A ampliación dunha rúa en Xinzo pode acabar con 54 árbores centenarias

Imaxe actual da Estrada de Celanova, en Xinzo © Google Maps

A Avenida de Celanova, unha das vías de entrada en Xinzo de Limia (a través da OU-531), é unha desas singulares e cada vez máis escasas estradas con árbores centenarias (plátanos, neste caso) nas súas marxes. Porén, un proxecto de reforma para esta vía, coñecido pola veciñanza a pasada semana, prevé a tala de 54 destas árbores para conseguir unha vía máis ancha. A noticia espertou un movemento de protesta na vila, iniciado cunha xuntanza convocada pola asociación ecoloxista Amigos da Terra, a Plataforma Ríos Limpos, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Natural Galego e a Sociedade Galega de Historia Natural, co obxectivo de crear "un fronte común" e evitar a destrución deste patrimonio.

Á xuntanza asistiron tamén representantes dos grupos da oposición municipal, PSOE, BNG e Xinzo Adiante, que lle esixiron explicacións ao goberno municipal, en mans do PP. A plataforma Amigos das Arbores da Limia comezou, ademais, unha recollida de sinaturas que xa supera o milleiro de apoios, e o pasado sábado convocou unha concentración na que ducias de veciños e veciñas denunciaron a perda irreparable que suporía para Xinzo a corta destas 54 árbores centenarias. "Non sabemos moi ben o que queren facer, porque non presentaron o proxecto, aínda non o vimos. Pero parece que queren acabar coa única rúa bonita que queda en Xinzo", denuncia Elisa Feixoo. "Din que agora non hai espazo para que se crucen dous camións. Pero é que os camións teñen outras vías moito máis anchas para entrar e saír de Xinzo", engade.

"Dende que existe o urbanismo e a planificación das cidades e vilas, as árbores foron elementos que sempre foron incluídas no deseño da avenidas, das rúas, dos parques. Non é exclusivamente unha cuestión estética, senón de benestar, de elegancia, de microclima. Sabemos que as árbores reducen a contaminación dos vehículos, purificando o aire e facendo máis saudable a vida nesa avenida, tamén sabemos que regula a temperatura facendo máis agradable o paseo, favorecendo considerablemente o comercio de proximidade, a relación entre as persoas, a conversa", comeza a Declaración cidadá que xa foi asinada por un milleiro de persoas.

"Non se pode entender a Avenida de Celanova sen as árbores que os nosos devanceiros plantaron algún día, con vontade de perdurar no tempo. Aquelas persoas -das que descendemos- que planificaron esta vía fixérono para ben das que agora as gozamos, non o fixeron para cortalas. Tivo que pasar un enorme tempo para que as árbores e as ilusións daqueles cidadáns se fixeran realidade", din, engadindo que "unha vez que se corten as árbores, non hai volta atrás. Terían que pasar moitos anos para recuperar unha imaxe urbana que perdura nas persoas, que recolle as ilusión de algúns e os recordo do resto dos cidadáns". "Se hai un problema de mobilidade, haberá que solucionalo con intelixencia e con solucións de mobilidade, pero non a costa das árbores", conclúen.  

O vindeiro venres está convocada unha mesa redonda na que participarán expertos e representantes dos distintos grupos municipais, e na que Amigos das Arbores da Limia espera que o Goberno local explique os detalles dunhas obras previstas para o vindeiro mes de maio. Os colectivos contrario á tala piden que se esgoten todas as posibilidades e explican que "non son árbores de alto valor ecolóxico pero si teñen valor medioambiental. Serven de barreira contra o ruído, axudan a aforrar enerxía, refrescan coa súa sombra no verán e reducen o vento no inverno". A Sociedade Galega de Historia Natural rexistrou senllos escritos ante a Subdelegación do Goberno e o Concello de Xinzo de Limia para evitar a súa desaparición. Tamén recordan que o Camiño de Santiago (pola Vía da Prata) discorre por esta vía, polo que é preciso protexer as árbores como parte do itinerario. Finalmente, os tres grupos que forman a oposición municipal presentarán no pleno municipal do mes de abril unha moción para declarar ese conxunto de árbores “Patrimonio medioambiental e paisaxístico de Xinzo”. O PSdeG-PSOE levará o asunto ao Parlamento galego, a través dunha serie de preguntas.

A noticia da posible tala destas 54 árbores está a espertar un gran movemento nas redes sociais, con veciños e veciñas que recordan a especificidade desta vía con galerías fotográficas e con textos de lembranza, facendo un reconto de como nas últimas décadas se foron perdendo espazos singulares nesta e noutras vilas, deixando como resultado localidades con moi escasos atractivos propios e sen memoria do seu pasado. "Hai moitos anos que deixei de ser neno. Mais, con todo, aínda gardo moitos dos soños que tiña daquela. Como aquel de abarcar co meu abrazo os plátanos da estrada ó San Mateo. Talvez non o consiga nunca, pero non me gustaría que fose porque os cortasen. Prefiro pensar que tamén as árbores soñan. E que os plátanos da miña vila soñan con que a estrada a Celanova siga a ser un fermoso corredor de sombra nos veráns, soñan que siga habendo rapaces que, o mesmo que eu facía, soñen con chegar a poder abarcalos cos seus brazos algún día", escribe Rafael Laso Lorenzo nun fermoso texto publicado en Dende A Limia.

 

Imaxe actual da Estrada de Celanova, en Xinzo © Google Maps
O Camiño de Santiago pasa pola Avenida de Celanova © Amigos das Árbores da Limia
Imaxe da concentración que tivo lugar este sábado © Amigos das Árbores da Limia
Se se cumpre o previsto, en maio serán cortadas ducias de árbores centenarias © Amigos das Árbores da Limia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.