Os mozos e mozas galegas seguen marchando a outras comunidades. Durante o ano 2016, segundo a estatística do INE, unhas 14.000 persoas marcharon de Galicia a outros territorios do Estado, facendo o camiño inverso 12.450, un saldo negativo de 1.584. Cifras cativas en apariencia, pero que analizados os datos por idade amosan que son as xeracións máis novas as que marchan de Galicia, mentres que os e as maiores de 45 anos maioritariamente chegan ou regresan despois de residir noutros lugares de España.
Nos últimos tres anos Galicia viu marchar a outros territorios do Estado a case sete mil menores de 45 anos máis dos que chegaron ou regresaron
Así, tomando unicamente os e as menores de 45 anos, o saldo migratorio interautonómico en 2016 foi de -2.126, cifras semellantes ás dos anos anteriores. É dicir, nos últimos tres anos Galicia viu marchar a outros territorios do Estado a case sete mil menores de 45 anos máis dos que chegaron ou regresaron. Pola contra, entre os maiores de 45 anos, o saldo foi sempre positivo.
Diferente é a realidade das migracións ao estranxeiro. Neste caso o saldo para Galicia é positivo en 4.772 persoas (chegan máis inmigrantes dos emigrantes que marchan), mellorando moito o dato do ano 2015 (+41). Ao longo da crise en 2012 (-931), sobre todo en 2013 (-3.886) e en 2014 (-319) si houbo máis emigrantes que inmigrantes. Neste caso a idade non marca grandes diferenzas no saldo migratorio: aos e ás menores de 45 anos correspóndelle a parte máis importante dos fluxos, pero tamén con máis entradas que saídas en 2016.
É a primeira vez dende 2011 que Galicia recibe máis inmigración nova (menores de 45 anos) dende o estranxeiro que emigrantes destas xeracións envía a outros países
É a primeira vez dende 2011 que Galicia recibe máis inmigración nova (menores de 45 anos) dende o estranxeiro que emigrantes destas xeracións envía a outros países. Entre 2012 e 2015 asentáronse fóra de España uns 30 mil mozos e mozas, mentres que algo máis de 25 mil persoas de menos de 45 anos comezaron a vivir no noso país procedentes de fóra do Estado.
En canto aos destinos dos galegos e galegas que marchan vivir a outras comunidades autónomas do Estado español, Madrid segue sendo o principal, acollendo 1 de cada 5 emigrantes en 2016. A certa distancia aparecen Cataluña, Canarias, Andalucía e Castela-León.