0 Gardados para despois

O Co-Lab sentou as bases para a creación do primeiro laboratorio cidadán de Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Unha cidade está composta por persoas diferentes. Polo tanto as solucións aos seus problemas deben construírse dende diferentes puntos de vista". Marcos García, director de Medialab-Prado, botou man de Aristóteles para explicar o funcionamento dos laboratorios cidadáns, espazos de traballo conxunto de movementos sociais, universidade, administracións públicas, activista e entidades de todo tipo, para propoñer dende análises colectivas solucións prácticas a problemas que sofre a cidadanía, xerando novo coñecemento e fortalecendo as dinámicas comunitarias e asociativas.

O Co-Lab reuniu este xoves e venres na Coruña a case un cento de persoas -representantes de colectivos e a título individual- para debater a metodoloxía para a creación dun laboratorio cidadán, comezando a perfilar algúns dos seus primeiros proxectos concretos, centrados no fomento da actividade comunitaria nos barrios, a economía social, a mobilidade alternativa, a experimentación tecnolóxica ou a creación cultural dende a base. A creación do Co-Lab figura na proposta de Orzamentos municipais para 2017.

Marcos García: "Unha cidade está composta por persoas diferentes. Polo tanto as solucións aos seus problemas deben construírse dende diferentes puntos de vista"

"Os laboratorios serven para diminuír a distancia entre as persoas e as institucións, axudan a construír pontes entre o micro e o macro, fomentan a participación e amplían os círculos de persoas e entidades que participan, aumentando a súa diversidede e experimentan formatos que dan lugar a outros modelos de institución que complementen o existente", resumiu Marcos García as fortalezas destes espazos, cada vez máis habituais nas principais cidades de Europa e Iberoamérica. "Son espazos que poñen as condicións necesarias para apoiar os colectivos que traballan na cidade", engadiu, "ensínannos a traballar e aprender xuntos, facendo cousas".

Juan Freire tamén destacou este aprender facendo, ou a práctica como espazo de colaboración igualitaria entre persoas distintas: "Hai que traballar, primeiro, porque dende a acción é como aprendemos", destacando que "Hai que traballar dende a indisciplinariedade: non conta só o punto de vista do experto ou do técnico municipal, conta o punto de vista do cidadán. Todo o mundo ten cousas que achegar, e isto non é só un discurso bonito, é que é a realidade. Os problemas teñen moitos puntos de vista, os problemas non teñen unicamente unha solución técnica, senón que en función de como se analicen, pódese chegar a distintas solucións técnicas".

Antonio Lafuente (CSIC) incidiu na importancia de considerar os laboratorios como espazos abertos: "Iso quere dicir que está aberto a todos os problemas e a todas as persoas, ten que ser capaz de vertebrar colectivos moi heteroxéneos, que veñen de mundos moi distintos, con epistemes ás veces difíciles de combinar. Tomar isto en serio significa que ningunha das partes ten o dereito de pechar ningún dos temas que xorden no seu interior". "Os participantes teñen que constituírse en comunidade de aprendizaxe, para traballar colectivamente na creación de coñecementos novos. Para ser comunidade, o primeiro paso é aprender a escoitarse, aprender a vivir xuntos, deixarse afectar por unha diversidade de puntos de vista, desaprender certas cousas", engadiu, concluíndo que "os laboratorios axudan a conformar comunidades e axudan a estas comunidades a gañar forza para facerse visibles no espazo público e para poder interactuar coa administración". 

Antonio Lafuente: "Para ser comunidade, o primeiro paso é aprender a escoitarse, aprender a vivir xuntos, deixarse afectar por unha diversidade de puntos de vista, desaprender certas cousas"

Lafuente falou da necesidade “dunha cultura política nova que sexa capaz de relacionarse cos movementos sociais, de pasar da protesta á proposta, do experimental ao experiencial e da reclamación de dereitos á produción de infraestruturas”. E reclamou das institucións que "admitan que os movementos sociais, axentes de innovación, son sensores de alerta temperá dos problemas que están por vir". Lafuente reivindicou as achegas do feminismo para a discusión colectiva de problemas, o aprender facendo e a execución de solucións e chamou a imaxinar un mundo non lastrado pola tradición ou metodoloxías previas: "Se tomamos demasiado en serio a consistencia dos discursos acabamos cun resultado que só serve para a academia e non para a cidadanía". "As expectativas están construídas para ser defraudadas e só chegaremos ao mundo no que queremos vivir se o habitamos dende hoxe mesmo”, concluíu.

