0 Gardados para despois

A ONU xa esixiu a España máis protección para os menores como o neno asasinado en Oza-Cesuras

Marta BorrazMarta Borraz | @martaborraz


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


O Comité de Nacións  Unidas para a Eliminación da Discriminación da Muller (CEDAW) condenou en 2014 a España por un caso similar ao do menor asasinado este martes a mans do seu pai no municipio coruñés de Oza-Cesuras. A través dun ditame, o organismo concluíu que o Estado non protexera dilixentemente a filla de Ángela González, que foi asasinada nun réxime de visitas polo seu pai tras alertar do perigo que corría e interpor máis de 30 denuncias.

O asasinato do menor en Galicia tamén se deu nun contexto de denuncias previas. Unha delas, de 2008, que culminou cunha sentenza condenatoria por coaccións cara á muller e unha orde de afastamento que se mantivo ata 2013, segundo confirmaron fontes do TSXG. Posteriormente ela presentou outra denuncia por ameazas contra o seu ex-marido, que foi arquivada por non poder determinar a autoría. Segundo fontes da investigación chegou a dicirlle que lle faría dano onde máis lle doía.

O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade xa incluíu na súa base de datos ao menor, co que ascenden a cinco o número de nenos e nenas asasinadas por violencia machista "tanto polos seus pais como por parellas ou ex-parellas das súas nais" desde o inicio de 2017. A Defensora del Pueblo pediu este mércores no Senado que se revisen os réximes de visitas concedidos a pais maltratadores.

Fontes da investigación confirman que o presunto asasino foi condenado por coaccións en 2008

Este é un dos puntos que máis preocupan aos colectivos que traballan con mulleres vítimas e tamén está relacionado cunha das recomendacións xerais que a CEDAW cara á España no seu ditame, no que se mostraba preocupado polo número de menores asasinados en réximes de visitas. Entre as advertencias que a ONU facía a España atopábase "tomar as medidas adecuadas e efectivas" para garantir o principio de non repetición de modo que o exercicio dos dereitos de custodia e visita "non poñan en perigo a seguridade das vítimas, incluídos os fillos".

Ademais, engadía que o interese superior do menor e o seu dereito a ser escoitado "deben prevalecer en todas as decisións que se tomen na materia". Doutra banda, recomenda ao Estado proporcionar formación obrigatoria en materia de violencia de xénero co obxectivo de acabar cos estereotipos de xénero.

O Goberno non indemnizou a Ángela

O Ministerio de Xustiza confirmou a súa negativa a atender as advertencias xustificándose en que o ditame "non vincula ao Estado español"

Desde entón producíronse avances no marco normativo, como a aprobación do Estatuto da Vítima do Delito ou a reforma da Lei de Protección á Infancia, ambas de 2015, que recoñece aos fillos e fillas das mulleres maltratadas como vítimas directas e obriga os xuíces a pronunciarse sobre eles atendendo ao seu interese superior.

Con todo, as expertas denuncian que é necesario pór en marcha a aplicación práctica destes avances lexislativos para garantir a protección e atención aos menores, que aparece lastrada pola falta de recursos especializados, o déficit en formación, o mantemento das visitas ou a ausencia de protocolos que garantan a detección precoz no ámbito sanitario ou educativo.

A recomendación específica que fai a CEDAW a España sobre o caso de Ángela é que sexa compensada de maneira adecuada e lle outorguen unha indemnización. Con todo, o Ministerio de Xustiza confirmou en xullo de 2015 a súa negativa a atender ás advertencias do organismo xustificándose en que o ditame " non vincula ao Estado español en canto ao seu cumprimento".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os movementos feministas galegos chaman a manifestarse este 11 de maio

A Marcha Mundial das Mulleres e a Plataforma Feminista Galega chaman a manifestarse no serán deste xoves como mostra de repulsa á violencia de xénero tras o asasinato do neno de 11 anos en Oza-Cesuras presuntamente a mans do seu pai.

Todas as concentracións están convocadas para as 8 da tarde en ata nove localidades. Celebraranse, nomeadamente, nas sete principais cidades do país e tamén en Bertamiráns e Noia.