A Coruña sae á rúa este domingo contra a privatización da súa fachada marítima

Cartel da manifestación deste domingo © Comisión Aberta en Defensa do Común

A Comisión Aberta en Defensa do Común, xurdida en marzo do ano pasado para denunciar os intentos de "desprenderse de espazos comunais da cidade", convoca para este domingo ás 12 do mediodía na Coruña unha manifestación para demandar que todos os terreos que a Autoridade Portuaria quere privatizar sexan cedidos gratuitamente ao Concello. 

A marcha sae ás 12 do mediodía da praza da Palloza e remata na Autoridade Portuaria

A marcha, apoiada por máis de 70 entidades, sairá da praza da Palloza e rematará na sede da propia Autoridade Portuaria. Conta co impulso do propio Concello da Coruña -o alcalde Xulio Ferreiro emitiu un bando o pasado venres chamando á cidadanía a participar na marcha- e tamén doutros concellos da comarca, como Oleiros. Os xornalistas Antón Luaces e Consuelo Bautista serán os encargados de ler o manifesto ao final. 

A Comisión Aberta pola Defensa do Común recolleu xa 10.000 sinaturas a prol da devolución gratuíta dos terreos portuarios

A Comisión avalía "satisfactoriamente o alto grao de receptividade amosada por amplas capas da poboación as súas teses nucleadas en multitude de  centros de traballo e barrios da cidade". Así, son xa máis de 10.000 as sinaturas recollidas a prol da devolución gratuíta da Solana, o Hotel Finisterre, todos os peiraos, o cárcere e os terreos do Campo da Estrada. É unha cifra, segundo a entidade, "botón de mostra das expectativas suscitadas con vistas á defensa do patrimonio público".

"É a forza da cidadanía a que sempre logrou impedir operacións especulativas como os intentos de privatizar no seu día as antigas instalacións do Hospital Militar", lembra a Comisión. Ademais, a entidade esíxelle ao Concello que inicie os trámites para a convocatoria da consulta popular sobre o futuro dos terreos portuarios, tal e como se aprobou no pleno do pasado 6 de marzo. A consulta debe ser posteriormente aprobada polo Goberno central, un trámite que podería adiar moitos meses a súa celebración. 

A Autoridade Portuaria prevé 4.000 vivendas no peirao de San Diego e novos centros comerciais e altos edificios en Calvo Sotelo e Batería

O goberno local da Marea Atlántica, a oposición e a propia Comisión insisten en lembrar o plan da Autoridade Portuaria para construír máis de 4.000 vivendas no peirao de San Diego, con edificios de ata dez alturas, así como o obxectivo de instalar novas grandes superficies comerciais nos de Calvo Sotelo e Batería, con edificios que ata nove alturas, co evidente prexuízo para o comercio local de todo o centro da cidade. Fronte a iso, o Concello quere primar neses espazos a creación de novas zonas verdes, dando continuidade aos Xardíns de Méndez Núñez, impulsar o sector pesqueiro e a lonxa, xerar iniciativas económicas baseadas no mar e na "economía azul" e recuperar a vella estación de San Diego para impulsar o tren de proximidade na futura Área Metropolitana da Coruña.

Este mesmo venres, a xunta de goberno local da Coruña recualificou a Solana co obxectivo de que pase a ser propiedade municipal. Con este proxecto de modificación do plan xeral, que supón que os terreos pasen a titularidade pública en lugar de privada, implica importantes atrancos para que a Autoridade Portuaria poida continuar coa poxa deste complexo ante as dificultades que tería esta nova cualificación da parcela. 

Cartel da manifestación deste domingo © Comisión Aberta en Defensa do Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.