Persoal de emerxencias apoia o 112 na denuncia de graves atrasos na atención

Rueda e Villanueva, no novo centro de Emerxencias da Estrada © Xunta

Colectivos que traballan no sistema de emerxencias de Galicia apoian os traballadores do 112 que seguen en folga e piden á Xunta que estableza "diálogo" con eles para rematar co conflito. Ademais, coinciden nas denuncias dos operarios que manteñen as protestas tras o seu traslado ao novo centro da Estrada e alertan de graves atrasos na atención de diferentes casos nas últimas semanas por erros na nova plataforma informática. Segundo din, houbo unha demora de ata dez minutos na atención ao naufraxio do pesqueiro Nuevo Marcos, no que morreron tres mariñeiros na ría de Pontevedra. 

O persoal do 112 denuncia graves atrasos na atención de emerxencias; alertan dunha demora de dez minutos no naufraxio do 'Nuevo Marcos'

Apoiada por traballadores do 061, bombeiros e ambulancias, a portavoz do comité de empresa do 112, Isabel Moares, volveu denunciar o aumento nos tempos de resposta desde que se produciu o traslado á Estrada. Segundo asegura, supuxo pasar de 3 a 10 segundos no tempo necesario para que se descolgue o teléfono, ademais de insistir en que a nova -e criticada- plataforma informática "non funciona". "Bloquéase, tarda demasiado e faltan recursos e teléfonos de contacto", explicou, polo que piden volver ao sistema anterior. 

Como xa fixeran antes, os traballadores do 112 alertaron dese atraso de até dez minutos na atención logo do naufraxio do buque Nuevo Marcos na ría de Pontevedra na última semana de abril. Na comparecencia, advertiuse tamén de demoras noutros casos como o dun infarto, un accidente cun tractor e unha intoxicación en Vigo. Ademais, advirten mesmo de 200 chamadas sen atender nun só día.

Os traballadores insisten en erros no novo sistema informático: "bloquéase, tarda demasiado e faltan recursos e contactos"

Xa o pasado luns, a Xunta respondera ás acusacións defenden a xestión no caso do afundimento do pesqueiro, pero os operarios insisten en que os datos do Executivo son "falsos" e "mentira". 

Este mesmo martes, poucos minutos despois da comparecencia dos traballadores, o director xeral de Emerxencias, Luís Menor, limitou o problema a un "conflito laboral" entre os traballadores do 112 e a empresa para a que traballan, Telemark Spain. "No fondo é o que é; non chegan a un acordo económico sobre a compensación do traslado", dixo acompañado do director da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Juan José Muñoz. Ambos cualificaron de "éxito" o cambio de sede e negaron que a nova plataforma informática estea provocando atrasos nas atencións.

A Xunta nega que haxa atrasos tras o traslado á Estrada e cingue o problema a un "conflito laboral" 

Menor mostrouse "disposto a mediar" entre as partes pero di que non recibiu "petición ningunha" logo de terse reunido en varias ocasións cos traballadores. Ademais, criticou que "se pretenda facer un cuestionameto do servizo de emerxencias" por un conflito "laboral" que, dixo, "debe resolverse na mesa laboral oportuna". Os traballadores, no entanto, negan que sexan os efectos da folga os que provoquen os atrasos denunciados, tal e como di a Xunta. 

Hai case un mes que comezou o paro no 112 que secundan -segundo datos do comité de folga- arredor do 90% dos traballadores e na que se fixaron uns servizos mínimos de entre o 60% e o 80%. Desde a súa posta en funcionamento na nova sede da Estrada, atendéronse unhas 40.000 chamadas, tal e como aclara a Xunta, que defende a "calidade do servizo" con estándares semellantes aos anteriores. 

Con todo, os traballadores de diversos ámbitos do sistema de emerxencias en Galicia apoian os seus compañeiros do 112 e piden solución ao conflito. O presidente da xunta de persoal do 061, Mario Otero, insiste en que desde que se produciu o traslado "disparáronse" os tempos de resposta, o que "repercute na asistencia á cidadanía". Por iso, pediu "negociación coa Xunta" por ser "responsable da asistencia nas emerxencias" para "poñer punto e final ao conflito". 

Traballadores do 061, de ambulancias e dos bombeiros ratifican as denuncias de atrasos: "disparáronse os tempos de resposta"

Desde Bombeiros de Galicia, o voceiro da mesa intersindical, Xavier Villar, cargou contra un sistema de emerxencias que ve "caduco e erróneo" e que ten no 112 o seu "primeiro elo". Ademais, pediu aos políticos que fagan algo para a súa "mellora", criticou o mapa de emerxencias e cualificou a "soberbia e autoritarismo" da Xunta. 

En canto ao sector das ambulancias, Uxío Figueroa, en representación do TES Galicia e a Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias, cualificou de "inadmisible" que os cargos públicos "non se dignen a escoitar" os traballadores que manteñen o servizo. 

Son, en total, uns 80 traballadores os que forman o cadro de persoal no centro de atención ás emerxencias 112, sendo 65 deles operadores e todos estes últimos empregados da firma Telemark Spain. 

Bombeiros e persoal do 061 e ambulancias Dominio Público @caosno112

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.