Outra volta, Ourense. A provincia máis atinxida polo lume practicamente cada verán volve estar no centro da loita contra as lapas. O incendio que, declarado este xoves, comezou cunha superficie estimada "dunhas 20 hectáreas" na parroquia verinesa de Vilamaior, segundo datos da Consellería de Medio Rural, disparouse en poucas horas. A media tarde foi decretada na zona a situación 2, que implica risco para vivendas, pola proximidade do incendio ao núcleo de Queirugás. Ás 8 da tarde a estimación oficial da superficie afectada estaba por riba das 40 hectáreas e contra as 10 da noite disparárase alén das 500. Neste venres as cifras oficiais indicaron que arderan case 1.400 hectáreas nun incendio afectou os concellos de Verín e Vilardevós e que a Xunta dá por feito que foi intencionado. Xa ao mediodía, desde a Administración galega dábase por estabilizado aínda que non controlado aínda, desactivándose xa a situación 2 de emerxencia.
Así se encuentra el incendio Vilamaior a la llegada d #Brif Laza. pic.twitter.com/IkFWsm2oTS
— Diario de un Bombero (@BrifLaza) 03 agosto 2017
Inicio do incendio / Brif Laza
Como adoito, a dimensión pública do incendio transcendeu as localidades máis afectadas cando as lapas chegaron a grandes vías de comunicación. Non en van, o forte vento fíxoas avanzar moi rápido ata a obrigar ao corte da autovía das Rías Baixas (A-52) na contorna de Queirugás e tamén a estrada convencional N-525. Un vídeo gravado dende o seu vehículo polos membros do grupo musical Amparanoia, que viaxaba cara ao festival Sonrías Baixas de Bueu, amosa a virulencia do incendio.
80 km de Ourense,de camino @sonriasbaixas nos encontramos con este desastre en la naturaleza.la banda Amparanoia estamos bien
— Amparanoia (@amparanoiaofi) 03 agosto 2017
Animo Galicia pic.twitter.com/pGgJqmrHtJ
As lapas na A-52, no vídeo gravado polo grupo Amparanoia
Segundo a información difundida por Medio Rural na tarde do xoves no momento de declarar a situación 2 estaban a traballar na extinción do incendio de verín 22 brigadas, 10 motobombas, 12 helicópteros e catro avións. Ademais dos medios da Xunta incorporáronse ao combate do incendio membros da Brif de Laza, pertencentes ao Ministerio de Medio Ambiente, e efectivos da Unidade Militar de Emerxencia.
A extinción do incendio de Verín continuou durante a noite pero sen medios aéreos, que como adoito tiveron que retirarse ao ficar sen luz solar. Estes efectivos contra incendios actúan dende o aire na zona dende pouco despois das oito e media da mañá deste venres. Esta é a situación que atoparon os membros da Brif de Laza ao chegaren á zona.
#IfVilamaiorVerin #Brif Laza
— Diario de un Bombero (@BrifLaza) 04 agosto 2017
Parte 2 pic.twitter.com/BpCC9VwPrh
Estado do incendio este venres pola mañá
Desde a mañá deste venres, empezáronse a restablecer os servizos de luz e auga que quedaran suspendidos nas zonas afectadas por un incendio que comezou en Vilamaior de Val e se achegou a unha área cun medio cento de vivendas, aínda que nos casos máis graves acabou por alcanzar só o cerrume de dúas casas. O feito de que as lapas comezasen nun lugar onde hai unha semana se iniciara outro lume fortalece a hipótese de que fose intencionado. A conselleira Vázquez insistía na "intencionalidade" ao iniciarse o lume nunha zona "onde non era a primeira vez que había un foco".
A titular de Medio Rural asegurou que o rápido movemento do vento e a "sequía extrema" foron factores claves na propagación do lume nunha zona que leva "moitos meses sen chuvia". En canto aos danos, Ángeles Vázquez lamentou a "gran riqueza forestal" queimada, ao afectar montes repoboados en 2005 e 2009 e moreas de piñeiros e castiñeiros calcinados. Ademais, arderon moitos pastos e colmeas, aínda que non houbo danos persoais e ningún veciño tivo que ser finalmente desaloxado da súa vivenda.
O incendio arrasou áreas de "gran riqueza forestal", montes de piñeiros e castiñeiros repoboados en 2005 e 2009
Desde a comarca, o fastío é evidente entre a poboación. En Vilardevós, unha veciña que xa sufriu incendios na súa parroquia e agora ve desde a casa os das localidades veciñas, reflexiona: "É unha sangría todos os anos; levo xa moito tempo vendo isto, pero seguimos igual: gastan os cartos en apagar o lume pero aquí non hai prevención ningunha durante todo o ano".
O alcalde de Verían quéixase da falta de medios de "intervención rápida" mentres a conselleira di que houbo unha "rápida resposta"
E unha vez máis, as visións son ben diferentes segundo a proximidade ao lume das administracións. O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, queixouse da falta de medios de "intervención rápida" cos que, segundo el, podería terse "atallado" o incendio cando "era pequeno" e evitar así a súa propagación. "Está claro que a vixilancia non funciona. É conveniente pensar nalgún sistema de intervención inmediata para que o lume non se propague porque despois é incontrolable", dixo.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou que houbo unha "rápida resposta" e que o operativo foi despregado en só "oito minutos" tras o aviso de incendio.
Outras 300 hectáreas coñecidas en semanas previas
Como é habitual, a información a respecto do incendio de Verín comezou a fluír máis rapidamente a través das redes sociais da man de bombeiros e axentes forestais que actúan na zona que dende Medio Rural. Neste caso, así e todo, o Goberno galego si ofrece datos porque o incendio responde aos criterios que segundo a política vixente dende 2009 deben levar a informar a prensa e a poboación en xeral, isto é, máis de 20 hectáreas e ademais, risco para zonas habitadas. Está prevista, ademais, unha comparecencia ante a prensa en Santiago da conselleira Ángeles Vázquez para a mañá deste venres, na que informará do operativo tras visitar a zona afectada durante a noite.
Os escasos comunidados difundidos durante as últimas semanas por Medio Rural referíronse, case na súa totalidade, a outros incendios na provincia de Ourense. Así, dous que afectaron a Monterrei e outro en Vilamartín de Valdeorras sumaron dende finais de xullo unhas 300 hectáreas. Mentres, xa na provincia de Lugo, pero moi preto de Ourense, o Goberno comunicou nas últimas semanas un único incendio de 20,57 hectáreas en Pantón.
Precisamente, na tarde deste venres, declarouse outro incendio que afectou unhas 35 hectáreas e do que anunciou a Xunta. Iniciouse na parroquia de Araúxo, en Lobios, dentro da Serra do Xurés e moi preto da fronteira con Portugal. Os equipos de extinción desprazáronse ata a zona a primeiras horas da tarde, tal e como relata o BRIF de Laza neste vídeo. Quedou estabilizado a últimas horas da tarde.
#Brif Laza (Mañana) seguimos en #IFVilamaiorVerín #Brif Laza (Tarde) ya se encuentra el incendio de Lobios, Xurés! Y así se lo encuentran.. pic.twitter.com/OjiW5I066P
— Diario de un Bombero (@BrifLaza) 04 agosto 2017
Incendio na parroquia de Araúxo, en Lobios (Ourense)
Ademais, outros dous incendios que superaron cadansúas 20 hectáreas queimadas declaráronse no concello lugués de Pantón e no de Xinzo, tamén durante a tarde deste venres. Foi, concretamente, na parroquia de Toldaos do muncipio lucense e na de Damil, no de Ourense.