Os puntos negros da contaminación do aire en Galicia

Refinería de Repsol, na Coruña © Un claro no bosque

Xosé Veiras debulla no blog Un claro no bosque os datos recollidos no informe La calidad del aire en el Estado español 2016 de Ecoloxistas en Acción, que sinala como negativa da situación das cidades da Coruña ou Vigo ou a polución xerada polas centrais térmicas das Pontes e Meirama, Cementos Cosmos ou Alcoa

Un ano máis, Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe sobre a calidade do aire no Estado español, con información desagregada por comunidades autónomas. A diferenza doutros informes baseados en datos de emisións, éste elabórase a partir dos valores de inmisión medidos en estacións oficiais, entre elas 51 situadas no noso país. Polo tanto, avalía en que medida, a través do aire que respiramos, estamos expostas a certos contaminantes, despois da súa dispersión pola atmosfera desde as fontes emisoras (centrais térmicas, industrias, coches,…).

Un dos eidos ambientais nos que o autoengano colectivo actúa con máis forza en Galicia é o da calidade do aire. A iso axuda unha lexislación europea pouco esixente, segundo a cal respiramos aire limpo, ao non se superaren os límites máximos legais estabelecidos para as concentracións no aire dos principais contaminantes. Mais se tomamos como referencia non só os valores legais senón tamén os recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), máis estritos (aínda que tampouco exentos de prexuízos) e acordes co coñecemento científico verbo dos efectos sobre a saúde humana da contaminación do aire, a nosa terra deixa de ser ese “paraíso natural” de aire puro. Con moitos máis puntos negros dos que se adoita crer.

De acordo cos datos recollidos no informe La calidad del aire en el Estado español 2016 de Ecoloxistas en Acción, procedentes das estacións de medición da contaminación do aire xestionadas por Xunta, Goberno estatal, Concellos e grandes industrias, éstes foron os puntos negros da polución do aire en Galicia durante 2016, desde o punto de vista da saúde humana. Un mapa moi parecido ao de anos anteriores.

A Coruña presenta os peores datos de toda Galicia en polución polas partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras

A Coruña. É a área metropolitana do país cunha rede máis ampla de medición da calidade do aire, e tamén a peor para respirar, considerando as superacións no conxunto da cidade dos niveis máximos aceptábeis segundo a OMS. Un diagnóstico que non debería sorprender se temos en conta as múltiples e importantes fontes de contaminación presentes na área: o intenso tráfico rodado, a refinaría de petróleo de Repsol, a fábrica de aluminio de Alcoa, o porto,… e até as salpicaduras do mar, unha fonte natural que dispara os niveis de partículas inferiores a 10 micras (PM10) na zona da Torre de Hércules. Aínda máis preocupante para a saúde humana é a polución polas partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras (PM2,5), a máis alta de Galicia se nos fixamos na valor da concentración media anual. Ademais, A Coruña é, de lonxe, a cidade galega con maiores problemas de contaminación por dióxido de xofre (SO2), estando as zonas da Grela e da Pastoriza (xa no veciño concello de Arteixo) entre as máis afectadas por este contaminante no noso país. No caso do dióxido de nitróxeno (NO2), moi ligado ao tráfico rodado, sobre todo de vehículos diesel, non se supera o limiar máximo proposto pola OMS (neste caso coincidente co legal) mais foi na estación de medición de Riazor onde se rexistrou a maior contaminación por NO2, seguida pola ubicada no barrio de Coia, en Vigo1.

No ranking urbano da contaminación do aire, Vigo ficou o ano pasado en segundo lugar

Vigo. No ranking urbano da contaminación do aire, a cidade olívica ficou o ano pasado en segundo lugar. A concentración media anual de PM2,5 ascendeu a 12 micras por metro cúbico de aire, un punto por debaixo do valor medio das estacións da Coruña e dous por riba do valor máximo aceptábel proposto pola OMS2. Porén, en Vigo superouse durante máis días que na Coruña o limiar para a concentración media diaria deste contaminante, atinxíndose a maior superación do país na chamada estación Este, situada no recinto da fábrica de PSA Peugeot Citroën, a uns 200 metros da avenida Alcalde Portanet (só igualada pola rexistrada na estación da Alameda de Ourense, onde tamén se superou en 38 días a concentración media diaria de 25 microgramos por metro cúbico, que a OMS recomenda superar non máis de 3 días ao ano).

Ourense. Curiosamente, as superacións en 2016 dos limiares recomendados pola OMS para PM2,5 na terceira cidade máis poboada de Galicia coinciden practicamente cos de Vigo. E que en Ourense tamén se respirou aire sucio por partículas finas. E a situación no que se refire ao ozono troposférico (O3), un contaminante que se forma a partir doutros, sobre todo durante os días máis quentes e solleiros da primavera e o verán, tampouco foi boa, rozándose o nivel máximo para este contaminante considerado admisíbel pola OMS.

Santiago foi a única cidade onde se superou o limiar da OMS para a contaminación por ozono durante 2016, un ano cun verán moi caloroso que favoreceu a súa formación

Santiago. A capital de Galicia foi a única cidade do noso país onde se superou o limiar da OMS para a contaminación por ozono durante 2016, un ano cun verán moi caloroso que favoreceu a súa formación. Máis habitual en Compostela é a contaminación por partículas PM2,5, que en 2016 volveu ser superior á considerada aceptábel pola OMS, nomeadamente na estación situada en San Caetano, máis exposta ao tráfico que a outra da cidade,  localizada no Campus despois do seu traslado hai uns anos desde a Praza de Vigo.

