Os debates de En Marea sobre os ventres de alugueiro conclúen cun rexeitamento total

Imaxe do debate que fixou a posición de EnMarea, hai uns días en Compostela © EnMarea

Dende o pasado 5 de maio En Marea vén realizando debates en numerosas cidades e vilas galegas (as sete urbes, ademais de Vilagarcía, O Carballiño, Boiro e Vilalba) ao redor da proposta de legalización da práctica dos ventres de alugueiro, a xeito de espazos de información e deliberación sobre esta cuestión e co obxectivo de conformar unha posición común ante o tema. O pasado sábado a formación celebrou en Compostela (onde tivera lugar o primeiro encontro desta xeira) o debate central, que serviu para chegar a unha serie de conclusións.

As persoas participantes nos debates redactaron de forma unánime un documento final, que rexeita por completo a práctica dos ventres de alugueiro, sinalando que legalizar este proceso sería "como regularizar a mercantilización do corpo da muller". O grupo de Igualdade de En Marea, que coordinou estes debates por todo o país, explica que na oposición de En Marea á legalización dos ventres de alugueiro está a vontade “de defender os dereitos das mulleres e opoñerse a calquera práctica que os poida vulnerar".

"Se abrimos un mercado sobre este proceso estaremos favorecendo que as mulleres pobres entren nel, alugando os seus corpos a persoas con máis recursos"

En Marea destaca que "regularizar este proceso é regularizar a desigualdade" e alerta de que "se abrimos un mercado sobre este proceso estaremos favorecendo que as mulleres pobres entren nel, alugando os seus corpos a persoas con máis recursos". "Asistimos a unha nova volta de porca na mercantilización dos corpos das mulleres, de novo, baixo os parámetros da súa función reprodutiva. Non é ningunha novidade, o mercado atopa novos nichos onde sacar rendementos económicos acotío, leva moito tempo, dando pasos progresivos no intento de mercantilizar todos os espazos das nosas vidas, e tamén os nosos corpos, converténdoos en obxectos de compra-venda", din. 

A formación considera que "a invocación da liberdade individual, nun contexto como este, non deixa de ser unha falacia" pois "un suposto dereito mercantilizado, ao que se lle pon prezo, convértese nun privilexio, non é un dereito". E afirma que no debate que se está tentando impulsar sobre este tema "cómpre discernir os intereses agochados", pois "son moitas as axencias intermediarias privadas que poderían beneficiarse de levarse a cabo unha regulación". En moitos casos "está transcendendo un relato incompleto e nesgado", di, sinalando que "fronte as imaxes idílicas que se trasladan dende a maioría dos medios de comunicación, onde se pon o foco nas futuras familias felices, debemos visibilizar os intereses económicos que están detrás e a situación das mulleres".

"A invocación da liberdade individual, nun contexto como este, non deixa de ser unha falacia"

Ademais, reclama a utilización do concepto de ventres de alugueiro e non de xestación subrogada pois este último termo, empregado de forma interesada, agocha a “mercantilización” da reprodución e "o emprego do corpo da muller como se fose un obxecto máis do mercado". "O proceso de xestación non pode ser comparado cunha técnica de reprodución asistida, estamos ante un proceso complexo, que trae consigo modificacións físicas e psicolóxicas, ao igual que todas as xestacións", conclúe.

 

Imaxe do debate que fixou a posición de EnMarea, hai uns días en Compostela © EnMarea
O debate organizado en Compostela pechou un proceso de deliberación sobre a cuestión © EnMarea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.