0 Gardados para despois

"A cultura rural foi a que nos alimentou, a que mantivo viva Galicia"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Universidade Rural Galega (URG) e a Deputación de Lugo asinaron este mércores en Guitiriz un convenio de colaboración para a realización de actividades conxuntas encamiñadas a fomentar o recoñecemento e dignificación do medio rural. A Fundación TIC da Deputación gravará entrevistas que a URG fará pola provincia a persoas que viven e traballan no rural, para despois difundilas a través da web. Álvaro Santos, Deputado de Relacións Institucionais do ente provincial, salientou que “o mundo rural é o piar fundamental da nosa esencia como pobo e debemos traballar entre todos -administracións, tecido asociativo e sociedade en xeral- non só para recuperalo e conservalo, senón tamén para xerar iniciativas innovadoras e de futuro que asenten poboación”.

"Sempre digo que as nosas cidades, grazas a deus, manteñen un pouso rural. Non hai fendas entre o rural e o urbano, porque en Galicia somos o mesmo"

O presidente da URG, Alfonso Blanco Torrado, párroco en Guitiriz e fundador e coordinador da Asociación Cultural Xermolos, explica para Praza.gal que o obxectivo desta iniciativa é "construír un un arquivo de xente que está recuperando o mundo rural, tanto persoas como entidades e colectivos, un conxunto de vídeos para conservar a súa voz e o seu saber e que se poida ver e recuperar dentro de anos ou décadas, en calquera momento". "No rural hai sabedores e sabedoras, artesáns que aínda manteñen vivo un oficio que corre o risco de morrer. Hai tamén dinamizadores e recuperadores que tratan de abrir novas opcións no mundo rural", di.

"A cultura rural foi a que nos alimentou, a que mantivo viva a Galicia. E non me refiro só á alimentación física. A cultura verdadeira de Galicia está no mundo rural, foron os labregos e labregas os que conservaron a nosa fala"

"Queremos que estes vídeos sexan un motivo de orgullo para a xente que vive no rural, e que tamén ensinen cousas á xente que vive noutros ámbitos: os oficios, a literatura oral, a ciencia e a tecnoloxía que sempre existiron no rural, a defensa da natureza, a conservación do monte galego e das árbores autóctonas, a gastronomía e a alimentación sa que recibimos dos nosos avós e avoas", sinala. "Sempre digo que as nosas cidades, grazas a deus, manteñen un pouso rural. Non hai fendas entre o rural e o urbano, porque en Galicia somos o mesmo", destaca.

"A cultura rural foi a que nos alimentou, a que mantivo viva a Galicia. E non me refiro só á alimentación física. A cultura verdadeira de Galicia está no mundo rural, foron os labregos e labregas os que conservaron a nosa fala", salienta. Blanco Torrado chama a non perder o modo de vida comunitario que é propio do rural: "No rural sempre houbo uns traballos, uns xeitos de diversión e unha vida en común, en colectivo. Todos dependiamos os uns dos outros. Iso é algo que non se ten que perder, porque nos necesitamos, porque temos que conservar un patrimonio que é de todas e de todos".

"No rural sempre houbo uns traballos, uns xeitos de diversión e unha vida en común, en colectivo. Todos dependiamos os uns dos outros. Iso é algo que non se ten que perder, porque nos necesitamos"

Finalmente demanda maior implicación das distintas administracións para investir na zona rural e dotala de servizos dignos, que permitan unha vida cómoda aos seus habitantes, fixando poboación e loitando contra o abandono da mocidade e o envellecemento destas zonas: "Estamos un pouco illados, non temos a posibilidade de levar unha vida cómoda. Non só pola falta de infraestruturas de comunicación, senón tamén por eivas que temos no ensino, na saúde. E todo iso hai que potencialo", di. "Parece que é máis caro dar estes servizos no rural que onde hai máis densidade de poboación pero o futuro da vida no rural depende disto. E nisto as administracións teñen que facer un esforzo grande", conclúe, engadindo que "as administracións deben apoiar tamén aqueles colectivos que con moito esforzo manteñen vivo o espírito da nosa cultura", 

A Universidade Rural Galega

A URG está composta na actualidade por unha trintena de asociacións de toda Galicia, aínda que a gran maioría son da provincia de Lugo, onde naceu esta iniciativa. A estas organizacións úneas a súa preocupación polo risco e desaparecer que corre a achega que o rural ten feito á cultura e á vida en xeral. Ademais, teñen en común a súa aposta pola recollida, coidado e preservación de todo patrimonio etnográfico galego e polo desenvolvemento de proxectos reais e innovadores para manter no futuro un mundo rural vivo.

"É máis caro dar estes servizos no rural que onde hai máis densidade de poboación pero o futuro da vida no rural depende disto. E nisto as administracións teñen que facer un esforzo grande"

A URG divide as súas actividades en tres apartados: Os Sabedores da Cultura, no que inclúen os testemuños de persoas que saben ou traballan nalgún oficio ou costume tradicional galego; Conservación e Recuperación da Cultura, con persoas ou grupos que están traballando no eido da conservación e recuperación de usos e costumes; e Proxectos de Desenvolvemento, con aqueles que, desde o rural, están levando a cabo proxectos de desenvolvemento cunha base económica, como a agricultura ou os oficios. Ademais, a URG conta cun fondo documental bibliográfico no que se recollen recursos espallados por domicilios privados e asociacións, entre eles, todo tipo de libros, documentos, soportes musicais, carpetas de traballo ou bosquexos que non se atopan nas bibliotecas ou na Internet.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.