A saúde, protagonista da 'Semana Galega de Filosofía'

Cartel da Semana Galega de Filosofía © Aula Castelao

XXXIV edición da Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao, ten a saúde como tema protagonista. Do 17 ao 21 de abril o Teatro Principal de Pontevedra acollerá 15 relatorios, en sesións de mañá, tarde e noite, impartidos por persoal sanitario, catedráticos/as, filósofos/as e xornalistas. "Escollemos a temática da saúde porque cremos que as cousas xa chegaron a un nivel de vergoña. Chegamos a un momento no que o problema da sociedade occidental xa non se pode restrinxir a un só ámbito senón que é un problema de saúde en todos os ordes: saúde psicolóxica, saúde biolóxica e saúde social", salientou hai uns días Ana Regueira -presidenta da Aula Castelao- na presentación das xornadas.

"Partimos da idea de que a dia de hoxe o verdadeiro poder consiste en lograr que non se fale do que non interesa ao que ten o poder. Estanse a silenciar problemas como a privatización da sanidade, a psiquiatrización dos problemas sociais, e que creemos que é importante falar deles e empezar a facelo en termos de necesidade de recuperación da saúde en xeral”, subliña Regueira.

"Estanse a silenciar problemas como a privatización da sanidade, a psiquiatrización dos problemas sociais, e que creemos que é importante falar deles e empezar a facelo en termos de necesidade de recuperación da saúde en xeral”, subliña Regueira

Durante os cinco días de actividades, a Semana contará coas intervencións de coñecidos activistas como Tom Kucharz (Ecologistas en Acción), que falará sobre "Megafusións da industria agro-alimentaria, tratados tóxicos e ameazas á saúde e á soberanía alimentaria". Ángeles Maestro (técnica Superior de Saúde Pública e médica) falará o mércores sobre "Capitalismo e saúde". Germán Velásquez analizará o martes o funcionamento da industria farmacéutica. E o xoves o xornalista Luis Alfonso Gámez centrará o seu relatorio na medicina alternativa e como crer nela non é inocuo na nosa sociedade.

O copago ou o desmantelamento da Atención Primaria, a discapacidade e a dependencia serán as protagonistas das sesións vespertinas. O psiquiatra e ensaísta Guillermo Rendueles Olmedo será o encargado de ofrecer a sesión de clausura. Rendueles ten cuestionado duramente o tratamento e ocultación de problemas sociais e conflitos laborais, así como de dilemas de orde moral, no que el cualifica como un uso espurio das categorías psiquiátricas, “psicoloxizando” as consecuencias persoais causadas polo desemprego, o traballo precario e a explotación laboral.

 

Cartel da Semana Galega de Filosofía © Aula Castelao
Programa da semana © Aula Castelao

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.