 

O papel das institucións

Marcos García subliñou na súa intervención que o papel que debe xogar a administración con respecto a estes laboratorios cidadáns xera habitualmente "unha gran tensión", definida pola necesidade de apoialos pero de evitar controlalos. O mesmo sinalou Pedro Jiménez (un dos impulsores do Festival Zemos98 de Sevilla): "As administracións deberían dotar de recursos a posta en marcha destes laboratorios cidadáns, pero evitando que iso se converta nunha especie de secuestro institucional, de xeito que os laboratorios fiquen nunha especie de paripé no que simplemente se contrastan ou se activan as políticas decididas pola administración". "Deben ser espazos que vaian máis aló da lóxica militante. Deben ser espazos capaces de conter o disenso proactivo e a crítica construtiva. Deben ser un dispositivo privilexiado de escoita das necesidades e propostas do ecosistema de movementos que participan nel. Ao mesmo tempo deben activar procesos que fomenten a ampliación deses círculos activos de participación", engadiu.

Pedro Jiménez: "As administracións deberían dotar de recursos a posta en marcha destes laboratorios cidadáns, pero evitando que iso se converta nunha especie de secuestro institucional"

De igual xeito, Juan Freire, demandoulles ás institucións que entendan que se está operando un cambio no que as administracións están deixando de ser o ente "que toma todas as decisións e fai as cousas como a administración e os técnicos pensan que se deben facer", para ser "unha infraestrutura, unha ferramenta que ás veces resolve os problemas, pero outras veces proporciona ferramentas para que outros os resolvan".

Tamén esixiu unha cultura de participación máis avanzada: "A participación converteuse en algo que fica no nivel do debate, case sempre simplificada ata o extremo: podemos exemplificalo en que a institución decide que se fai unha praza e os cidadáns votan a cor dos bancos". De igual xeito, Nagore de los Ríos, experta en Goberno Aberto, salientou que "non hai que facer pedagoxía, ao cidadán non hai que educalo, o cidadán é moi maduro e sabe o que ten que facer. Ninguén vai participar en todo porque si". E subliñou que "isto de abrir preguntas e procesos participativos ao chou non serve, despois é normal que os resultados sexan os que son". "A participación non é doada, hai que saber facela ben, a clave está en saber localizar as persoas que teñen un interese real en participar, porque son temas que lles interesan", concluíu.

Nagore de los Ríos: "Montar un portal de datos abertos sen moito contido e darlle bombo non é facer transparencia, é facer marketing político. Ser transparente é facer políticas públicas que fomenten de verdade a transparencia"

Unha participación ligada a unha maior transparencia: "Cando falo de transparencia, falo de transparencia de verdade. Para min montar un portal de datos abertos sen moito contido e darlle bombo non é facer transparencia, é facer marketing político. Ser transparente é facer políticas públicas que fomenten de verdade a transparencia: que se expliquen en primeira persoa o porqué das decisións, que se acheguen ao cidadán e conseguir que o cidadán reutilice estas informacións, as faga súas, que poida participar de verdade", engadiu.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Juan Freire: "Hai que traballar facendo cousas, porque dende a acción é como aprendemos"

Juan Freire (A Coruña, 1966) foi profesor da UDC e decano da Facultade de Ciencias, impulsa nestes momentos varios proxectos educativos, como XTribe (que traballa cunha rede de universidades, empresas e organizacións cívicas para transformar a aprendizaxe a través do emprendemento e da tecnoloxía) ou EduCaaS (plataforma deseñada para procesos colectivos de aprendizaxe e creación dixital), ademais de asesorar a varias entidades e institucións en materia de innovación.

"Trabállase sobre proxectos que xeran benestar na cidadanía, non proxectos que xeran unha rendibilidade económica, porque para iso xa hai outros espazos"

Que é un laboratorio cidadán? Que beneficio xera para a cidadanía, para a cidade?

