0 Gardados para despois

VÍDEO | Sorrisos transformadores: un chamado creativo polos dereitos das persoas transexuais

Redacción | @prazapublica

Este martes o Parlamento de Galicia debate e vota a proposición de lei de identidade de xénero, promovida por colectivos LGTBI e asumida polos tres grupos da oposición: En Marea, PSdeG e BNG. Ante o previsible voto en contra do PPdeG as organizacións que traballan coas persoas transexuais veñen chamando os gobernos a ir alén de "facer a foto" e de defender nun texto legal uns dereitos cuxa reivindicación vén de ficar plasmada nun breve documental, Sorrisos transformadores, dirixido pola realizadora Noemí Chantada e apoiado pola Deputación de Pontevedra.

A realidade que amosa Sorrisos transformadores é a de Pablo, Hugo, Ivana, Miguel, Penélope, Carmen, Cristina ou Jesús, persoas transexuais e profesionais que traballan con elas dende o ámbito das leis, a educación socia, a política ou a psicoloxía. Trátase, explica a asociación Arelas, de dar un paso máis alá na "visibilización" dos dereitos trans "sobre todo no ámbito rural, onde a visibilización deste colectivo é especialmente complicado". Neste sentido, resalta, a campaña da Deputación pontevedresa ligada ao propio documental permitiu que "se puxesen en contacto coa organización" varios menores de idade "para solicitar máis información, desmentindo a idea de que non hai menores trans", resalta Cristina Palacios.

O documental, realizado por Noemí Chantada e apoiado pola Deputación de Pontevedra, serve tamén como apoio á demanda dunha lei galega de identidade de xénero

Con este pano de fondo a presidenta da entidade provincial pontevedresa, Carmela Silva, asegura "non comprender" que a lei de identidade que piden os colectivos non poida saír adiante e co aval da unanimidade do Parlamento. "Esta importantísima demanda dos colectivos LGTBI está baseada no respecto ás persoas, á identidade sexual, á diversidade, á tolerancia e á liberdade nunha sociedade xusta, democrática e decente". Son, ao cabo, dereitos fundamentais que é "unha obriga" cumprir, afirma.

O documental, que agora continuará a ser espallado dentro e fóra da provincia de Pontevedra, conta con materiais complementarios como unha exposición fotográfica que xa pasou por doce concellos. Para a directora da peza, Noemí Chantada, todo este traballo podería ser resumido nunha frase que foi recollida na montaxe: "O único importante é que os nenos e nenas sexan felices" e para iso "a institución e a sociedade temos que camiñar xuntas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.