"Non quero ir á sanidade privada, pero non vou deixar que a miña filla empeore"

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense © Aidhos

Marcos Argiz ten unha filla de catro anos que leva cinco meses agardando para ser operada no Hospital de Ourense (CHUO) dunha hernia inguinal bilateral. A nena superou hai catro meses o proceso preoperatorio e dende entón agarda, comunicándolle o centro á súa familia que "os chamarán nos vindeiros días", unha resposta que se repite todas as semanas. Á dor e á incomodidade crecentes propias desta doenza, únese o feito de sufrila unha nena de tan curta idade, e únese tamén a incerteza polos prazos e a chegada dunha solución. Porén, o máis grave da situación é que non se trata dun caso illado. 

"A miña filla non vai ser operada porque nestes intres non hai programación no servizo de cirurxía pediátrica de Ourense, composto por un único especialista"

Segundo lle comunican os profesionais sanitarios do CHUO, a falta de persoal está a provocar adiamentos na maior parte das operacións programadas, levando á mesma situación que sofre a filla de Marcos a ao redor de 70 nenos e nenas ourensás. "O que parecía unha demora máis nas listas de espera da sanidade pública, acabou desvelándose coma un gravísimo déficit de funcionamento do servizo de cirurxía pediátrica do hospital de Ourense", sinala Argiz. "Extraoficialmente puidemos saber que a miña filla non vai ser operada porque nestes intres non hai programación no servizo de cirurxía pediátrica de Ourense, composto por un único especialista que non é quen de atender só os requirimentos mínimos esixidos nunha intervención cirúrxica", engade.

"Os propios profesionais están desesperados ante a situación de falta de persoal e pídennos que o fagamos público para exercer máis presión"

"A hernia que ten miña filla cada vez se lle está saíndo máis e a operación ten que ser xa. Imos todos os días a preguntar e a resposta é sempre a mesma, que estamos dentro do prazo legal e que xa nos chamarán", denuncia e explica que "van dando saída unicamente aos casos máis graves e o resto de operacións van deixándoas. Os propios profesionais están desesperados ante a situación de falta de persoal e pídennos que o fagamos público para exercer máis presión", sinala.

Dende CIG-Saúde o seu secretario comarcal, Fernando Rivas, confirma a situación. "É unha situación que vén de lonxe e distintas organizacións, sindicatos e SOS Sanidade Pública, levamos catro anos denunciando a falta de cobertura na atención pediátrica, mesmo cun informe do Valedor do Pobo apoiando as nosas demandas", di. "Agora o tema agravouse porque quedamos sen cirurxiáns pediátricos. Había dous, un vaise xubilar e outro foi trasladado. E isto provoca que teñamos unha lista de espera que se vai incrementando mesmo nas consultas pediátricas", subliña. "A solución parece que vai ser que veñan profesionais de Vigo para facerse cargo destes casos, pero aínda non temos confirmación", engade.

Fernando Rivas (CIG) enmarca esta situación na problemática xeral de recortes de persoal e falta de recursos que sofre o sistema sanitario galego en xeral, e o Hospital de Ourense en particular

Rivas enmarca esta situación na problemática xeral de recortes de persoal e falta de recursos que sofre o sistema sanitario galego en xeral, e o Hospital de Ourense en particular, da que responsabiliza ao equipo responsable da Xerencia ata hai uns meses, moi criticado dende distintos ámbitos. Destaca como a situación máis grave a que se dá polas listas de espera crecentes para TACs oncolóxicos e reclama unha mellora das instalacións e un reforzo de persoal a través dunha verdadeira oferta de emprego público que compense os centos de baixas que se produciron nos últimos anos. A finais do 2016, o tempo medio de espera por unha cirurxía no CHUO situábase nos 44,3 días (o mesmo dato finais de 2015), e nos 26,7 días nos casos de cirurxía pediátrica (22,5 días un ano antes).

Marcos Argiz denuncia que "a miña filla é unha máis nunha lista duns setenta nenos que, o mesmo ca ela, teñen que ser operados por indicación médica pero que quedaron atrapados nun limbo administrativo como consecuencia do particular xeito que a Xunta de Galicia e o Sergas teñen de entender como debe funcionar un hospital público como o de Ourense". "A situación constitúe unha clara discriminación para os cidadáns de Ourense e para os nenos dunha das provincias máis envellecidas e cun índice de natalidade que, no caso de non ser corrixido, conduciranos á implosión social", critica. "Curiosa forma de protexer e atender ese ben en vías de extinción que son os nosos nenos por parte dunha administración que fai propaganda diaria da súa suposta preocupación polas patoloxías terminais da nosa esmorecente demografía", engade.

"Curiosa forma de protexer e atender ese ben en vías de extinción que son os nosos nenos por parte dunha administración que fai propaganda diaria da súa suposta preocupación pola nosa esmorecente demografía"

"O noso caso é un exemplo máis do deterioro que estamos sufrindo na sanidade. Non creo que sexa culpa dos profesionais, senón que eles tamén sofren esta situación, produto das políticas que temos", di. "Ademais de pola situación persoal pola que estamos pasando, creo que denunciar estas cousas é unha responsabilidade social. Hai que sacalas á luz, para que a xente saiba o que pasa. Hoxe pásame a min, pero mañá pode sucederlle a calquera outra persoa cun neno pequeno e que vexa como non o dan operado", sinala.

"Non quero ir á privada, non forma parte das miñas crenzas"

Argiz conclúe dicindo que "non quero ir á privada, non forma parte das miñas crenzas. Eu creo na Seguridade Social e na sanidade pública. Pero se non me dan unha data para operala, eu non vou deixar que a miña filla empeore, non vou deixar que morra".

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense © Aidhos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.