A Plataforma pola defensa da Ría do Burgo convoca para este domingo unha manifestación na Coruña (Casa do Mar, 12 horas) para esixir do Goberno central e da Xunta de Galicia solucións para o espazo, nomeadamente o dragado e a limpeza integral da ría, de xeito que volva ser produtiva.
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo leva anos reivindicando solucións ante o grave deterioro da ría e as consecuencias negativas que isto supón para o medio ambiente, a economía, o marisqueo e o turismo. Porén, en todo este tempo, un ano tras outro as urxentes actuacións para a rexeneración, recuperación e saneamento integral da ría "teñen quedado relegados nos Orzamentos Xerais do Estado, onde só aparecen consignadas partidas insuficientes, que nin se sequera se chegan a executar", denuncia a CIG. A partida económica consignada para este 2017 -un millón de euros- é mesmo inferior á do ano anterior (dous millóns de euros).
"Cando por fin parece que hai acordo para iniciar o dragado, este permanece estancado nos trámites administrativos, sen que exista certeza sobre o seu financiamento, nin se teña contestado ás alegacións formuladas pola Plataforma, a Confraría ou os concellos", engade o sindicato, que critica que a Xunta "segue negando calquera alternativa e solución ao sector marisqueiro, que cada vez se ve máis empobrecido por unha ría en constante degradación e que cada ano reduce máis a súa capacidade produtiva". A este respecto, a CIG subliña "a importancia de recuperar este espazo, non só como necesidade ambiental, senón tamén como unha aposta pala economía produtiva, dado o potencial da ría como motor da reactivación económica da comarca da Coruña e pola súa capacidade xeradora de emprego".
A marcha demandará do Goberno central e da Xunta tres medidas:
- Aprobación inmediata do Proxecto Definitivo do Dragado da Ría, co seu calendario de actuacións e consignación orzamentaria adecuada, previa resposta positiva a todas as alegacións presentadas pola Plataforma pola defensa da Ría do Burgo, Confradía de Pescadores da Coruña e concellos.
- A posta en marcha inmediata do Plano de Rexeneración Medioambiental de limpeza integral da Ría do Burgo para o gozo e lecer cidadán, así como de recuperación do bancos de marisco con liñas de axuda ao cultivo e á produción
- Defender a elaboración polo Goberno español e da Xunta de Galicia dun plano urxente de axudas ao marisqueo mentres non se teña producido unha total eliminación dos verquidos e se poida desenvolver con normalidade a actividade marisqueira