Un ano máis, unha morea de persoas á rúa co galego como ligazón. A convocatoria da Plataforma Queremos Galego volveu ser secundada este 2017 por milleiros de mulleres e homes a quen se convidou a achegárense a Santiago no Día das Letras para reclamaren a posibilidade de utilizar o galego "sen límites". Ou, dito doutro xeito, para que nun futuro próximo "ninguén teña que explicar por que fala a súa lingua no seu país", en verbas do manifesto final da manifestación.
Como nalgunhas das manifestacións máis relevantes da historia recente de Galicia nesta ocasión na marcha de Queremos Galego as bandeiras, globos e pancartas compartiron protagonismo cos paraugas ante o risco dunha chuvia que finalmente non apareceu. Consignas como "na Galiza, en Galego" volveron ecoar en Compostela xunto a outras a prol do "dereito" a usar o galego nunha protesta na que a plataforma convocante quixo facer ver que a lingua propia do país "non é un complemento" ou un adorno para sacar a pasear en días sinalados. "É unha necesidade para calquera pobo, tamén para o noso".
"As declaracións de amor da Xunta hoxe non agochan o maltrato diario á lingua"
As chamadas á "unidade" compartiron espazo na mobilización coas críticas á política lingüística do Goberno. A Xunta, lamenta Marcos Maceira, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, "non só incumpre a legalidade que ampara o noso idioma, senón que non ten ningún problema en fachendear de actuar directamente en contra". Materias pendentes como o "recorte" á presenza do galego no ensino ou a "exclusión" en trámites e actuacións cotiás, advirte, non se compensan coas "declaracións de amor e anuncios de novos plans" que "reservan para hoxe" co obxectivo, acusa, de "agocharen o maltrato diario".
Así e todo, a organización en defensa da lingua coida que o 17 de maio tamén é unha xornada para subliñar que se o galego segue "vivo" e "é oficial" é "porque hai un pobo activo que o mantén e o sostén". "É a nosa forza, a nosa constancia e perserverancia a que pode reverter a situación" e "reconquistar o dereito de uso" en todo os ámbitos. Neste eido, resalta, é no que se encadra a iniciativa lexislativa popular que impulsa A Mesa "para garantir o dereito ao uso do galego no ámbito socioeconómico". A proposta, que persegue "algo tan simple como termos liberdade en Galiza para abrirmos unha conta bancaria" ou "podérmonos informar do que compramos na nosa lingua", logrou xa "as 10.000 sinaturas para o primeiro debate parlamentar", pero "precisamos moitas máis para que non a freen, para mostrar a nosa forza", sinalou Maceira.
A ILP d'A Mesa acadou xa 10.000 sinaturas, destaca Maceira
Se esta ILP chega ao corpo legal do país, manteñen, poderán tombarse algunhas barreiras como as que, afirman, sofren nos seus ámbitos laborais persoas que tamén subiron ao escenario da Praza da Quintana. A "normalidade" no uso do galego non está garantida en eidos como os tribunais de xustiza, segundo resaltou a avogada Guadalupe Vidal; no funcionamento ordinario de moitas empresas, como lembrou Patricia Cordo, representante sindical na compañía Eurocen; e aínda menos no ensino das ciencias, tal e como acreditou Cibrán Arxibai, profesor de matemáticas.
Membros das tres forzas políticas da oposición -no caso de En Marea e BNG, encabezadas por Luís Villares e Ana Pontón- e de organizacións sociais e sindicais formaron parte tamén dunha manifestación que, como noutras ocasións, tamén tivo un marcado carácter festivo. A retranca da actriz Isabel Risco, as regueifas de Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira ou a música de Belém Tajes, actual cantante de Luar na Lubre, achegaron a súa arte a unha mobilización que, un ano máis, rematou nunha ateigada Praza da Quintana, espazo que non foi dabondo para acoller as todas as persoas asistentes.