Un vertedoiro recuperado para a bioversidade e a gandaría na Limia

En parte desta Veiga estase a desenvolver un proxecto de gandeiría en extensivo © SGHN

A Veiga de Gomareite está Vilar de Barrio (Ourense). É apenas un anaco das antigas veigas asolagadas polas augas da desaparecida Lagoa de Antela. As terras que antes ocupaba -de forma permanente ou temporal- a lagoa atoparon despois distintos usos, mais esta dende hai bastantes anos estábase a utilizar como entulleira e vertedoiro de lixo. Dende 2014 a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) traballa recuperando parte da veiga orixinal, nun proxecto que comezou por retirar parte do lixo que alí se atopaba (plásticos, entullos, madeiras, vidro...).

Ademais, en parte da veiga (unhas 16 hectáreas) a SGHN está a desenvolver un proxecto de gandeiría en extensivo. Para iso a entidade asinou un acordo "de custodia compartida do territorio" co gandeiro promotor do proxecto "que, ao igual que nós, está moi preocupado pola utilización deste lugar como vertedoiro, e procura poñer trabas para que esto cambie". 

Os traballos, destaca a entidade, comezaron con lentitude "pois realizábanse de xeito manual grazas á colaboración e esforzo deses voluntarios que sempre están dispostos a botar unha mán aínda que a tarefa semelle descomunal e inabordable". Porén, a partir de 2016 a SGHN aproveitou unha convocatoria de axudas da Xunta cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O proxecto recibiu a máxima puntuación dos presentados por asociacións ou particulares en toda Galicia, así como a totalidade do financiamento solicitado: 12.000 euros repartido en dúas anualidades 2016 e 2017.

Os traballos dos e das activistas da entidade conseguiron retirar 104 m3 de entullos e residuos variados amoreados pola Veiga e xuntar e redistribuir máis de 250 m3 de pedra limpa procedente das concentracións parcelarias e que están a ser empregados na mesma Veiga para a construción dun muro para reter a auga e para a creación dun acúmulo de pedra limitando cunha pista periférica. Como mostra da cantidade de lixo que a veiga acumulaba, nas varias sesións de limpeza retiráronse un total de 335 botellas de viño.

A Veiga de Gomareite inicia agora unha nova vida, rexenerado o espazo, incrementando a superficie dispoñible para a flora e fauna e tamén para a gandaría, que ao tempo axuda á propia conservación da veiga na súa integridade.

 

Voluntarios/as da entidade levaron a cabo varias xornadas de limpeza © SGHN
Imaxe dos traballos © SGHN
A veiga ten hoxe un aproveitamento gandeiro © SGHN
Unha mostra dos traballos realizados na Veiga © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.