Galicia tivo en 2016 a peor diferenza de nacementos e mortes da historia

Evolución anual do número de nacementos e defuncións en Galicia Dominio Público Praza Pública

Galicia foi en 2016 a comunidade autónoma cunha maior diferenza negativa entre nacementos (19.049) e defuncións (31.732), o que a converteu no territorio do Estado español cun peor saldo vexetativo (-12.683), que se converte ademais no peor da historia. En 2015 a fenda entre nacementos e mortes acadara xa un máximo (-12.269). 1987 foi o derradeiro ano no que en Galicia naceron máis persoas das que faleceron.

No 2016 descendeu o número de nacementos en Galicia (dos 19.427 de 2015 aos 19.049), a pesar das medidas postas en marcha polo Goberno galego, coma o moi publicitado cheque-bebé, que tivo un custe de 9,5 millóns de euros. Os nacementos levan descendendo de forma constante dende o ano 2008 (23.175), último ano do empurrón á natalidade que supuxeron os anos fértiles da xeración do baby-boom. A crise económica dos anos seguintes e a redución na chegada de inmigrantes levaron ao descenso ao que asistimos dende entón.

No 2016, segundo as cifras publicadas este xoves polo INE, o conxunto de España rexistrou un lixeiro saldo vexetativo negativo (-259). Porén, en sete comunidades autónomas segue habendo máis nacementos que defuncións, sobre todo en Madrid e na maior parte dos territorios mediterráneos. Pola contra, o norte do Estado, comezando por Galicia e seguindo por Castela-León, Asturias, País Vasco e Aragón, presenta os peores datos 

Galicia é a terceira comunidade cunha taxa de natalidade máis baixa, con 7,02 nacementos por cada mil habitantes, superando unicamente a Castelá-León e Asturias e a case dous puntos da media española (8,75). A taxa de natalidade galega leva dende 2008 descendendo de forma constante; naquel ano acadaba un valor de 8.4. Por provincias Pontevedra (7,25) e A Coruña (7,43) presentan datos algo mellores, pero moi por debaixo da media española. En cambio, Lugo (6,28) e sobre todo Ourense (5,67) están entre os lugares con menos nacementos por habitante, por diante unicamente de Asturias e de Zamora, que pecha a lista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.