O incendio en Ferrolterra queimou unhas 450 hectáreas en pouco máis dun día

Consecuencias do incedio en Covas © Susete

As altas temperaturas e os fortes ventos do nordés que afectaron Galicia estes últimos días provocaron numerosos incendios no país. Polo menos, unhas 557 hectáreas foron arrasadas en seis grandes focos en varios concellos, todos eles na provincia da Coruña. O máis importante, que non puido ser controlado ata o serán deste venres, iniciouse na parroquia naronesa do Val na mañá do xoves, provocou o desaloxo de varios veciños pola proximidade das lapas, e queimou case 450 hectáreas, segundo as estimacións provisionais. Este incendio alcanzou o concello veciño de Ferrol, na praia de Ponzos en Covas. 

O incendio iniciado na parroquia naronesa do Val queimou xa 230 hectáreas e alcanzou o concello veciño de Ferrol

Arredor de sete vivendas foron desaloxadas e os veciños -un deles unha muller con mobilidade reducida- reubicáronse nas casas de familiares. Ademais, a Consellería do Medio Rural informou que, como medida preventiva, declaraba a situación 2 pola proximidade das lapas ao núcleo do Picheiro, na parroquia de Covas, aínda que foi desactivada no mediodía do venres

Á marxe dos 9 axentes, 16 brigadas, 18 motobombas, 3 pas e 6 helicópteros despregados, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) colaborou nas tarefas de extinción, favorecidas polo descenso da intensidade do vento, que remitiu este venres pero que dificultou moito os intentos por apagar os incendios. Os danos son moi evidentes na zona da praia de Ponzos, espazo protexido e onde ardeu o espazo dunha antiga mina xunto ao areal. 

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, cualificou o incendio "de grave e de traxedia medioambiental, nunha superficie importante aínda por determinar. "Por fortuna, non houbo danos para as persoas, grazas ao traballo dos bombeiros de Ferrol, o GES de Mugardos e os traballadores da Xunta", manifestou, tras lamentar "que non se tomaran, antes, medidas preventivas nos montes galegos, por parte da Administración autonómica, que se limita a época estival".

Os incendios en Negreira e Boiro, xa extinguidos, queimaron 131 e 120 hectáreas respectivamente

En Negreira, o lume arrasou 131 hectáreas, das que 101 son de monte raso e o resto de arborado, e o incendio quedou xa extinguido, ao igual que o das Pontes, que queimou unhas 30 hectáreas tamén, e o de Boiro, extinguido a última hora da tarde deste xoves logo de queimar 120 hectáreas de monte raso na parroquia de Cures.

Ademais, hai activo outro incendio no concello de Oza-Cesuras, na parroquia de Cis, que aínda non está controlado e afecta xa unha superficie provisional de 30 hectáreas tamén. Si está controlado o lume en Abegondo, na parroquia de Vizoño, e tras queimar unha superficie de 46 hectáreas, das cales 38 son de monte arborado e 8 de raso. Con todo, a Xunta tan só informa dos incendios que superan as 20 hectáreas afectadas. 

O pasado ano, segundo os datos que facilitou o Ministerio de Agricultura, os incendios queimaron 21.000 hectáreas en Galicia durante 2016, case o dobre que o ano anterior. A seca que afecta Galicia desde hai semanas e os fortes ventos dos últimos días están a complicar unhas tarifas de extinción. O pasado 13 de abril, a Xunta declarou o período de alto risco pero non incorporou todo o persoal de loita contra o lume

Incendio en Narón Dominio Público @UGTForestaisGZ
Incendio en Ferrolterra Dominio Público @ferrolencomun

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.