Para a Comisión Europea, as medidas da Xunta "dificilmente erradicarán" a couza da pataca

Patacas afectadas pola couza CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Europea cre que as medidas adoptadas polo Goberno galego e polo Goberno central para loitar contra a expansión da couza guatemalteca da pataca (Tecia Solanivora) non conseguirán erradicar a praga e que, como moito, servirán para conter a súa propagación natural. Así o afirmou Vytenis Andriukaitis, actual comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria, en resposta a unha pregunta formulada pola eurodeputada de AGEe Lídia Senra.

O comisario recoñece que as medidas "abordan de maneira eficaz o risco dunha maior propagación co desprazamento de plantas hóspede" pero que "dificilmente lograrán erradicar a praga"

Na súa resposta a Comisión Europea comunica que "levou a cabo unha inspección en España a fin de avaliar a situación e a eficacia dos controis oficiais de loita contra a Tecia solanivora en Galicia e Asturias" e afirma que "os resultados da inspección poñen de manifesto que as medidas adoptadas dificilmente lograrán erradicar a praga". Porén, si recoñece que "servirán para conter efectivamente a súa propagación natural" e que "abordan de maneira eficaz o risco dunha maior propagación co desprazamento de plantas hóspede".

A resposta remata informando que "a Comisión segue vixiando de preto a situación, en particular, o éxito das medidas e a evolución da praga" e que "en función dos resultados, a Comisión, en consulta cos Estados membros, podería considerar a adopción de medidas de emerxencia da UE".

Lídia Senra considera que é “grave” a “incompetencia” que están a manifestar tanto o Goberno estatal como a Xunta á hora de abordar medidas para afrontar esta praga e pide que se actúe “con responsabilidade”. Senra reclama que as medidas do Goberno galego vaian máis alá de subvencións, “que haxa rigor na implementación das medidas e que se aborden as actuacións necesarias para permitir sementar para venda a pequena escala e para o autoconsumo nas zonas afectadas na próxima campaña”. A eurodeputada critica, así mesmo, que na comisión de seguimento da praga, que se constitúe este venres, “non estean convidados a participar e estar presentes os sindicatos agrarios, que son os que de primeira man deberían tamén amosar a súa opinión como principais afectados”.

"En función dos resultados, a Comisión, en consulta cos Estados membros, podería considerar a adopción de medidas de emerxencia da UE"

Senra afirma tamén que “a Comisión Europea debería poñer en marcha, desde xa, medidas para previr a aparición de novas pragas e enfermidades, poñendo límite á circulación masiva de produtos e facendo controis exhaustivos dos produtos de importación, vixiando para que se aplique a lexislación rigorosamente e priorizando os intereses das e dos labregos antes que o negocio do comercio”

 

A Comisión comparte as dúbidas dos expertos

Senra pide que a Xunta adopte as medidas necesarias para "permitir sementar para venda a pequena escala e para o autoconsumo nas zonas afectadas na próxima campaña”

As dúbidas expresadas pola Comisión Europea sobre a eficacia das medidas adoptadas polos gobernos galego, asturiano e central van na mesma liña que as que hai unhas semanas sinalaba en Praza o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez García, que alertaba de que o anuncio da conselleira de Medio Rural de que a praga xa estaba controlada na provincia da Coruña podía constituír "un espectáculo de triunfalismo esaxerado que raia no neglixente".

Pérez García explicaba que as medidas "implementadas tarde e executadas de xeito irregular, con patacas aínda medrando nas leiras, fannos desconfiar da bondade dos resultados obtidos" e subliñaba que "o trampeo con feromonas non é, en si, un método de loita contra pragas senón un medio complementario que permite coñecer a densidade de poboación dun insecto nunha zona e nun período determinado" O enxeñeiro amosaba a súa estrañeza por que "practicamente sen pór medios de loita, sen aplicar un só praguicida e arrincando as patacas a destempo, declárase controlada unha praga que nas Illas Canarias leva máis de quince anos ocasionando elevadas perdas e quebrando a cabeza a persoal técnico e investigador sen solución no horizonte".

Patacas afectadas pola couza CC-BY-SA Praza Pública
Expansión en Galicia da couza da pataca Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.