Rey contra Rei: as dificultades para galeguizar os apelidos

Concentración d'A Mesa ante os xulgados de Corcubión © A Mesa

"Galeguizar non é traducir, é restituír a onomástica galega á súa forma orixinal". A Real Academia Galega (RAG) respondeu así, e con moita máis fondura, á negativa que o Rexistro Civil de Corcubión lle deu a un estudante que solicitou mudar o seu segundo apelido e pasalo de Rey, forma castelanizada, a Rei, en galego. A Mesa pola Normalización Lingüística advertira do veto e concentrouse ante os xulgados da vila da Costa da Morte "polo dereito a galeguizarmos os nomes e apelidos". A polémica volveu pór sobre a mesa as obxeccións que a cidadanía se atopa no seu intento de recuperar a forma adecuada á gramática e fonética do galego malia as garantías legais. 

O Rexistro Civil de Corcubión negou a un estudante a mudanza do seu apelido 'Rey' por 'Rei' malia o ditame da RAG e as garantías legais

Ante a situación creada, a RAG reaccionou advertindo que "todas as persoas de Galicia teñen dereito a vivir en galego, a expresarse na súa lingua en todos os ámbitos da súa vida" e que parte deste dereito é "o de empregar os seus apelidos nas súas formas en galego". Ademais, lembra que moitos destes apelidos "sufriron un proceso de castelanización ao longo dos séculos en que o castelán foi a única lingua oficial e, por tanto, a única empregada na documentación escrita".

A RAG cre que a negativa á restitución do apelido débese a "opinións ideolóxicas particulares sen base científica legal"

A Academia considera que a denegación do Rexistro Civil de Corcubión débese a "opinións ideolóxicas particulares sen base científica legal", mentres que A Mesa cre que a decisión administrativa acontece porque o apelido Rey pertence ao "acervo nacional" e non se trata dunha "adecuación ortográfica". Ante a posible crenza de que a aceptación da mudanza por parte da RAG se deba a reivindicar unha simple tradución, a institución aclárao no ditame que solicitou o mozo solicitante "verbo da forma galega do apelido Rey e a súa grafía correcta" e que entregou á hora de reclamar a mudanza. 

Baseándose no informe do Seminario de Onomástica elaborado a finais de marzo, a RAG aprobou o ditame no que lembra que o apelido Rei (9 portadores) / Rey (35.614 portadores) "ten unha probable orixe galega, non só porque xa se documenta en Galicia a principios do século XIV, senón tamén porque aínda no século XXI presenta en Galicia a maior densidade do territorio español e cunha frecuencia relativa moi superior ao resto". Así, destaca que a súa frecuencia é de 8,6 por mil na Coruña, 5,4 por mil en Pontevedra, 3,4 por mil en Lugo e 2,4 por mil en Ourense; fronte a unha frecuencia sempre por baixo do 1 por mil no resto de España, agás en León (1,3) e Cáceres (1,7).

O apelido Rei/Rey "ten unha posible orixe galega": está documentado en Galicia no século XIV e a súa frecuencia é moito maior á do resto do Estado

Así, a Academia lembra que esta elevada densidade -especialmente na provincia coruñesa- pode derivarse do feito de que, logo da creación en Compostela do Hospital Real polos Reis Católicos en 1492, "fíxose práctica habitual poñerlles o apelido ReyRei (con grafía <y> ou <i>, que na época alternaban libremente) aos nenos de pais incógnitos acollidos na Inclusa dese Hospital, práctica aínda vixente no século XIX". Todos eses meniños, como lembra a RAG, e tras os coidados pediátricos no Hospital, "ían ser criados mediante contrato e debían ir volver ao centro médico cada ano para unha revisión médica": é dicir, aqueles rapaces abandonados "estaban agora baixo protección do rei". 

Coa desaparición do galego dos documentos no século XVI, mesmo os nomes e apelidos que neles figura foron "en moitos casos traducidos tamén ao castelán ou axeitados á grafía do castelán, única lingua oficial". A Academia lembra tamén que, tanto en galego como en castelán ata tempos recentes, "as grafías <y> e <i> alternaron libremente en palabras como ley-lei, rey-lei". Todo isto explica que "algúns antigos apelidos galegos non se adecúen hoxe na súa grafía ou na súa gramática ás normas do galego, senón que seguen as do castelán", di. "Este é, sen dúbida, o caso do apelido Rey", insiste a RAG. 

A desaparición do galego dos documentos e a alternancia de diferentes grafías explican que moitos apelidos non se adecúen ao galego

Así, a Academia insiste que, "como entidade legalmente intitulada para fixar a forma correcta das palabras", vén emitindo desde hai décadas centos de ditames, en resposta á solicitude de milleiros de persoas que "desexan restituír a forma galega correcta dos seus apelidos". E tamén que, "en contadas ocasións, dáse o caso de que algúns funcionarios de rexistros civís ou xulgados poñen obxeccións de distinto teor, sempre carentes de fundamento obxectivo, obstaculizando o exercicio deste dereito". É a a Lei 40/1999 do 5 de novembro a que autoriza a "regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita no Rexistro non se adecúe á gramática e fonética da lingua española correspondente".

Para facilitar a restitiución das formas lexítimas dos apelidos, a RAG editou hai tan só unhas semanas un libro coas formas máis frecuentes en Galicia para facilitar a corrección das deturpadas. Un avance do diccionario de apelidos galegos no que está a traballar o Seminario de Onomástica da RAG, unha obra que, ademais de incrementar a listaxe, conterá información de tipo etimolóxico ou histórico. Unha recompilación normalizada de 1.500 apelidos que abranguen en conxunto preto do 90 % da poboación galega e descargable de balde na Rede. 

A RAG editou un libro cos apelidos máis frecuentes en Galicia para facilitar a corrección das formas deturpadas

Tal e como lembra Isabel Boullón, coordinadora do equipo que realizou o traballo dentro do Seminario de Onomástica, a consecuencia de que o galego fose desprazado como idioma instrumental na escrita desde principios do século XVI, os nomes propios, tanto os dos lugares coma os das persoas, "comezaron a ser modificados". No caso dos apelidos, o proceso de deturpación foi "desigual". "Malia manterse esta presión cinco séculos, calcúlase que o total de formas castelanizadas é de apenas o 16 %. Aféctanlles, iso si, a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que o seu impacto social é maior", sinala.

Concentración d'A Mesa ante os xulgados de Corcubión © A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.