"Non teñen a menor idea do que é o ensino, para eles é un gasto máis"

Mobilización nas Pontes contra o peche do CPI Monte Caxado Dominio Público @XuntosPAP

"Mantéñense o 100% das aulas", "todo estase baseando nunha gran mentira", "os alumnos terán máis servizos e máis oportunidades formativas". O conselleiro de Educación, Román Rodríguez saíu este martes ao paso da onda de críticas que dende o pasado venres está recibindo o seu departamento polo peche de dous centros educativos -o CEIP Emilio Navasqüés en Cruceiro de Ro en Outes e o CPI Monte Caxado de As Pontes-, a eliminación da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e no CPI de Ribeira de Porriño e a supresión varias praza docentes, nomeadamente no IES de Celanova, que perde dez postos. En declaracións aos medios, Román Rodríguez respondeu negando a maior e destacando os beneficios desta "reordenación".

As súas palabras foron hoxe rebatidas por representantes das dúas plataformas galegas en defensa do ensino público. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrarase este xoves 29 de xuño ás 11 horas diante da Consellaría de Educación, en Compostela.

En conversa con Praza, José Fuentes (CCOO - Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia) afirma que “a gran mentira é a que protagoniza o conselleiro, que mente de forma moi descarada. Si vai haber redución de unidades. E o máis grave é que están abordando esta redución exclusivamente na escola pública, non no conxunto da rede de centros". "Hai peches de centros, pero ademais van desaparecer unidades, porque cando ti trasladas unidades dun centro para outro e xuntas os rapaces de dous centros, esas dúas aulas poden seguir sendo dúas ou poden converterse nunha soa", explica. Fuentes alerta ademais de que o peche de colexios "vai continuar". "Onte xa sospeitabamos que isto é o inicio dun proceso que vai continuar. Agora xa nolo confirmou a través da prensa, anunciando que van abordar o traslado de rapaces de CPIs a institutos", comenta. 

"Si vai haber redución de unidades. E o máis grave é que están abordando esta redución exclusivamente na escola pública, non no conxunto da rede de centros"

Fuentes critica non só o fondo das medidas anunciadas, senón tamén as formas do anuncio e a ausencia de diálogo coa comunidade educativa: "Iso tivo unha intención moi clara: non dar antes esta noticia para evitar o conflito no medio da terceira avaliación, querendo evitar un movemento de protesta".

CCOO solicitou hai dous días formalmente manter unha xuntanza con Román Rodríguez. "Cremos que é importante ter un debate sobre a rede de centros, porque é certo que está habendo unha diminución de poboación, que xa sufrimos en Primaria e que agora está chegando a Secundaria. E é certo que isto pode provocar cambios na rede, pero fagámolos de forma racional e negociada, falando con todos os interlocutores sociais: familias e profesorado. E para iso temos distintos órganos: a Mesa Sectorial ou o Consello Escolar de Galicia", reclama. "Igual nesa negociación chegamos á conclusión de que é positivo trasladar os rapaces nalgún sitio. Pero fagámolo de forma acordada, con tempo e cos datos enriba da mesa. Isto non se pode facer o último día de clase", engade.

"Se ti agora tes unha aula con 23 ou 24 rapaces e os vas meter nun instituto con clases de 30 alumnos máis repetidores, as súas condicións non melloran"

CCOO admite, pois, que en certos casos o traslado pode ser necesario ou pode mellorar as condicións en que os rapaces e rapazas reciben o ensino: "Se temos un CPI no que a matrícula baixou alarmantemente, con 9-10 alumnos por aula, pois se cadra esta si pode ser unha solución, se o instituto está próximo. Pero temos que falar cos datos diante e isto hai que miralo centro por centro", di Fuentes. "Se ti agora tes unha aula con 23 ou 24 rapaces e os vas meter nun instituto con clases de 30 alumnos máis repetidores, as súas condicións non melloran, como nos casos anunciados a pasada semana", engade. "E isto, por exemplo, non é válido para as zonas de montaña de Lugo e Ourense, porque alí sobre todo no inverno unha distancia pequena pode ser enorme. Non en todos os sitios se poden pechar os CPI, nalgún lugares son imprescindibles", subliña.

 

"Un proxecto educativo esnaquizado"

"Un centro de ensino é algo máis que unhas instalacións, implica un proxecto educativo, toda unha comunidade que se esnaquiza con este tipo de medidas"

Pola súa banda, Fernando Lacaci (Confederación de Anpas Galegas - Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público) salienta que "un centro de ensino é algo máis que unhas instalacións, a educación é moito máis que unha aula, catro paredes, 25 cadeiras e mesas, implica un proxecto educativo: baséase no seu alumnado, no cadro de persoal de profesorado, nas familias..., toda unha comunidade que se esnaquiza con este tipo de medidas". "Temos un conselleiro que vén dicir que tanto ten que isto pase, que dá igual", denuncia. Para Lacaci, "a Consellería entende a educación pública como un conxunto de academias. A un colexio os nenos non só van aprender a sumar, van a vivir, durante moitos anos". "O conselleiro debería comezar por aprender con que está traballando e a partir de aí facer propostas organizativas cun ano de antelación, como mínimo, para que nese tempo se poida traballar e valorar se é conveniente", engade

"Nós percibimos isto como un capricho e unha manobra para que cada vez haxa máis alumnos na concertada e menos na pública", sinala. "Non teñen a menor idea do que representa o ensino nin a queren ter. Para eles o ensino é simplemente un gasto público máis, que teñen que afrontar, o mesmo que o mantemento do sistema de calefacción de San Caetano. Só pensan na perspectiva de como reducir un gasto, como optimizalo. Cando do que estamos a falar é da formación das futuras xeracións, da formación da cidadanía que vai dirixir este país dentro de non moitos anos, e cando hai moitísimo diñeiro que se está dilapidando doutro xeito", di.

"Non teñen a menor idea do que representa o ensino nin a queren ter. Para eles o ensino é simplemente un gasto público máis, que teñen que afrontar, o mesmo que o mantemento do sistema de calefacción de San Caetano"

"É inadmisible que mentres o discurso oficial do Goberno Feijoo está permanentemente gabándose dunha recuperación económica que eles din que existe, ao mesmo tempo continúen xustificando accións de abandono dos servizos públicos, de recorte de posibilidades de futuro para o noso rural", salienta.

Lacaci fai un chamamento á comunidade educativa a participar na concentración convocada para este xoves en Compostela. "Vai haber unha gran presenza de xente. Sobre todo dos centros afectados, pero tamén doutras persoas que nos solidarizamos", di. "Hai que ver como reacciona a Consellería; se reacciona dando couces, que é o que adoita facer, teremos que responder e pensaremos o seguinte paso, que pasará por unha maior mobilización social e pola reacción que veña dos concellos que se van ver afectados por esta medida", anuncia.

"Esta Consellería non fala con ninguén dende que está este conselleiro, nin sequera informan"

Lacaci amósase, pois, pesimista con respecto á capacidade de escoita e á flexibilidade dos responsables do Goberno galego: "Esta Consellería non fala con ninguén dende que está este conselleiro, nin sequera informan. Non sabemos de onde lle veu esta forma de actuar, porque era un deputado razoablemente dialogante cando estaba no Parlamento". "Nós imos seguir na rúa, que é onde podemos estar. Pero imos seguir en serio", conclúe.

 

Aula dun colexio galego © Xunta
Mobilización nas Pontes contra o peche do CPI Monte Caxado Dominio Público @XuntosPAP
Concentración no CPI Monte Caxado das Pontes Dominio Público @En_Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.