EpdLab: un proxecto para formar en valores e na lectura crítica dos medios

Imaxe dun dos obradoiros © Agareso

Cinco centros de ensino galegos (IES A Cachada de Boiro, IES A Sagriña de A Guarda, IES Milladoiro de Ames, IES Carlos Casares de Viana do Bolo e IES Pintor Colmeiro de Silleda) desenvolveron nos últimos meses un proxecto de educación en valores -baixo o nome de Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento (EpdLab)- impulsado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e no que tamén participou unha radio comunitaria de El Salvador, Itzcanal.

Este foi o segundo curso que se leva a cabo o EpdLab, que fai fincapé na formación no uso das TIC como medio de comunicación para a sensibilización social e a formación en valores. "Cremos na aprendizaxe activa e cremos que esta aprendizaxe debe acompañar outros procesos de educación formal, contribuíndo así a unha formación multidisciplinar e integradora", destacan dende Agareso.

Os distintos obradoiros céntranse tamén en potenciar unha "comunicación responsable, inclusiva e que acompañe os procesos de transformación social" así coma na análise crítica das mensaxes que se difunden nos medios de comunicación e nas redes sociais. "Nun contexto no que a tecnoloxía revolucionou os procesos comunicativos, a competencia mediática é un aspecto imprescindible para a construción dunha cidadanía activa e responsable", din.

O proxecto traballa na produción de contidos transmedia e novas narrativas ao redor de temáticas sociais, facilitando que tanto alumnado como profesorado fagan un uso activo das TIC, dando a coñecer a súa realidade e establecendo redes de aprendizaxe mutua entre eles. Así, os alumnos e alumnas dos cinco centros crearon memes, videos curtos, realizaron dobraxe de películas e realizaron contidos de deseño gráfico para retratar a súa visión das desigualdades sociais, o desenvolvemento sostible, o comercio xusto e a equidade de xénero. Todas estas pezas están dispoñibles na web do proxecto para quen queira consultalas. Agareso destaca que o éxito da iniciativa é resultado "do alto compromiso do profesorado con este proxecto, que precisa de moitas horas para poder levarse a cabo". "A colaboración dos formadores na súa execución foi fundamental para poder mostrar agora todos estes resultados", din

Dentro desta iniciativa tamén se levou a cabo un interesante intercambio de videocartas os voluntarios da Radio Comunitaria Itzcanal, en El Salvador, e o alumnado galego. A través dos vídeos os alumnos e alumnas dun e doutro lado do océano puideron coñecer de primeira man moitos aspectos da realidade social de países moi distintos entre si. O proxecto contempla tamén a realización de outros dous obradoiros de sensibilización en torno a cooperación internacional e o contexto de El Salvador.

"Nun contexto no que a tecnoloxía revolucionou os procesos comunicativos, a competencia mediática é un aspecto imprescindible para a construción dunha cidadanía activa e responsable"

Dende Agareso comentan que "antes de empezar a ver estes vídeos propuxémoslles un xogo. Consistía en contestar, ou ben debuxar, como imaxinaban eles que era El Salvador: a súa paisaxe, alimentación, vivendas... É curioso ver o gran descoñecemento que existe, comezando pola súa localización que algúns situaron en África, Asia… Tamén interesante ver como varios deles, á hora de falar das súas casa dixeron que “vivían en palacios” en “mansións xigantes con piscinas enormes”. Supoñemos que o imaxinario dos medios de comunicación xogan aquí un papel moi relevante á hora de construír imaxes doutras partes do mundo e máis de América". Despois os alumnos e alumnas puideron ver os vídeos gravados polos rapaces e rapazas salvadoreñas da súa mesma idade. "Escoitaron como comparten os mesmos intereses, o mesmo ocio, o día a día, mesmo as festas patronais de Santiago Aposto. Porque a conclusión deste obradoiro foi que é moito máis o que nos une que o que nos separa. E estamos convencidos que esta sesión servíu para achegar un pouco máis o Norte ao Sur ou o Sur a Norte, todo depende de onde situemos e nosa mirada", resumen dende Agareso.

Un dos memes creados polos alumnos e alumnas participantes no proxecto © Agareso
Imaxe do derradeiro obradoiro do curso, que tivo lugar no IES A Sangriña © Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.