0 Gardados para despois

Na 'capea' de Valga: "Non son machista, non son maltratador, tan só teño sentido do humor"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Valga celebrou finalmente este domingo a súa capea taurina. De nada serviron as críticas recibidas nos últimos meses procedentes de grupos animalistas e de abolición do maltrato animal -como Libera ou Galicia mellor sen touradas- e de formacións políticas como En Marea. Ou as máis de 26 mil sinaturas recollidas en change.org.

O Concello de Valga seguiu adiante coa celebración, respondendo ás críticas coa exposición de tres carteis, portados no inicio do espectáculo por tres mulleres

As críticas dirixíanse non só ao sufrimento que as vaquillas padecen nos chamados "espectáculos taurinos menores" senón á moi negativa imaxe de Valga que este evento xera en toda Galicia e, ademais, ao carácter machista dalgunhas mensaxes empregadas na súa promoción, ao recoller os carteis a participación de "Pepiño, que o ano pasado foi máis ben Pepiña", empregando a feminización do nome como sinónimo de covardía. Este feito mereceu mesmo a reprobación da propia Xunta de Galicia, que a través da Secretaría Xeral de Igualdade sinalou que "efectivamente, estase difundindo unha mensaxe con estereotipos sexistas, por canto se asocia o masculino con valentía ou habilidade para enfrontarse ao reto e, en cambio, asóciase a mala actuación do lidador na anterior edición con afeminamento".

Malia a todo, o Concello de Valga seguiu adiante coa celebración, enmarcada na denominada Festa da Xuventude, e fíxoo respondendo ás críticas coa exposición de tres carteis, portados no inicio do espectáculo por tres mulleres, nos que se podía ler "Non son machista, non son maltratador, non só político, tan só teño sentido do humor" e "Só queremos que rías, non saír na prensa todos os días"; terceiro recollía un fragmento do himno galego cos versos "Os bos e xenerosos a nosa voz entenden e con arroubo atenden o noso rouco son, mais só os ignorantes e férridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non".

O ambiente foi semellante ao doutros anos, rozando o esperpento coa exhibicións de baile flamenco, a exhibición das cores da bandeira española portada por tres xinetes a cabalo e a aparición dos toureiros desfilando con traxe de luces e saias femininas

O Goberno local destacou que "a Festa da Xuventude, coa solta de vaquiñas como principal atractivo, mantén intacto o seu poder de convocatoria", sinalando que "os espectadores ateigaron na tarde de onte a praza móbil instalada na área lúdica de Vilarello para aplaudir as actuacións dos toureiros locais e dos recortadores da gandería Toros de Brazuelas de Valladolid", empresa que forneceu os animais, Palmeña e Zapateadora "ante as que foron pasando, paulatinamente, as habituais figuras da festa: Pepiño de Barcia, Pardaliño ou O Messi do Toureo, entre outros".

Polo demais, o ambiente foi semellante ao doutros anos, rozando o esperpento coa exhibicións de baile flamenco, a exhibición das cores da bandeira española portada por tres xinetes a cabalo e a aparición dos toureiros desfilando con traxe de luces e saias femininas. Unha posta en escena que fixo lembrar as mellores representacións ridiculistas de Tan Gallego como el Gazpacho, a Mesa contra el libertinaje lingüístico e Sei o que nos figestes... nos últimos 525 anos. 

O pleno municipal do Concello de Moraña decidirá este xoves o pagamento dunha subvención de máis de 1.400 euros para a organización dunha nova capea o vindeiro 23 de xullo

Finalmente, Palmeña e Zapateadora, as dúas cuxas de menos de dous anos foron "forzadas a un transporte en duras condicións, tendo en conta a calor do verán" e na praza portátil de Valga foron "atormentadas, ridiculizadas e forzadas nun acto alleo ao seu comportamento natural", denuncia Galicia mellor sen touradas. O pleno municipal do Concello de Moraña decidirá este xoves o pagamento dunha subvención de máis de 1.400 euros para a organización dunha nova capea o vindeiro 23 de xullo, unha axuda que ademais reduce a asignación que reciben outras actividades e entidades culturais naquela localidade.

Os particpantes no espectáculo apareceron vestidos de toureiros e con saia feminina

A organización da capea respondeu con estes carteis ás críticas recibidas

Capea taurina de Valga (2-7-2017)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.