O paquete de recortes aprobado polo Goberno de España no verán de 2012 para cumprir coas esixencias financeiras marcadas dende a UE segue a ter efectos colaterais mesmo nalgúns dos preceptos que xa non seguen en vigor, como as restricións á aplicación da lei da dependencia. Apenas un ano despois de que o número de persoas dependentes con dereito á atención recoñecido tocase teito, con máis de 63.000, o Executivo de Mariano Rajoy aplicou unha "moratoria" á aplicación da norma. A incorporación ao sistema da poboación con dependencia moderada estivo conxelada durante tres anos e medio, ata mediados de 2015, cando a fin da moratoria disparou unha lista de espera que, no caso galego, xa minguou nunhas 10.000 persoas, o que a devolveu a niveis do ano 2014.
A atención á dependencia aínda se resente pola moratoria de tres anos e medio aplicada polo Goberno central entre 2012 e 2015
Segundo os datos publicados hai poucos días polo IMSERSO, correspondentes ao pasado mes de abril, un total de 17.778 persoas con dereito recoñecido agardaban que a Xunta tornase en realidade a prestación económica ou servizo de asistencia á dependencia que xa teñen recoñecido. Son unhas 200 persoas menos que un mes antes e tamén arredor de 200 máis que no inicio do ano. A cifra vénse mantendo un chisco por baixo das 18.000 persoas dende o verán de 2016. Previamente, en moi poucos meses descendera dende as máis de 27.000 persoas cifra que se superara cando a fin da moratoria duplicou amplamente a lista de agarda.
O estancamento da lista de espera prodúcese nun momento no que o número de persoas que xa reciben prestacións se mantén en máximos dende a implantación da lei e tende tamén á estabilidade. O balance de abril indica que nese mes eran 48.774, unhas 350 máis que no mes anterior e 444 menos que en xaneiro, o que supón o primeiro descenso relevante dende a fin da moratoria. Dende que o remate desa restrición imposta polo Goberno de España a cifra de persoas en situación de dependencia que reciben algunha prestación en Galicia incrementouse nunhas 10.000.
Estas cifras son o pano de fondo da promesa lanzada polo presidente da Xunta no Parlamento o pasado abril, segundo a cal o sistema de atención á dependencia chegará ás 60.000 persoas atendidas na actual lexislatura autonómica. Nunha resposta ao PSdeG Alberto Núñez Feijóo asegurou que esa cota será acadada no horizonte do ano 2020, o que suporía que a devandita lista de espera, de continuar a súa tendencia ao estancamento, quedaría conformada por unhas 5.000 persoas.