Nova traxedia no mar. Dous tripulantes dun pesqueiro faleceron este mércores logo de que a súa embarcación colidise cunha batea nas proximidades da Illa de Tambo, na ría de Pontevedra. Outro dos mariñeiros alcanzou a costa polos seus medios tras o sinistro, mentres que outro compañeiro foi recuperado con vida por outro barco. Outra persoa que estaba desaparecida foi recuperada sen vida pasado o mediodía.
Un dos tripulantes alcanzou a costa a nado e deu aviso do naufraxio
Segundo informou Salvamento Marítimo, un tripulante do pesqueiro Nuevo Marcos, de Campelo (Poio), deu aviso do afundimento do barco nas proximidades da Illa de Tambo, logo de chocar contra unha batea. Este mesmo tripulante puido alcanzar a costa polos seus propios medios para avisar do naufraxio e foi atendido de hipotermia polo 061. Nadou arredor de hora e media ata que chegou a terra.
O pesqueiro tiña unha tripulación de cinco persoas, polo que de inmediato se puxo en marcha o dispositivo de busca dos desaparecidos, coordinado polo Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra, que mobilizou o helicóptero Pesca I, da Xunta de Galicia; a patrulleira Río Guadalupe, da Garda Civil, e a Salvamar Mirach e o Helimer 215 de Salvamento Marítimo, ademais de dar aviso aos pesqueiros que se atopaban na zona.
Un destes pesqueiros, o Churus, atopou un tripulante falecido e outro a salvo, que trasladou ata a localidade pontevedresa de Combarro. O ferido foi atendido polo 061, segundo concretou Salvamento Marítimo. Pola súa banda, o helicóptero Pesca I recuperou o corpo dun tripulante na mesma zona e trasladouno ata Combarro. A busca do desaparecido levouse a cabo no polígono de bateas, na que participaron os medios mobilizados e pesqueiros da zona que colaboran na tarefa.
Segundo o patrón maior da Confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, un barco de Marín que participaba nos traballos de busca bateu coa quilla co barco afundido e foi sinalizado. Os mergulladores da Garda Civil lograron baixar na zona e descubriron que non estaba dentro do buque, pero acabaron por localizalo. Era o patrón da embarcación.
O sector con maior mortalidade
Con este novo accidente laboral no mar auméntase a traxedia na pesca, o sector onde a mortalidade ten maior incidencia en Galicia. Segundo os últimos datos publicados polo ISSGA, do total de 57 accidentes mortais en actividade laboral que se produciron en 2016, doce tiveron lugar no mar, onde se dá tamén o índice máis elevado de accidentes graves. En 2015, foron dez os homes que faleceron mentres faenaban. No pasado exercicio, máis de mil sinistros tiveron lugar no sector pesqueiro.
No pasado ano, doce mariñeiros faleceron en Galicia en accidente laboral
Ademais, en Galicia o número de accidentes graves aumentou nun 25% durante o pasado ano, onde se rexitraron cae 25.000 accidentes de traballo con baixa en xornada laboral.
A sesión de control desta mañá no Parlamento de Galicia comezou cun minuto de silencio en lembranza dos mariñeiros falecidos nesta nova traxedia no mar.