Ducias de eucaliptos ocuparon a praza do Obradoiro no mediodía deste sábado como protesta simbólica contra a “eucaliptización” de Galicia. Así o quixeron máis de 60 colectivos integrados na rede Cousa de Raíces xunto coa Asemblea contra eucaliptización de Compostela, que contaron tamén coa presenza de representantes políticos de En Marea e BNG. Os participantes denunciaron que os eucaliptos ocupan xa o 17% da superficie de Galicia.
Máis de 60 colectivos integrados na rede Cousa de Raíces realizan en Santiago unha protesta simbólica contra a “eucaliptización” de Galicia
Fins Eirexas, de Adega, foi o condutor dunha protesta que contou co contacontos Anxo Moure, ataviado como un “carballo con botas”, como encargado de ler un manifesto no que salientou de xeito irónico que, se hai xa plantacións de eucaliptos ata nos castros, a praza do Obradoiro non podía ser menos. Na súa intervención, Moure criticou a “impunidade” coa que o eucalipto se vai estendendo por Galicia coa “colaboración” do Goberno galego, ao que algúns dos concentrados se referiron como a Xunta de Eucalipticia.