A homenaxe nacional de San Simón reivindica a memoria das vítimas dos campos de concentración franquistas

Monólito en homenaxe ás vítimas do franquismo na Illa de San Simón, instalado pola Xunta en 2006 CC-BY-SA Praza Pública

O histórico espazo da Illa de San Simón foi tornado polos franquistas en campo de concentración dende 1936 ata 1943. Por alí pasaron máis de 6.000 presos políticos que na actualidade teñen como única lembranza permanente no lugar o monólito instalado pola Xunta o 23 de xullo de 2006, que a Consellería de Cultura do goberno de coalición de PSdeG e BNG declarara Ano da Memoria ao facérense setenta anos do golpe. Esta lembranza "aos homes e mulleres que loitaron pola liberdade, a democracia e os dereitos de Galicia" estivo acompañada doutras accións como o impulso ao proxecto de investigación Nomes e Voces e a declaración de San Simón como Illa da Memoria, que caeu no esquecemento tras o retorno do PP ao Goberno no ano 2009.

Coas vítimas na memoria, pero tamén co recordo presente daqueles proxectos frustrados, a Iniciativa Galega pola Memoria -que agrupa diversos colectivos que traballan a prol da memoria histórica das persoas represaliadas pola ditadura- regresou este domingo a San Simón para celebrar un ano máis a súa homenaxe anual. Nas vésperas do 18 de xullo, data de inicio do levantamento fascista contra a II República, medio milleiro de persoas navegaron ata San Simón para acudiren a unha homenaxe que este ano estivo dedicada, precisamente, a quen estiveron recluídas en campos de concentración.

San Simón, pero tamén Camposancos, Oia, Figueirido, Rianxo, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Muros, Lavacolla, Betanzos, Ferrol, Cedeira, Ribadeo ou Celanova foron algúns dos lugares evocados na homenaxe como vilas e cidades nas que os golpistas habilitaron recintos para "confinar as persoas que defenderon a legalidade republicana". A escritora Susana Sánchez Aríns foi a encargada de pronunciar o discurso central dunha xornada na que a Iniciativa Galega pola Memoria reivindicou tamén que, "fronte ao que se acostuma pensar", tamén existiu "resistencia galega ao golpe" e "solidariedade" cos presos de San Simón, tal e como "amosaron moitas persoas da contorna, moi especialmente mulleres, que levaban comida, roupa limpa e consolo" aos presos.

A Iniciativa Galega pola Memoria volveu reivindicar a recuperación da declaración de San Simón como Illa da Memoria

Aquelas condicións de "fame, frío, enfermidade e tortura" foron lembradas entre bandeiras galegas e da II República nun acto que, un ano máis, foi tamén unha mensaxe ao Goberno da Xunta en clave de rexeitamento ao "baleirado da illa de calquera contido relacionado co seu pasado como campo de concentración franquista, chegando mesmo a cambiar a denominación de Illa da Memoria por Illa do Pensamento". Dende o retorno dos conservadores ao poder, destacan, "foi a Iniciativa Galega pola Memoria a que tomou as rendas da homenaxe nacional", á que "sempre se outorga un dobre carácter de recoñecemento e reivindicación".

A aprobación "dunha política de memoria" efectiva por parte dos gobernos español e galego, "a derrogación da lei de amnistía de 1977", a anulación das condenas dos tribunais da ditadura e a propia recuperación da denominación Illa da Memoria para San Simón foron outras das reivindicacións dunha xornada que non contou coa presenza de ningún representante da Xunta, pero si doutras institucións. Foi o caso da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, do deputado de Cultura da deputación pontevedresa, Xosé Leal, ambos do BNG, ou do edil do PSdeG na Coruña José Manuel Dapena, entre outros membros de organizacións sociais e políticas.

Participantes na homenaxe, este domingo en San Simón Dominio Público Memoria da Coruña
Un intre dos actos celebrados en San Simón Dominio Público Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.