantes grupos de vivendas construídas nos anos 50 e 60 (durante aqueles dous conflitos armados). E, froito do traballo de documentación bibliográfica e cartográfica, que complementou as achegas da xente, Monte da Costa/Castro da Gramela, Monte da Fieiteira/Monte da Acobada/Monte Patelo, Monte dos Castelos/Monte de Nostián, Conxes/A Granxa, Monte Aberto/Montegrande ou Os Carneiros/A Agra.

 

Proposta inicial de 10 distritos e un distrito 'do común' (clica para ampliar) © Concello da Coruña
O proceso participativo, no que interviron máis de mil persoas, identificou máis de 300 espazos na cidade (clica para ampliar) © Concello da Coruña
Presentación do mapa de distritos, este martes en María Pita © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.