Dous incendios en Monterrei afectan a 228 hectáreas

Imaxe aérea dun incendio no concello de Monterrei Dominio Público @BrifLaza
A Xunta considera controlados os dous lumes, un dos cales ralentizou o tráfico na A-52 e aproximouse a vivendas

A Xunta deu por controlados ao longo da noite deste sábado os dous incendios iniciados na tarde deste venres en dous puntos distintos do municipio ourensán de Monterrei e que afectan a 228 hectáreas. O lume aproximouse ás vivendas do núcleo habitado de Guimarei e fixo máis lenta a circulación pola Autovía das Rías Baixas (A-52).

O primeiro dos incendios comezou este venres ás 17.30 horas na parroquia de Infesta, situada na marxe dereita da A-52. Segundo as estimacións da Xunta, a superficie afectada é de 56 hectáreas e no seu control traballaron 23 brigadas, 11 motobombas, 13 helicópteros e seis avións, un despregamento que evitou que o lume afectase o núcleo habitado de Guimarei, situado entre a autovía e a antiga estrada nacional.

O segundo dos incendios no mesmo municipio de Monterrei, o máis grande, que afecta a 172 hectáreas, iniciouse tamén o venres ás 19.23 horas na parroquia de Flariz, na marxe esquerda da A-52, e estendeuse á de Vilaza. Neste incendio traballan 17 brigadas, oito motobombas, catro helicópteros e dous avións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.