0 Gardados para despois

A Coruña clama na rúa contra a privatización da súa fachada marítima

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"Non á venda e privatización da fachada marítima. Devolución gratuíta, basta xa de especulación!". Con estas dúas proclamas, a pancarta encabezou a manifestación que no mediodía deste domingo percorreu as rúas da Coruña para demandar que todos os terreos que a Autoridade Portuaria pretende privatizar sexan cedidos gratuitamente ao Concello. Foi unha marcha marcada pola calor, o ambiente festivo e a importante participación, con arredor de 4.000 persoas que reivindicaron un proxecto para a cidade que fuxa da urbanización masiva e especulativa a pé de costa e que aproveite a ocasión para recuperar ese espazo para a cidadanía. 

Unhas 4.000 persoas manifestáronse contra a venda e privatización da fachada marítima e pola devolución gratuíta ao Concello dos terreos portuarios

"A Coruña non se vende!" ou "Non, non, non á especulación" foron algúns dos cánticos máis escoitados durante a marcha convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común e apoiada por máis de 70 entidades, entre elas os principais sindicatos, todos os partidos con representación no Concello agás o PP e o propio goberno municipal, que chamara nestes últimos días a acudir á mobilización. 

"Devolución dos terreos", "devolución gratuíta" ou "A Coruña non se vende, A Coruña se defende" berrouse tamén no punto final da manifestación, ante a sede da Autoridade Portuaria, organismo que aposta -ao abeiro dun acordo asinado co Concello hai máis dunha década- por construír máis de 4.000 vivendas no peirao de San Diego, con edificios de ata dez alturas, así como instalar novas grandes superficies comerciais no de Calvo Sotelo e Batería, con inmobles de ata nove alturas. E a cidadanía parece decidida a opoñerse de maneira contundente. 

Con máis de 10.000 sinaturas recollidas pola Comisión na cidade a prol da devolución gratuíta dos terreos e o impulso do goberno local en contra da suá privatización, a manifestación deste domingo pretende fortalecer a posición e amosar o rexeitamento masivo da cidadanía ás intencións da Autoridade Portuaria, ademais de ratificar a concienciación cada vez máis masiva das xentes da Coruña ante o futuro do seu litoral. Foi antes, precisamente, de que o executivo municipal convoque, como se acordou no pleno do pasado 6 de marzo, unha consulta popular sobre o futuro da fachada marítima. 

A marcha esixe á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe a concesión e a de todos os peiraos que cesen a súa actividade

A Comisión esixe á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta ao Concello da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027 e tamén, a través dun novo convenio, de todos os peiraos que cesen a súa actividade portuaria, "asumindo o Estado o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior en Punta Langosteira e as súas conexións, como se fai con outros portos". "Por que A Coruña ten que vender os seus peiraos para que Fomento rescate con máis de 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais de Madrid?", pregúntantanse, á vez que reclaman tamén que se reintegre no espazo público da cidadanía o antigo cárcere ou a zona do Campo da Estrada. 

A Comisión entende que a marcha "debera servir como axitador das conciencias dos responsábeis públicos encargados de dar resposta ás inquedanzas dunha parte importante da poboación coruñesa"

Finalizada a marchar, a Comisión entende que a importante asistencia "debera servir como axitador das conciencias dos responsábeis públicos encargados de dar resposta ás inquedanzas dunha parte importante da poboación coruñesa". Ademais, avalou como "altamente positivo" o apoio social, o que reafirma a súa "convicción" de que "A Coruña atópase diante dunha das millores oportunidades para equilibrar os elementos urbanos xa existentes potenciando os seus fundamentos de racionalidade, dada a correlación de forzas actual no Pazo de María Pita, moi lonxe da que había en 2004, cuxo convenio asinado nesa data planea como unha espada de Damocles sobre os sofridos cidadás coruñeses".

"O esceario actual é propicio para executar todo un conxunto de plans complementarios que permitan a recuperación da parte da fachada marítima copada polos peiraos", engadiu a entidade convocante. 

"A Coruña naceu do mar e no mar ha ter o seu futuro"

Nos discursos finais, o xornalista, escritor e músico Xurxo Souto advertiu que "A Coruña naceu do mar e no mar ha ter o seu futuro". Ademais, unha representante do Comité de Empresa do Hospital Militar, Pilar Oviedo, lembrou a mobilización que hai anos evitou a súa privatización e Teresa Ramiro, en representación das marsicadoras da Ría do Burgo, destacou a riqueza e os postos de traballo que o mar deu á cidade, reclamando a rexeneración e o dragado da ría.  O manifesto da Comisión foi lido polos xornalistas Antón Luaces e Consuelo Bautista. 

 

Ferreiro destaca a importancia do "apoio social"

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, estivo presente na marcha xunto a outros concelleiros do goberno local. “É un día importante para os e as coruñesas, para demostrar cal é a nosa postura sobre a incorporación dos terreos portuarios á cidade, que entendemos que debe basearse no interese da veciñanza, e polo tanto asegurar tanto a titularidade como a xestión públicas destes terreos, lonxe de tensións especulativas”, asegurou o rexedor, que cre que o bordo litoral da urbe "debe ser destinado a ampliar os espazos verdes e de ocio da cidade, á vez que para seguir tamén producindo riqueza, que é o que sempre significou o porto para A Coruña”, engadiu.

Ferreiro insiste na intención do Concello de "asegurar a titularidade e xestión pública dos terreos portuarios"

“A convocatoria de hoxe é importante xa que o apoio social dá ferramentas ao propio goberno local á hora de abordar as negociacións e o proceso que estamos a levar a cabo coas institucións pertinentes para garantir a titularidade e xestións públicas da fachada atlántica”, dixo. “Se no seu momento non houbese unha forte contestación cidadá, os terreos da Solana xa estarían vendidos a estas alturas, polo que é importante seguir contando co apoio da cidadanía”, explicou.

Na manifestación deste domingo estiveron presentes numerosos representantes de formacións políticas, como o BNG e o PSdeG, así como o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas, Mini; ou os parlamentarios por En Marea no Parlamento Antón Sánchez e Luca Chao, e no Congreso, Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz e Miguel Anxo Fernán Vello. 

"A Coruña non se vende!"

© Marea Atlántica

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.