A Universidade Rural Galega (URG) e a Deputación de Lugo asinaron este mércores en Guitiriz un convenio de colaboración para a realización de actividades conxuntas encamiñadas a fomentar o recoñecemento e dignificación do medio rural. A Fundación TIC da Deputación gravará entrevistas que a URG fará pola provincia a persoas que viven e traballan no rural, para despois difundilas a través da web. Álvaro Santos, Deputado de Relacións Institucionais do ente provincial, salientou que “o mundo rural é o piar fundamental da nosa esencia como pobo e debemos traballar entre todos -administracións, tecido asociativo e sociedade en xeral- non só para recuperalo e conservalo, senón tamén para xerar iniciativas innovadoras e de futuro que asenten poboación”.
"Sempre digo que as nosas cidades, grazas a deus, manteñen un pouso rural. Non hai fendas entre o rural e o urbano, porque en Galicia somos o mesmo"
O presidente da URG, Alfonso Blanco Torrado, párroco en Guitiriz e fundador e coordinador da Asociación Cultural Xermolos, explica para Praza.gal que o obxectivo desta iniciativa é "construír un un arquivo de xente que está recuperando o mundo rural, tanto persoas como entidades e colectivos, un conxunto de vídeos para conservar a súa voz e o seu saber e que se poida ver e recuperar dentro de anos ou décadas, en calquera momento". "No rural hai sabedores e sabedoras, artesáns que aínda manteñen vivo un oficio que corre o risco de morrer. Hai tamén dinamizadores e recuperadores que tratan de abrir novas opcións no mundo rural", di.
"A cultura rural foi a que nos alimentou, a que mantivo viva a Galicia. E non me refiro só á alimentación física. A cultura verdadeira de Galicia está no mundo rural, foron os labregos e labregas os que conservaron a nosa fala"
"Queremos que estes vídeos sexan un motivo de orgullo para a xente que vive no rural, e que tamén ensinen cousas á xente que vive noutros ámbitos: os oficios, a literatura oral, a ciencia e a tecnoloxía que sempre existiron no rural, a defensa da natureza, a conservación do monte galego e das árbores autóctonas, a gastronomía e a alimentación sa que recibimos dos nosos avós e avoas", sinala. "Sempre digo que as nosas cidades, grazas a deus, manteñen un pouso rural. Non hai fendas entre o rural e o urbano, porque en Galicia somos o mesmo", destaca.
"A cultura rural foi a que nos alimentou, a que mantivo viva a Galicia. E non me refiro só á alimentación física. A cultura verdadeira de Galicia está no mundo rural, foron os labregos e labregas os que conservaron a nosa fala", salienta. Blanco Torrado chama a non perder o modo de vida comunitario que é propio do rural: "No rural sempre houbo uns traballos, uns xeitos de diversión e unha vida en común, en colectivo. Todos dependiamos os uns dos outros. Iso é algo que non se ten que perder, porque nos necesitamos, porque temos que conservar un patrimonio que é de todas e de todos".
"No rural sempre houbo uns traballos, uns xeitos de diversión e unha vida en común, en colectivo. Todos dependiamos os uns dos outros. Iso é algo que non se ten que perder, porque nos necesitamos"
Finalmente demanda maior implicación das distintas administracións para investir na zona rural e dotala de servizos dignos, que permitan unha vida cómoda aos seus habitantes, fixando poboación e loitando contra o abandono da mocidade e o envellecemento destas zonas: "Estamos un pouco illados, non temos a posibilidade de levar unha vida cómoda. Non só pola falta de infraestruturas de comunicación, senón tamén por eivas que temos no ensino, na saúde. E todo iso hai que potencialo", di. "Parece que é máis caro dar estes servizos no rural que onde hai máis densidade de poboación pero o futuro da vida no rural depende disto. E nisto as administracións teñen que facer un esforzo grande", conclúe, engadindo que "as administracións deben apoiar tamén aqueles colectivos que con moito esforzo manteñen vivo o espírito da nosa cultura",
A Universidade Rural Galega
A URG está composta na actualidade por unha trintena de asociacións de toda Galicia, aínda que a gran maioría son da provincia de Lugo, onde naceu esta iniciativa. A estas organizacións úneas a súa preocupación polo risco e desaparecer que corre a achega que o rural ten feito á cultura e á vida en xeral. Ademais, teñen en común a súa aposta pola recollida, coidado e preservación de todo patrimonio etnográfico galego e polo desenvolvemento de proxectos reais e innovadores para manter no futuro un mundo rural vivo.
"É máis caro dar estes servizos no rural que onde hai máis densidade de poboación pero o futuro da vida no rural depende disto. E nisto as administracións teñen que facer un esforzo grande"
A URG divide as súas actividades en tres apartados: Os Sabedores da Cultura, no que inclúen os testemuños de persoas que saben ou traballan nalgún oficio ou costume tradicional galego; Conservación e Recuperación da Cultura, con persoas ou grupos que están traballando no eido da conservación e recuperación de usos e costumes; e Proxectos de Desenvolvemento, con aqueles que, desde o rural, están levando a cabo proxectos de desenvolvemento cunha base económica, como a agricultura ou os oficios. Ademais, a URG conta cun fondo documental bibliográfico no que se recollen recursos espallados por domicilios privados e asociacións, entre eles, todo tipo de libros, documentos, soportes musicais, carpetas de traballo ou bosquexos que non se atopan nas bibliotecas ou na Internet.