Un neno de 11 anos, asasinado polo seu pai nun novo caso de violencia machista

Manifestación contra a violencia machista na Coruña CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Un neno de 11 anos, veciño da Coruña, foi atopado morto na mañá deste martes en Oza-Cesuras. O seu cadáver, con visibles signos de violencia, apareceu na noite deste luns nunha casa abandonada na parroquia de Rodeiro e a Policía cre que a morte foi causada por un forte golpe cun obxecto contundente. O asasino parece ser o seu propio pai, de 42 anos de idade, que indicou o lugar onde se atopaba o corpo do rapaz.

A nai do menor denunciara o domingo pola noite ante a Policía que o home non devolvera o neno á súa casa trala fin de semana, incumprindo o réxime de visitas

A nai do menor denunciara o domingo pola noite ante a Policía que o home non devolvera o neno á súa casa trala fin de semana, incumprindo o réxime de visitas. O detido tivo unha orden de afastamento da muller en vigor ata 2013 e fora denunciado por ela en dúas ocasións: Unha de 2008 que finalizou cunha sentenza condenatoria por un delito de coaccións; e outra de 2013 por ameazas a través das redes sociais, que foi sobreseída ao non ser posible acreditar quien foi o autor dos feitos denunciados.

O Concello da Coruña decretou xa dous días de loito oficial, o mesmo que o de Oza-Cesuras. A concelleira de Igualdade e Diversidade da cidade herculina, Rocío Fraga, explicou esta mañá que "todo apunta a que se trata dun novo caso de violencia machista". Do mesmo xeito, o Concello convoca ao conxunto da corporación, así como a traballadores e traballadoras municipais e á cidadanía a gardar, mañá mércores, ás 12.00 horas, un minuto de silencio diante do pazo de María Pita.

Fraga reclamou, en caso de que a investigación confirme esas circunstancias, que o suceso "sexa considerado como un caso de violencia machista", tal e como se contempla na reforma lexislativa de 2015

Fraga salientou que se trata “do peor acontecemento vinculado ás violencias machistas, esa maneira en que algúns pais utilizan aos nenos e nenas para atacar as nais, e máis cando se trata dun menor tan pequeno”. E reclamou, en caso de que a investigación confirme esas circunstancias, que o suceso sexa considerado como un caso de violencia machista, “tal e como se contempla na modificación da Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, aplicada no ano 2015 para incluír medidas de protección integral tamén para os e as menores co fin de previr, erradicar e sancionar este tipo de violencias e prestar asistencia a mulleres, aos fillos e fillas menores e a menores suxeitos a tutela, garda ou custodia para consideralos vítimas desta violencia”.

Unha vintena de nenos e nenas mortas por violencia machista nos últimos 4 anos

Nos últimos catro anos practicamente 20 menores foron asasinados polas parellas ou ex-parellas das súas nais, unha cifra que pode elevarse en función de varios casos que aínda están en fase de investigación. Dende agosto de 2015 a Lei de Infancia recoñece que os fillos e fillas de mulleres maltratadas son vítimas directas da violencia machista. Segundo a Enquisa de Violencia contra a Muller de 2015, o 63,6% das mulleres que sofren violencia machista aseguraba que os seus fillos e fillas presenciaran algunha situación de malos tratos. E que, deles e elas, o 64,2% tamén a sufría.

Nos últimos catro anos practicamente 20 menores foron asasinados polas parellas ou ex-parellas das súas nais, unha cifra que pode elevarse en función de varios casos que aínda están en fase de investigación

A lei integral de 2004 contempla como violencia machista a perpetrada por parellas ou exparellas das mulleres. Pero tal e como recomenda o Convenio de Istambul, ratificado por España, o concepto debe ampliarse a outros tipos de violencia que sofren as mulleres, entre os que se incluirían os asasinatos de prostitutas a mans dos seus clientes. As expertas e expertos apuntan tamén á necesidade de ter en conta aos menores expostos á violencia.

De igual xeito, o informe 2016 do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial analizaba as 8 sentenza xudiciais ditadas en 2015 polo asasinato de menores a mans dos seus proxenitores, seis por asasinato e dúas por homicidio imprudente. Foron condenados por asasinato 4 homes e 3 mulleres. Nun dos casos, a muller condenada "soportaba dende había tempo unha situación de malos tratos por parte do seu home e pai dos menores". Noutra das sentenzas, o ditame recolleu que o asasino "guiado pola acción de matar, para así facerlle dano á súa dona, posto que ela manifestara a súa intención de poñer fin á relación conxugal".

 

O menor foi asasinado nun monte da parroquia de Rodeiro, en Oza-Cesuras © Google Maps
A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.