O 22 de xuño de 2002, hai agora 15 anos, o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) realizou a primeira das súas exitosas andainas guiadas por expertos. Chamaron Xeiras á iniciativa que comezou aquel día cun percorrido pola arquitectura de Antonio Palacios na comarca. 15 anos despois, para este verán programan outras 13 saídas, entre o 6 de xullo e o 16 de setembro.
As andainas guiadas do Instituto de Estudos Miñoráns pola arqueoloxía, a etnografía ou a natureza da comarca son un éxito entre autóctonos e turistas. Este ano programan 13 saídas entre o 6 de xullo e o 16 de setembro.
Carlos Méixome foi ata hai dous anos director do IEM desde a súa creación en 1999 co obxectivo de “divulgar a cultura” da comarca a través dunha entidade “emanada da sociedade miñorana”. As xeiras teñen a súa orixe previa nas excursións que el mesmo, profesor de instituto, facía cos seus alumnos por recunchos do Val Miñor para explicarlles in situ a historia e a evolución deses lugares. Méixome lembra “un percorrido que faciamos por Mañufe (Gondomar) e que repetiamos todos os anos cos rapaces, visitando a ponte medieval, o Pazo da Escola daquela aínda abandonado, a igrexa e rematando no couto Acevedo”. Cando en 1999 se crea o IEM, só era cuestión de tempo que aquelas excursións para estudantes se fixesen adultas. E iso pasou tres anos despois, no verán de 2002, cando as visitas escolares se transformaron en andainas culturais guiadas con cuxo nome o IEM quixo homenaxear ás xeiras que tamén realizaba o Seminario de Estudos Galegos por todo o país, aínda que aquelas fosen de tipo científico e durasen varios días.
"Ao comezo ían poucas persoas, pero nunha visita ao Pazo do Conde de Gondomar, apareceron trescentas e non soubemos moi ben que facer", lembra Carlos Méixome
“Ao comezo, en 2002, ás Xeiras ían unhas poucas persoas, non pasaban de 30 ou 40, pero lembro ben o momento en que se desbordaron”, di Méixome: “Foi nunha visita ao Pazo do Conde de Gondomar, cando apareceron trescentas persoas e non soubemos moi ben que facer”. Logo, con apoios irregulares das administracións da comarca ou sen eles, o boca a orella encargouse de converter en estrela da divulgación amena ao arqueólogo baionés Xosé Lois Vilar e as súas visitas nocturnas a áreas de petroglifos. E o galego en que el e os outros guías realizan as explicacións non supón un problema para a maioría dos numerosos turistas de fóra de Galicia que atraen as xeiras.
Este ano, coa colaboración dos concellos de Gondomar, Nigrán, Baiona, Oia e Tomiño, ao que tamén se estenderon co tempo as xeiras, o IEM programou 13 saídas, catro delas nocturnas, coas que coñecer os petroglifos, pazos ou montes do Val Miñor en andainas dunhas tres horas de duración.