A Rede Galega en apoio ás persoas refuxiadas denuncia a "hipocrisía" do PP no Parlamento

A bancada do Goberno galego, totalmente baleira durante o debate da iniciativa © Rede Galega en apoio ás persoas refuxiadas

O pasado 7 de xuño o Partido Popular impediu a aprobación no pleno do Parlamento galego dunha iniciativa para demandarlle ao Goberno central que axilizase o proceso de traslado de persoas refuxiadas a España para cumprir no prazo establecido os compromisos acordados coa Unión Europea en materia de acollemento. En setembro de 2015 España comprometeuse a recibir 17.337 persoas en dous anos, pero a menos de tres meses para que expire este tempo, só chegaron 1.141. A posición do PP na votación que tivo lugar pola tarde non sorprende demasiado, pero si despois de que pola mañá a deputada Raquel Arias manifestara ante os medios de comunicación a disposición do seu grupo a apoiar a proposición, afirmando que "a preocupación pola situación na que se atopan os refuxiados, un dos maiores problemas que ten Europa, é un sentimento compartido por todos”.

Este mércores, a Rede Galega en apoio das persoas refuxiadas, plataforma que agrupa unhas 70 entidades, convoca unha concentración diante do Parlamento para facer público un Manifiesto en protesta "coa terrible doble cara que mostrou o Goberno Galego no último Pleno celebrado". A Rede Galega critica non só o voto contrario do PP e o seu cambio de posición con respecto ás declaracións realizadas pola mañá, senón tamén que "xusto cando se anunciaba que se iba a tratar este tema" o presidente da Xunta e outros representantes do Goberno abandonaron os seus asentos, "deixando a súa bancada baleira". O PP subliña que modificou o seu voto despois de que En Marea non accedese a votar o texto orixinal da súa proposta, sen unha emenda incorporada polo PSdeG.

Para a Rede, "o feito de que votasen en contra demostrou a verdadeira intención deste Goberno, cunha evidente estratexia de boas palabras nos medios públicos, mentres mantén durante dous anos accións exemplares e contundentes contra os dereitos humanos de milleiros de persoas que soamente piden auxilio".

Pola súa banda, Raquel Arias xustificou o incumprimento do Goberno central do seu compromiso ante os restantes países europeos en que “este é un problema que afecta ó conxunto dos países da eurozona e que non se debe a unha falta de vontade ou compromiso, senón a impedimentos obxectivos derivados da necesidade de asegurar que o proceso sexa garantista”. Máis da metade dos 17.337 refuxiados e refuxiadas que España se comprometeu a acoller, correspondían a persoas que chegaran xa a Italia ou Grecia (9.323). Estas relocalizacións buscaban aliviar o esforzo que estes dous países estaban realizando. Porén, o Estado español nin sequera está a cumprir coas súas obrigas de colaboración con outros países da UE, aceptando a menos do 10% do cupo asignado (886 persoas, o 9.6%). Aínda que é certo que ningún Estado membro completou esta tarefa, hai algúns como Finlandia (79%), Irlanda (77%) ou Letonia (66%) que si están próximos a facelo. Mesmo Portugal (47%), Holanda (32%), Francia (18%) ou Alemaña (21%) presentan cifras moi superiores ao raquítico dez por cento español.

Imaxe da concentración deste mércores © Rede Galega en apoio ás persoas refuxiadas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.