É un entorno no que os cidadáns, individual ou colectivamente, teñen a oportunidade de atoparse, non tanto para consumir contidos ou debater, senón para achegar o seu tempo e as súas habilidades e coñecemento para levar unhas ideas á práctica, na súa fase inicial: probar que esas ideas funcionan. Unha vez que se comproba que esas ideas funcionan, é cando se devolven á cidade, ben directamente á cidadanía, ben á institución, ben a unha empresa que as recolle, para que esas se poidan desenvolver e xerar un impacto positivo na sociedade. Trabállase sobre proxectos que xeran benestar na cidadanía, non proxectos que xeran unha rendibilidade económica, porque para iso xa hai outros espazos e procesos de emprendemento.

"A participación converteuse en algo que fica no nivel do debate, case sempre simplificada ata o extremo: podemos exemplificalo en que a institución decide que se fai unha praza e os cidadáns votan a cor dos bancos"

Ás veces semella difícil explicar e entender como funcionan estes laboratorios, a propia proposta...

É difícil de entender porque vivimos nunha sociedade na que o cidadán abandonou ese papel activo. A participación converteuse en algo que fica no nivel do debate, case sempre simplificada ata o extremo: podemos exemplificalo en que a institución decide que se fai unha praza e os cidadáns votan a cor dos bancos. Foise abrindo unha fenda entre o cidadán e as institucións, que deixaron de contar con ela. Moitos cidadáns acomódanse e quedan á espera do que decida a institución, pero outros cansan de esperar e sen agardar ao que diga a institución botan a andar procesos ou espazos que cumpren a función de laboratorios cidadáns. O papel da institución serve para organizar estes procesos, para impulsalos.

"Os problemas teñen moitos puntos de vista, os problemas non teñen unicamente unha solución técnica, senón que en función de como se analicen, pódese chegar a distintas solucións técnicas"

Os laboratorios insírense nunha serie de procesos que fomentan a interdisciplinariedade, a eliminación de barreiras entre ámbitos (académico, activista, institucional...), o traballo en aberto, a horizontalidade... As metodoloxías son fundamentais?

Para que as cousas sucedan os laboratorios teñen que funcionar doutra maneira, de maneiras que non son habituais nas empresas, na universidade ou nas institucións. Hai que traballar, primeiro, facendo cousas, porque dende a acción é como aprendemos. Hai que traballar en aberto, para compartir e para que ninguén se poida apropiar diso, e para que o coñecemento que se xera poida ser utilizado por outros. Hai que traballar dende a indisciplinariedade: non conta só o punto de vista do experto ou do técnico municipal, conta o punto de vista do cidadán. Todo o mundo ten cousas que achegar, e isto non é só un discurso bonito, é que é a realidade. Os problemas teñen moitos puntos de vista, os problemas non teñen unicamente unha solución técnica, senón que en función de como se analicen, pódese chegar a distintas solucións técnicas. Hai que entender o problema, e para iso necesitas diversidade de puntos de vista: necesitas a opinión do experto, pero tamén a do cidadán, a da persoa que sofre directamente ese asunto. Os outros dispositivos -institucionais, académicos...-  xa existen, pero non chegan, porque hai problemas que non se abordan.

"A institución pública está pasando a ser unha infraestrutura, unha ferramenta que ás veces resolve os problemas, pero outras veces proporciona ferramentas para que outros os resolvan"

Nos laboratorios cidadáns prodúcese unha certa tensión, un equilibrio, co papel que xoga a administración. Cal debe ser ese papel?

A institución pública está pasando de ser a que toma as decisións e fai as cousas como a administracións e os técnicos pensan que se deben facer, a ser unha infraestrutura, unha ferramenta que ás veces resolve os problemas, pero outras veces proporciona ferramentas para que outros os resolvan. Un técnico da administración ten moitísimo coñecemento, e parte dese coñecemento pode axudar a solucionar non só os problemas da administración, senón os problemas da cidadanía. As administracións están aprendendo a funcionar así: primeiro debe tomar conciencia disto, e despois proporcionar ferramentas para facelo posible.