En Pontevedra, o informe non abrangue contaminantes emitidos pola celulosa de ENCE responsábeis dos insoportábeis cheiros sufridos na súa contorna

Pontevedra. Da análise do informe de Ecoloxistas en Acción poderiamos concluír que a calidade do aire nesta cidade é menos mala do que se cre, mais sería unha conclusión errónea, xa que o informe non abrangue contaminantes emitidos pola celulosa de ENCE responsábeis dos insoportábeis cheiros sufridos na súa contorna. Pola contra, e no que atinxe ás partículas PM2,5 ou ao NO2, a situación é peor da que talvez se agardaría nunha “cidade sen coches”. Mais, a pesar da importante limitación do uso do automóvil no centro, no conxunto da cidade o tráfico segue a ser excesivo e así temos unha contaminación por partículas PM2,5 semellante á do conxunto de Santiago (superándose o limiar para a concentración media diaria estabelecido pola OMS).

Arteixo. Entre os concellos de menor poboación, Arteixo, non incluído na área metropolitana da Coruña a efectos de avaliación da calidade do aire, é o que ten o aire máis irrespirábel. Está contaminado por partículas en suspensión e por SO2. A causa principal son as emisións da súa zona industrial, onde se asentan empresas como Ferroatlántica ou Repsol.

Rural do sur de Galicia. Nesta zona, que inclúe a maior parte das provincias de Ourense e Pontevedra e a península do Barbanza, superáronse os niveis máximos de contaminación por ozono recomendados pola OMS. Nalgunhas estacións desta área mesmo se superaron durante 2016 os limiares legais de información á poboación durante os episodios de alta contaminación do 18 de xullo e mediados de agosto, concretamente nas situadas nos municipios de Noia, a Illa de Arousa e Ponteareas. Das 20 superacións rexistradas na estación de Noia, situada no alto da serra do Barbanza, non informou o Ministerio de Medio Ambiente, titular da estación, incumprindo así reiteradamente unha obriga legal.

A central térmica da Pontes, a máis potente de España, emite importantes cantidades de contaminantes tóxicos, como óxidos de nitróxeno, precursores do ozono troposférico

Contorna da central térmica de carbón de ENDESA nas Pontes. Esta gran central eléctrica salienta sobre todo polas súas elevadísimas emisións de dióxido de carbono, gas moi prexudicial por ser causante de cambio climático, pero que non é tóxico, polo que non se inclúe entre os contaminantes que afectan directamente a nosa saúde ou a da vexetación. Mais esta central térmica, a máis potente de España, por suposto tamén emite importantes cantidades de contaminantes tóxicos, como óxidos de nitróxeno, precursores do ozono troposférico. Non semella causal pois que en estacións de medición situadas na súa contorna, nos concellos das Pontes, Ferrol, Muras e Vilalba, se detectase durante 2016 contaminación por ozono superior á máxima recomendada pola OMS.

Alcoa San Cibrao. A fábrica de alúmina e aluminio da multinacional norteamericana na Mariña lucense é responsábel indirecta da contaminación orixinada na central de carbón das Pontes, que a abastece de electricidade, mais tamén é unha importante causa directa de polución. E en particular da contaminación do aire por SO2 que afecta Xove.

Cementos Cosmos (Oural). A zona máis próxima á fábrica que esta empresa, pertencente hoxe á brasileira Votorantim Cimentos, ten en Oural (Sarria) sofre unha elevada contaminación por SO2.

MEGASA (Narón). O aire da contorna da empresa siderúrxica MEGASA, en Xubia, está contaminado, cando menos, por partículas PM2,5.

Por efecto da central de Meirama, os valores de contaminación por partículas finas medidos en San Vicente de Vigo (Carral) son similares aos de estacións situadas no centro das maiores cidades

San Vicente de Vigo (Carral). Chama a atención a alta contaminación por partículas PM2,5 nesta parroquia rural que conta cunha estación pertencente á rede da central térmica de carbón de Meirama. Os valores de contaminación por partículas finas medidos nela son similares aos de estacións situadas no centro das maiores cidades. Como se informa na web da Xunta sobre a calidade do aire, a estación “atópase nunha zona rural, a medio camiño entre o cinto industrial da Coruña e o complexo industrial de Meirama”. O tal complexo industrial é a devandita central de carbón, propiedade de Gas Natural Fenosa, a menos que se queira incluír tamén nel as instalacións de SOGAMA, sen citalas.

Este mapa negro da contaminación do aire seguramente se vería ampliado de exisitiren máis estacións de medición da calidade do aire e de dispormos de máis información para certos contaminantes

Este mapa negro da contaminación do aire seguramente se vería ampliado de exisitiren máis estacións de medición da calidade do aire  e de dispormos de máis información para certos contaminantes. Neste senso, Ecoloxistas en Acción sinala que “para a elaboración deste informe non dispuxo de información sobre os niveis de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) e metais pesados (arsénico, cadmio, níquel e chumbo), cuxa avaliación é obrigada, mais que non foron facilitados pola Xunta de Galicia”.

(1) A concentración media anual para este contaminante medida en Riazor durante 2016 foi semellante á do Parque do Retiro, no centro de Madrid.

(2) Os valores de A Coruña, Vigo e outras cidades galegas para a concentración media anual deste contaminante, un dos máis preocupantes para a saúde pública, foron semellantes en 2016 aos obtidos en cidades que identificamos como contaminadas, caso de Madrid (10 microgramos por metro cúbico de aire) ou Barcelona (15). A diferenza maior das nosas con estas e outras cidades máis poluídas está nos valores para o outro dos principais contaminantes urbanos, o dióxido de nitróxeno (NO2), que acada concentracións máis altas en cidades como Barcelona ou Madrid, con algunas estacións nas que mesmo se supera o valor límite legal.

Refinería de Repsol, na Coruña © Un claro no bosque
Atasco de tráfico en Vigo CC-BY-SA Contando estrelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.