CoLab e Cárcere: novos espazos e estruturas na Coruña para a produción de coñecemento

Exterior do antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

A Coruña contará nos vindeiros meses con novos espazos e estruturas de apoio á innovación social e aos proxectos de produción de coñecemento, ao abeiro da conformación do CoLab, Laboratorio de Innovación Cidadá e tamén da apertura e acondicionamento do antigo cárcere provincial para a realización de proxectos socioculturais e de recuperación da memoria histórica.

O pasado mes de novembro celebráronse as primeiras sesións do CoLab, co obxectivo de sentar as bases para a creación do primeiro laboratorio cidadán de Galicia. O CoLab concíbese como un espazo de encontro de movementos, institucións, saber académico e activistas que debe servir como xerador de transformación social e de mecanismos de produción de coñecemento colaborativos, abertos e reutilizables. Nestes momentos están en marcha unha convocatoria para a realización de proxectos de innovación social. O Concello destinará un total de 60.000 euros para un máximo de 6 proxectos, repartindo equitativamente un importe máximo de 10.000 euros entre cada unha das propostas que sexan finalmente seleccionadas.

"Hai persoas e colectivos que teñen proxectos e ideas de innovación social, pero que necesitan de soporte, tanto orzamentario coma infraestrutural ou simplemente de acompañamento"

"Os obxectivos das sesión do ano pasado eran, por un lado, analizar se había masa crítica suficiente, se se dan as condicións na cidade para desenvolver un proxecto destas características. Vimos que si, que había interese, tanto por parte da xente da Coruña coma do resto de Galicia, que se achegou ata aquí", destaca Natalia Balseiro, técnica da Área de Participación e Innovación Democrática, que engade que tamén se "sentaron as bases que deben rexer todo aquilo que se convoca a través do CoLab".

"Vimos que hai persoas e colectivos que teñen proxectos e ideas de innovación social, pero que necesitan de soporte, tanto orzamentario coma infraestrutural ou simplemente de acompañamento", sinala, "As iniciativas están aí, e seguramente hai moitas que nin sequera están mapeadas, que non as coñecemos. E cremos que necesitan, sobre todo, de soporte", di.

O Concello destinará un total de 60.000 euros para un máximo de 6 proxectos, repartindo equitativamente un importe máximo de 10.000 euros entre cada unha das propostas

As propostas que presenten as persoas ou entidades que opten a esta convocatoria poderán ser un proxecto completo ou unha fase dunha iniciativa sobre a que xa se está a traballar, pero que, en ambos os dous casos, se deberán desenvolver neste ano 2017. As propostas deberán ser interdisciplinares, deben ter ao seu redor comunidades de aprendizaxe e deben compartir e publicar en código aberto tanto o proceso como os resultados do mesmo. O prazo para a presentación de candidaturas será de 10 día hábiles desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria (o 2 de xuño). Ademais, para dotar de estrutura ao propio CoLab, abríronse outras tres convocatorias para a contratación de servizos: un servizo de mediación que terá como principal función acompañar, vincular e mediar entre proxectos de participación e innovación social do Concello, outras organizacións, empresas, colectivos e persoas individuais da cidade. Ademais, tamén se licita a coordinación do programa. E, igualmente, un servizo da comunicación do ColLab así como a creación e actualización de contidos para a web da iniciativa municipal. De igual xeito, o Concello dotará o CoLab dun espazo permanente nas instalacións municipais para a realización dos proxectos seleccionados.

Apertura do cárcere provincial

Nas propostas para o cárcere debe primar a recuperación da memoria histórica, o apoio e na posta en valor dos novos creadores locais e a promoción de actividades que non teñen lugar noutros espazos carácter regular

Tamén está en marcha a convocatoria para a cesión de uso de espazos na antiga prisión provincial, recuperada para a cidade da Coruña o pasado mes de novembro. A convocatoria está dirixida a entidades sen ánimo de lucro que queiran desenvolver de proxectos de dinamización cultural e sociocultural poñendo especial relevancia na recuperación da memoria histórica, no apoio e na posta en valor dos novos creadores locais e a promoción de actividades que non teñen lugar noutros espazos da cidade con carácter regular.

"Estanse abrindo portas a determinados colectivos e contidos. Portas que era necesario abrir. Son espazos que complementan o que xa existe na cidade"

As propostas deben ter en conta estes tres aspectos, reservando un mínimo do 40% dos contidos da programación. E, ademais, presentar un proxecto de gobernanza para o espazo "que garanta a máxima participación e pluralidade nos procesos de toma de decisión e dinamización das actividades". Así mesmo, deben garantir a apertura ao público durante un mínimo de 104 días ao ano e 4 horas ao día, respectando e contribuíndo á difusión de valores de "convivencia, inclusión social, igualdade entre persoas, respecto á sostibilidade ambiental e o comercio xusto". A cesión de uso dos espazos, gratuíta, terá un prazo dun ano, prorrogable anualmente a solicitude do interesado.

"Estanse abrindo portas a determinados colectivos e contidos. Portas que era necesario abrir. Son espazos que complementan o que xa existe na cidade. E, polo tanto, é necesario ir abrindo ámbitos diversos, ao tempo que se apoia o que xa existe", destaca Natalia Balseiro, valorando as dúas iniciativas.

Unha das sesións do CoLab, o pasado mes de novembro © CoLab
Exterior do antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Un dos patios do antigo cárcere provincial da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.