Condenan a Xunta por unha "actuación terceiromundista" nunha queima controlada que arrasou 475 hectáreas

Imaxe dun incendio, neste caso no Concello de Muíños © @BrifLaza

En abril de 2011 un incendio queimou 475 hectáreas nos concellos ourensáns de Bande e Verea, maioritariamente de monte raso, pero tamén de arborado (case un cento de hectáreas). Nos labores de extinción tiveron que traballar oito axentes forestais, dous técnicos, 15 brigadas, nove motobombas, tres pas, oito helicópteros e sete avións. O lume iniciárase un día antes na parroquia de San Pedro de Bande e dende ese día comezou un ruxe-ruxe que apuntaba á responsabilidade dos propios equipos da Xunta de Galicia e da súa empresa SEAGA, abríndose unha investigación para coñecer se unha queima controlada fora a culpable do posterior desastre. Días despois, dous enxeñeiros técnicos forestais do ente público quedaban imputados.

"A actuación terceiromundista da Consellería do Medio Rural e do seu ente SEAGA, destruíndo aquilo que están obrigadas a protexer, integra os requisitos da responsabilidade patrimonial", din a sentenzas

Abriuse así un longo proceso no que tanto a Comunidade de Montes en Man Común Montegrande II de Bande coma o TECOR societario de caza de Verea lle esixiron ao Goberno galego unha indemnización económica polo prexuízo causado pola súa actuación. Despois de non obter resposta da Xunta en vía administrativa, decidiron acudir á vía xudicial. Primeiro, o xulgado de instrución de Bande sobreseu a causa, ao non entender que existira un delito de incendio por imprudencia, mais sinalando unha posible neglixencia administrativa. O TSXG vén de pronunciarse agora ante os recursos presentados posteriormente polas dúas entidades, condenando a Consellería de Medio Rural e a empresa pública SEAGA ao pagamento dunha indemnización de 180.000 euros (160.000 á comunidade de montes e 20.000 ao TECOR) pola súa responsabilidade no incendio.

Nas dúas sentenzas, a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG subliña que "evidentemente a actuación terceiromundista da Consellería do Medio Rural e do seu ente SEAGA, destruíndo aquilo que están obrigadas a protexer, integra os requisitos da responsabilidade patrimonial". Os xuíces explican que "a queima ¡controlada! [entre exclamacións na propia sentenza] de pouco máis de 2 hectáreas" deu lugar a un "incendio forestal de máis de 475 hectáreas" pola "absoluta falta de previsión tanto das condicións como dos medios, presuntamente por especialistas e profesionais seleccionados por mérito e capacidade, entrañando un funcionamento palmariamente anormal dunha Administración na xestión da actividade que ten encomendada".

Os xuíces sinalan a "absoluta falta de previsión tanto das condicións como dos medios, presuntamente por especialistas e profesionais seleccionados por mérito e capacidade"

Os maxistrados destacan que a queima autorizada realizouse, segundo recoñeceu a propia Xunta de Galicia, nun momento "no que o vehículo de SEAGA se atopaba fóra da zona de traballo e o helicóptero máis próximo sufrira a rotura do cable que suxeita a cesta que transporta a auga", e, ademais "cando existía vento de 17 Km/h".

As dúas entidades recorrentes demandaban unha indemnización por danos e prexuízo notablemente superior (827.390 e 50.000 euros), que a Xunta buscaba reducir, aceptando a súa responsabilidade, a 46.743 e 1.920 respectivamente. As sentenzas non son aínda firmes e, polo tanto, o Goberno galego pode interpoñer recurso de casación.

 

Imaxe dun incendio, neste caso no Concello de Muíños © @BrifLaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.